Obra

Eladio Rodríguez González - 2001


VIDA | OBRA | CRONOLOXÍA | SOBRE ELADIO RODRÍGUEZ GONZÁLEZ

lexicófrago | poeta | xornalista

Eladio Rodríguez, LEXICÓGRAFO.

“O Diccionario enciclopédico gallego-castellano plasma o ser de Galicia como tradición enxebre aberta ó universal”. É a expresión coa que Camilo Fernández Valdehorras, escritor e profesor de Filoloxía galega e portuguesa da Universidade de Barcelona, define a que, sen dúbida, é a obra máis significativa de Eladio Rodríguez que, sen embargo, non a viu publicada, xa que primeira edición faise logo do seu pasamento.

Foi en 1950, coa aparición da editorial Galaxia e o patrocinio da Casa de Galicia de Caracas, cando se empezou a xesta-lo proxecto de publicación desta obra que recolle “unha importantísima consunción de voces, modismos, locucións, refráns, costumes. En paciente tarea de moitos anos, recadou datos sustos dese mundo amplo, emocionado, que é a vida popular. Non só léxicos, senón históricos, xeográficos e etnográficos. Coñecía con verdadeiro amor o dicir das xentes do pobo”, según escribe Fernández del Riego.

Foi un traballo de compilación refráns, cantigas, modismos populares…que lle ocupou a Eladio Rodríguez toda unha vida, e que hoxe atopamos recollida nunha primeira edición de tres volumes sacados ó mercado por Galaxia entre os anos 1958 e 1961, e baseados nun manuscrito de preto de 15.000 cuartillas que hoxe está depositado na Fundación Penzol, según os datos dos profesores do Departamento de Literatura Galega da Universidade de Santiago María Álvarez de la Granja e Ernesto González Seoane. Esta primeira edición de Galaxia –a tenor das explicacións de Fernández Valdehorras- artellouse en tres volumes: un lemario cunhas 46.000 entradas e dous apéndices (un vocabulario de voces pandialectais ordenado por Bernardino Graña e Méndez Ferrín de 114 páxinas e outras 77 cun vocabulario castelán-galegode 4.638 palabras. Inclúense tamén 11.363 refráns e máis de 12.000 locucións ou frases proverbiais.

O Diccionario Enciclopédico gallego-castellano foi pacientemente construido por don Eladio a través da recollida de palabras e da súa clasificación en numerosísimas fichas. Da paixón que adicou a este labor ó longo da súa vida conta Ramón Otero Pedrayo que don Eladio recollía palabras ata durmido.

Algúns exemplos do que contén este Diccionario Enciclopédico gallego-castellano son:

*) BECERRO.- “Tombo, libro de pergameo no que conventos e mosteiros copiaban os seus privilexios e pretensas máis importantes. Os becerros máis sinalados de Galicia eran os de Sobrado dos Monxes, Samos, Celanova, Oseira, Melón, Meira, Monfero e San Clodio do Ribeiro de Avia”.

*) GALLOUFA.- “Comida que se daba ós peregrinos pobres que viñan a Santiago pedindo esmola. Equivale á “compostela”.

*) MIÑATO.- “Afirman ós campesinos que se laguen colle a cabeza dun miñato e a coloca sobre o estómago, farase querer de todos, especialmente das mulleres; e que se a cabeza do miñato se pendura do pescozo duna galiña, esta correrá sempre e non parará ata que llela quiten; e que se frota co sangue do miñato a crista dun galego, este non volverá cantar”.

*) ALFOMBRA.- “O tiracoios ou tirapedras especial chamado alfombra empregábano os rapaces dos arrabaldes da Coruña nos combates a cantazos que adoito sostiñan entre si, divididos por bandos, pois con ese enxeño arrebolaban coas pedras moito máis lonxe que coa man. As pedreas desapareceron e da alfombra só queda unha pequena lembranza”.

*) MARIMONDA.- “Cada unha das tres protagonistas do conto galego folclórico titulado As tres marimondas, unhas mulleres malencaradas e con cabelos moi revoltos para lles poñer medo ós nenos”.

