Obra

Antón Avilés de Taramancos - 2003


 

VIDA | OBRA | CRONOLOXÍA | LETRA, PALABRA E IMAXE | SOBRE AVILÉS DE TARAMANCOS

 

Antón Avilés de Taramancos foi, sobre todo e por riba de todo, poeta. A súa creación obtivo importantes recoñecementos a nivel nacional e galego, o que solapou o resto da súa producción que, en menor escala, se nutre tamén de textos narrativos desde epístolas ata ensaios, pasando por artigos, traduccións e un texto teatral que non se chegou a editar.

.- POESÍA.-

“Poeta de verso fresco e cristalino, épico e elexíaco, Avilés de Taramancos constrúe unha poesía poderosísima, grandiosa e coral. O amor, a ira nacionalista, a nostalxia imposible do home de dous mundos, flúe cunha forza arrebatadora nos poemas dun home rabiosamente vital que amou sen mesura a vida, a patria, a liberdade, a materia”. Con estas palabras descríbese a obra de Avilés de Taramancos na publicación Longa noite de pedra: editada por Ophiusa, e recollendo o título da obra de Celso Emilio Ferreiro, compílase ós poetas de posguerra en Galicia entre os que Antón Avilés ocupa un lugar privilexiado.

 Antón Avilés de TaramancosAntón Avilés de TaramancosAntón Avilés de Taramancos

Avilés de Taramancos edita o seu primeiro libro en 1955 con "As moradas do vento", á que seguiu "A frauta i o gargamelo" (1959) e Pequeno canto (tamén de 1959), polo que obtivo un accésit no premio da colección Brais Pinto. Ambas escritas durante a súa estancia en A Coruña e Ferrol onde pasou seis anos antes de emigrar a Colombia.

Durante o tempo que pasou en América só mantivo esporádicos contactos co mundo literario galego a través da correspondencia con Salvador García-Bodaño que en 1971 fixo publicar algúns dos seus novos poemas na revista “Grial”, ou da aparición en “La Voz de Galicia” do poema “Pranto por Urbano Lugrís” escrito en memoria do seu amigo pintor que faleceu en 1974. En 1963 escribe a primeira parte de Os poemas de ausencia.

Xa volto a Galicia publica en 1982 O tempo no espello, onde incluiu –ademáis dos dous primeiros libros, os titulados Poemas a Fina Barrios (1959), Poemas soltos a Maricarme Pereira (1961) e Poemas da ausencia (1961-1981).

En 1985 sae á luz Cantos Caucanos, en tanto que en 1989 publícase As torres no ar, e xa póstumo edítase Última fuxida a Harar.

Antón Avilés de TaramancosAntón Avilés de TaramancosAntón Avilés de Taramancos

 

LECTURA DE POESÍAS:

a. Primeiro amor, primeira morte, de O tempo no espello (1982)

b. Chachahuí, de Cantos caucanos (1985)

c. Poema de As torres no ar (1989)

d. A espada florescida, de As torres no ar (1989)

e. Primeiro canto, de Cantos caucanos (1985)

f. Crónica de Bernaldo Fros, de Cantos caucanos (1985)

g. Poema, de A última fuxida a Harar (1992)

h. Sofía, de O tempo no espello (1982)

i. Poema, de A frauta i o garamelo (1959)

 

 

 

.- NARRATIVA-

O tempo de emigración serviría tamén para que Avilés de Taramancos fixese algunhas incursións noutros xéneros literarios. Ademáis da poesía, desenvolveu o epistolar a través da súa correspondencia. Nas súas cartas reflexiona sobre a vida, a xuventude, o sufrimento e os soños envoltos, unhas veces en saudade e desacougo, e outras chegan cargadas de esperanza e ilusión.

Pero Antón Avilés tamén practicou como traductor, ensaísta, narrador e articulista, o que mantivo ó seu regreso a Galicia nos anos 80, colaborando en revistas galegas como Grial, Dorna ou Luzes de Galiza.

Nova crónica das Indias é o único libro de relatos de Antón Avilés de Taramancos que se publicou, en 1989, coincidindo coa edición do libro de poesías As torres no ar.

Cómpre mencionar tamén un texto teatral escrito en 1983 para os escolares de Serra de Outes baixo o título de Tres capitáns dos tempos idos, e que permaneceu inédito ata 2003, en tanto que unha recopilación dos seus ensaios atópase en Obra viva, editada en 1992, o ano do seu pasamento, complementando ós libros de poemas editados tamén de xeito póstumo.

 

 

A xeito de resumen, a obra de Antón Avilés de Taramancos pódese estructurar en:

 

OBRA POÉTICA.- Destacan tres períodos:

* 1. Antes do exilio (etapa en A Coruña e Ferrol).- entre 1953 e 1959 o autor publica:

• As moradías do vento (1955)

• A flauta i o garamelo (1959)

• Pequeno canto (1959)

 

* 2. Emigración (estadía en Colombia).- de 1962 a 1980, a súa creación poética pasa por:

• Poemas de ausencia (1963 e 1969)

• 10 poemas publicados en “Grial” (1971)

 

* 3. Regreso a Galicia.- de 1980 ata o seu falecemento en 1992, publica:

• O tempo no espello (1982)

• Cantos caucanos (1985)

• As torres no ar (1989)

 

* 4. Obra póstuma.- logo do seu pasamento en 1992 edítanse:

• Antoloxía poética (1992)

• Última fuxida a Harar (1992)

 

OBRA NARRATIVA.- Cómpre mencionar:

1. Epístolas, ensaios, traduccións e artigos que escribe, tanto na súa época de emigrante en Colombia, como ó seu regreso a Galicia..