*) ESTRUMAR.- “Antigamente estrumábanse as rúas dalgunhas cidades galegas; como isto era perigoso para a saúde pública, as ordenanzas de Ourense de 1509 prohibiron que dende os primeiros de cda mes de decembro se lanzaran estrumes nas rúas”.

*) CALZADO.- “Consta en documentos que por auto e pregón do Concello da Coruña do ano 1434 se prohibiu adicarse á venda de calzado a quen non pertencese á Confraría de zapateiros e non fose vecinos ou moradores da poboación, ós que o auto chamaba estranxeiros de forra. Decrétase tamén que os que non respectasen o acordo se lles imponía por primeira vez 60 maravedís de multa; a segunda vez, a perda do calzado; a terceira, trinta días na cadea e máis o pago de dita pena. No auto xa se dicía que a Confraría dos zapatos era antiga”.

*) BUXAINA.- "No xogo da buxaina hai as modalidades: da cova e do circo. Para o primeiro faise de antemán unha cova pequena no chan; un dos xogadores tira con forza o peón para que baile; botan os seus sobre el os demais, procurando que os ferretes fagan cuncas no que baila; e cando acaba de dar voltas, o dono substitúeo por outro peón de pouca estima, feito xeralmente de pau-pau para que faga de pandote. Recolle cada quen na palma da man a súa buxaina, que se ha demanter bailando, e bótana á rolda contra o pandote. Se os xoguetes quedan moi xuntos, (“dándose bicos”, como os rapaces din), a buxaina non pode recollerse ata que deixe de bailar, caendo mentres sobre ela as buxainas de tódolos demáis. Ó pandar outro, reitira o anterior o seu peón, dicindo: pu que agarro, pois de non dicilo ha seguir pandando. E se o pandote está na focha todos procuran facelo saír de novo cos golpes dos seus peóns; mais se algún destes fica dentro, o dono non pode retiralo ata que pare de bailar. Cando algunha buxaina consegue sacar un pandote da cova colócano entre dúas pedras, e alí cada xogador dálle co ferrete da buxaina catro cuncas de bandallo tan fortes que non é raro que escache, partindo en dous”.

Volver arriba

 

Eladio Rodríguez, POETA

“Sei que hai moitos que disprecian a lírica e din que os tempos actuales son de prosa. Eu non me chamarei poeta. Poetas son os escollidos, os predestinados, os que teñen ás no pensamento e lanzan a chuvia de estrelas das súas estrofas sobre das almas. Nado na aldea e alí feito mozo, quixera ter a imaxinación que non teño para pintala. Alí hai bágoas constantes e feridas eternamente abertas; por eso a poesía galega permanece invariable. Todo eso que vexo na aldea, as corredoiras, as gándaras, os piñeiraes, as mozas, tróuxeno aos meus versos…”. Son palabras empregadas polo propio Eladio Rodríguez, recollidas en A Nosa Terra do primeiro de xuño de 1925 e agora rescatadas da hemeroteca para axudarnos a defini-la obra poética deste escritor que, según o historiador Marcos Valcárcel, “denuncia a miseria, protesta contra o caciquismo e láiase polos emigrantes”.

A súa poesía está considerada como eminentemente costumista, con notas patrióticas, de rebeldía ou loita, e moi influenciada por Lamas Carvajal, Curros, Cabanillas e Pondal. Caracterízase polo seu ruralismo, por unha actitude cívica identificada coas loitas agrarias e máis pola inclusión de elementos míticos de raíz fundamentalmente celta na reivindicación patriótica.

Eladio Rodríguez comezou de mozo escribindo poemas na súa aldea natal de San Clodio (Ourense), que foron publicados na revista O Tío Marcos da Portela e que lle valeron, ademáis, varios premios galegos, como o Caravel de Prata que consigue en Betanzos en 1887 polo poema “O puzo do barco”; ou os Xogos Florais de Tui onde acada o premio de honra en 1891. Xa en 1918, no ano en que se celebra a Asamblea Nacionalista Galega, obtén o primeiro premio e máis o premio extraordinario da Festa Galega organizada en Lugo coas composicións “Alma de Raza” e “¡Malpocado!”.

“Os galegos forra dos lares”, de 1886, foi o primeiro poema publicado en O Tío Marcos da Portela que lle abriría as portas doutras publicacións como Galicia, El Eco de Galicia da Habana, A Monteira de Lugo, a Revista Gallega da Coruña ou Follas Novas da Habana.

Apoiándose nas súas incursións poéticas en prensa, Eladio Rodríguez publica o seu primeiro libro en 1894, e cando contaba 30 anos de idade: Folerpas. Nel recolle algúns dos poemas que xa viran a luz en distintas publicacións, e que responden ós subxéneros da lírica do momento, baseándose de xeito especial no costumismo como demostran descricións do San Xoán, as festas e romaxes con mozos e mozas, os bailes labregos con gaiteiros, os diálogos no muiño ou as lendas populares que se recollen nalgúns poemas.

Logo desta primeira experiencia pasarían case trinta anos ata ver unha nova publicación de Eladio Rodríguez: Raza e Terra, de 1922, foi o segundo libro de versos deste autor. Mentras que o primeiro aparecía na Biblioteca Gallega de Martínez Salazar –a colección na que atopamos títulos clave da nosa literatura- Raza e Terra ve a luz en Ferrol na colección Céltiga. De temática semellante ós de Folerpas, os escasos doce novos poemas manteñen unha continuidade co poemario inicial, e só “As fouces” e “Xan labrego” foron concebidos na liña do berro libertador posto de moda por Cabanillas. Oito dos doce poemas deste libro serían logo reeditados na seguinte publicación.

Menos tempo pasou entre este segundo libro e o terceiro e máis coñecido do poeta: Oraciós campesinas. Versos galegos (editado por Roel en 1927). Con él despediríase Eladio Rodríguez da edición poética, xa que foi o último poemario publicado en vida do autor. As 81 composicións suponen unha importante escolma da súa obra que abrangue dende 1908 ata a data da súa publicación. Case vinte anos de creación poética compilados nunhas páxinas a través das que Eladio Rodríguez regresa á súa terra natal, establece un vencello especial co mundo agrario e humilde, manifesta os seus influxos do Rexurdimento, promulga o agrarismo abandeirado por outros autores de sona como Cabanillas e crea uns versos que rebosan adoración pola terra e as súas raíces rurais.

Completan a súa creación poética “Terra miña” e “Sementadores de Ideal” –dúas obras que nunca viron a luz-, así como “Canción do camiño” que aparecía na revista El Eco Franciscano de Santiago de Compostela, e que está considerado o último poema do autor.

 

¡DEMO NON DIGAS!

 

Todol-os días falan de reformas

que serán proveitosas pr’os labregos,

y-anque fai tempo xa que se cobizan,

¡vai boa! nunca salen de proyeutos.

 

Quéixanse os probes de que n-é posibre

vivir eiquí en Galicia cos trabucos,

y-os gobernantes, pra calmar suas queixas,

fanse o sordo e prenúncianlle discursos.

 

Por eso, cando penso algunhas veces

que entre tantos partidos como hai hoxe

n-ha de haber un xiquera que consiga

o cobizado ben estar dos probes;

 

Cando vexo que todal-as reformas

encamiñadas á facer xusticia

lle salen ô rivés, cal si unha meiga

andivese na conta entrometida,

 

Eu, como son supersticioso, créndo

que estarán todos eles embruxados,

pol-o baixo, y-alá con certa sorna,

digo pra min: ¡Si habrá que esconxuralos!

(Folerpas, 1894)

 

O CAMIÑO

 

Terra miña, meiga terra,

terra mansa;

déixate de mansedume;

vólvete brava,

verás como entonces

ninguén te asoballa.

Non todo ha de ser morriña,

nin ha de ser todo mágoas,

nin has d’estar pidinchando

como pidinchan os que andan

asempre â esmola dos favores

que abichornan e rebaixan.