2. Nova crónica das Indias: relatos publicados en 1989

3. Obra viva: recopilación de ensaios, artigos, conferencias, discursos e intervencións públicas do poeta, editada en 1992 como obra póstuma.

4. Tres capitáns de tempos idos: texto teatral datado en 1983 e publicado en 2003.

 

 

 

O tempo no espelloPRIMEIRO AMOR, PRIMEIRA MORTE

A Fina Bárrios, como epílogo do meu libro “Pequeno Canto” (1959)

 

Todo canto eu amei perdéuseme contigo:

a luz clara e vibrante da miña xuventude,

os bosques entrañables perfeitos de quietude

onde o vento vivía con un lecer antigo.

 

Entón era o silencio o meu mellor amigo,

era eu namorado de todo canto vía

vivir era unha leda, fermosa moradía

onde o mencer entraba recendendo a prantigo.

 

De súpeto viñeches con esa lonxanía,

caraveliño feble en terra ventureira

e eu abrín outra nova fiestra para o día.

 

E todo canto amei foi unha lumieira,

foi a fouce tan íntima que de cote se afía

para ceifar dun pulo brutal a primaveira.

 

(1960)

De O tempo no espello (1982)

Índice

 

 

 

Cantos CaucásicosCHACHAHUÍ

De Cantos caucanos (1985))

 

Ter unha casa en Chachahuí sobre do cume

do Cúndur-Cúndur que os incas bautizaron

polas grandes aves míticas. Ter unha casa en Chachahuí

e ver no fondo do precipício o Putamaio

brincar como un regueiro pequeniño.

 

Ter unha casa en Chachahuí

e escoitar á noitiña o zunido dos vagalumes,

dos cocuios, o canto do turpial

e o míar estremecedor do puma negro.

 

Ter unha casa en Chachahuí,

esquecerse do tempo, estar ao pé dun deus antigo

amigo do sol.

 

Ter unha casa en Chachahuí.

Abaixo, no camiño de Ipiales, na estrada do Ecuador

brillan as flores ventureiras.

 

Pero as estrelas son máis grandes.

Ter unha casa en Chachahuí.

 

De Cantos caucanos (1985)

Inicio

 

 

 

As torres no arDe As torres no ar (1989)

 

Na outra banda do mar constrúen o navío:

o martelar dos calafates resoa na mañá, e o saben

que están a construir a torre de cristal da miña infancia.

Non saben que cada peza, cada caderna maxistral

é unha peza do meu ser. Non saben

que no interior da quilla está a médula mesma

da miña espiña dorsal; que no galipote a quencer

está o perfume máxico da vida.

 

Que cando no remate ergan a vela, e a enxárcia

tremole vagarosamente no ar

será o meu corazón quen sinta o vento,

será o meu corazón.

 

De As torres no ar (1989)

Inicio

 

 

 

As torres no arA ESPADA FLORESCIDA

 

O sangue antigo que correu nos mares

verque a súa inocéncia na palavra:

Floresce a espada

 converte-se o aceiro en voza aberta

no confín e no mato. A sementeira

colonial dá agora

ese froito de luz nun lábio inmenso

 e din beixo e amor na nosa fala

 devolvendo en carícia tanto ferro.

 

Entón eu digo Guanabara e sinto

un arrecendo de xasmin silvestre

unha auga fresca que me encelma a língua;

e digo Moçambique ou Tomor-Leste

e unha pel doce que me sabe e nébodas

escuras e lonxanas

vai-me invadindo o paladar. A verba

 rompe o barro de Buño

 e derrama no mar esa ambrosia

que alguén recolle en cántaros de xade

 De As torres no ar (1989)

Inicio

 

 

 

Cantos CaucásicosPRIMEIRO CANTO

I

Era o clamor universal:

gorxeaban os astros o seu canto,

e o río inmenso

esfarrapaba a vaxina froital do mundo

no ámbito do Cauca.

 

Un deus sinxelo apacentaba os aerolitos

ao pé das criaturas inocentes

-branco corazón de guanábana-.

 

II

Vén na doce cantiga da torcaza

todo o amor a me subir na illarga:

e bico os dous peitiños de María

como poidera un temporal, acaso,

bicar a flor.

 

Cómo ergo o meu estandarte de brétema

-a memoria é un can tan triste,

tan triste-.

 

Cómo ergo, digo, o meu estandarte de sol

e nos outeiros brúa o meu corazón,

o meu corazón

que un día afiaron afervoadamente

pola beira do mar.

 

E en Guacarí bebe-se o sal do mango biche

en Guacarí.

 

Pero de súpeto o paxaro prismacolor

ouvea como unha torre solitaria

e quixera estender o sangue ao vento

nas caneiras do Cauca.

 

III

Necesito tanta fermosura

coma un día calquera en Popaián

-pero xa ninguén ceiba

os poldros a voar

como antigamente-.

 

E vou derramando a miña arxila,

o vello barro occidental

na agra aberta de Palmira

no límite do tempo.

Aí como amo a Tulúa

onde os cóndores

esfollaron un día margaridas.

 

E amo o sancocho, miña nai,

e amo os trapiches

coa ternura elemental do tigre.

 

IV

Non hai regreso, avoa,

nunca

regresa o mesmo home

ao mesmo sitio.

 

O lobo do deserto

perdeu a túa voz,

e a auga clara da túa man

non apaga a saudade revertida.

 

Todos os rumbos, todos os navíos

levan-me ao grande río a renacer:

 No ámbito do Cauca.

 

De Cantos caucanos (1985)

Inicio

 

 

 

Cantos CaucásicosCRÓNICA DE BERNALDO FROS


I

“Quand’eu soby nas torres sobre lo mar”:

a nave branca, a nave

onde o meu corazón soía cantar…

 

Deixaramos o porto de Os

o país etéreo onde Ulises Fingal tecera un soño

de fragatas errantes, de afogados

nídios no seu clamor como coitelos

relocindo na noite.

 

Deixaramos o porto de Os. a alta proa

collía rumbo ás illas.

Aínda o viño era dóce nos beizos,

e o pavillón do amor ía encravado

na metade do peito.

 

Cara o leste

a luz do mar reverdecía os anos. Cara o leste

adentrámono-nos no infindo do mar.

 

¡O navío no vento era tan leve!

A terça noite era de mar brunida,

cantaban as madréporas, cantaban

e un xílgaro invisíbel bramía no bauprés.

 

(A sirea peitea os seus gadellos irtos

e a súa caveira centilea

como un sartego de xade,

magnífica de terror.)

 

O tripulante insone vai no leme

e non fai sombra o seu corpo de acrílico amarelo:

A noite fora un túnel no límite da estrela.

 

Saíramos do porto de Os…

O navío sulcaba branco, branco:

o seu apavorado resplendor

era irreal no tempo. As altas illas

pasaban entre a néboa. Pedra escura.

E a ave antropomorfa –a inmensa ave-

apousentábase no mastro,

os seus ollos tradeaban a negrura total

e o seu alento arrofiaba

os micro-circuitos da memória.

Un anxo alucinado ía guiando

a nosa singladura.

¡Cómo era leve no vento a nosa nave!

 

De Cantos caucanos (1985)

Inicio

 

 

 

Antón Avilés de TaramancosPOEMA

 

Anxo da noite, cazador no escuro

que vés flamíxero a me expulsar do souto:

o varal está listo, a andália posta,

o corazón afeito ao longo exilio.

 

O mundo que eu criei foi só de sombras,

soños foron os froitos, as vendimas,

só o amor brillou, brillou acaso

tamén o lar da pátria sempre aceso

que me mantén o sangue enaltecido.

 

Mais a palavra, si, foi sempre viva,

foi a espada e arado e cotovía,

lanza de señardá, ai meu amigo,

derrota e singradura. O artificio

é o que me leva agora a este desterro:

quero volver á simples moradia

que un día fixen no dintel do vento,

á terra de labor, xa feito cinza

para pular na saiva, e ter de novo

os paxaros na man…Ese outro tempo!

 

De Última fuxida a Harar (1992)

Índice

 

 

 

 

O tempo no espelloSOFÍA

 

Hoxe amiga quero soñarte núa,

núa coma un cristal na escuridade.

É primavera en Noia, e a noite

será unha longa mina de diamantes.

 

Ando lonxe e senlleiro, triste e lonxe,

como unha besta acoitelada brúo

e arrepíanse os Andes o meu paso.

 

Camponesa de Cáqueza, ferida

quixera verte hoxe nos meus brazos

eivada como un anxo en rebeldía,

entón sería o meu amor a furna

da túa fronte aterecida e pálida.

E sería o meu nome a túa patria.

 

É primavera en Noia e ando lonxe

ermo na miña por diante da noite:

montañesa dos Andes con que gozo

apreto a túa man estraña e única.

 

De O tempo no espello (1982)

Índice

 

 

 

Antón Avilés de TaramancosDe A frauta i o garamelo (1959)

 

Vives no suave corazón da choiva,

desta salvaxe noiva que me aperta

na quentura das eiras amorosa.

 

A morriña das arbres no teu corpo

de delgados sorrisos,

no teu acordeón ferindo o vento.

 

Este ouriol senlleiro do teu froito,

de esmorecidas corredoiras lenes

durmindo no verdor en que foi nado.

 

Meu levián paxaro, compañeiro

das fiestras de tarde, das fiestras

de tódolos paxaros apagados.

 

Pola melancolía dos fieitos

escorre o teu cristal, e levo longas

verbas de choiva amiga polas arbres

 

De A frauta i o garamelo (1959)

Inicio