Pasou o tempo dos choros

e das bágoas,

e xa é hora de que seipas

terte forte cos que mandan,

pois é millor que che teman

que non que che teñan lástima.

Canto máis chores pidindo

máis te verás aldraxada,

que os pobos que choran

son pobos sin alma.

Terra meiga, doce terra,

miña pátrea…

Fíate dos teus esforzos

e tén fe cega na raza.

Sigue sin medo o camiño

do progreso e das espranzas;

camiño seguro,

non limpo de lama,

que os novos pobos emprenden

y os teus destinos che marcan.

Terás n’él moitos tropezos,

darás moitas coteñadas,

máis anque tripes espiñas

e sangue che fagan,

e sáquel-os pes feridos

si vas descalza,

non desconfíes

da redentora xornada,

que â derradeira está o trunfo

dos que poden y-os que mandan.

Coa conciencia do que vales,

móstrate brava,

verás como entonces

ninguén te asoballa.

Loita pol-o teu adianto

con voluntá forte e santa,

que os pobos que loitan

son pobos con alma.

Terra miña, meiga terra,

terra mansa…

Fai que nos teus campos ermos

canten de cote as aixadas

o himno trunfal do traballo;

que fumeguen as tuas fábricas

como us incensarios

que nunca se apagan;

que no amor ô chau nativo

comulguen todal-as almas;

que n’este espertar grorioso

de redención e xuntanza

non falten os teus bos fillos,

e que se abran

as fenestras do futuro

cara â nova vida atlántica…

Sigue por ese camiño,

si queres ir na compaña

dos pobos que pensan

e saben ter alma

(Raza e Terra, 1922)

 

ORACIÓS CAMPESIÑAS

 

Quixera que os meus versos

cheirasen á terra húmida,

unxida e consagrada

no vello e santo rito das decrúas:

no rito do traballo,

que é rito de fartura

i-é rezo relixioso e aloumiñante

d’unha nova liturxia

que nos atrai con voz de sementeiras

e nos quenta con líricas quenturas.

 

Quixera que os meus versos

sonasen sempre á cántigas barudas;

á cántigas de aixadas

que arrincan os terrós nas cavaduras,

i-á oraciós campesinas que dispoixas

de adeprendidas non se esquecen nunca,

porque falan de espigas

e de anadas fecundas

que levan moita vida ôs cabaceiros,

e levan grau âs tullas,

e levan agarimo ôs lares probes

e levan pan âs huchas…

 

Quixera que os meus versos,

en arroutadas de emoción profunda,

tivesen oraciós de atardeceres

entr’as estrofas súas,

e laios de alalalaas que alá ô lonxe

morren mainiños n’unha nota única…

Quixera que en ofrenda

â meiga Nai Natura

recollesen o sagro misticismo

da maxestade augusta

do campo, â bocanoite,

cando o día esmorece e se amortuxa,

cando o lirismo chouta pol-as veigas,

cando as copras garulan

ledas e graleantes,

e cando o lusco e fusco anda â precura

do Acougo e do Misterio

pra botarse a dormir nas espesuras…

 

Quixera que os meus versos

entrasen nas casupas

homildes das aldeas,

á esa hora sagra das reunións nocturnas

en que a cociña é un tempro

de ceremonias rústicas

i-en que a lus morriñenta

se envolve no mantelo da parruma;

i-alí, ô pê da lareira, ô amor do lume,

entramentas gurgulla

o esguerio caldo no bazuncho do pote,

visen cómo a familia, toda xunta,

reza o santo rosario

e roga pol-as almas xa difuntas

e pol-os nenos orfos

e pol-os desherdados da fertuna,

e pide á Deus o pan de cada día

en patriarcales súpricas…

 

Quixera que os meus versos

entendesen a voz calada e muda

con que as sombras da noite

moumean sordamente i-âs escuras

o seu “Ora pro nobis”,

como oración nouturna

que corre pol-as fragas

asomellando marmullar de bruxas,

mentras na leiras o Silencio dorme

i-as valgadas se esfuman

i-os agoiros despertan

i-as fadas todas xogan e rebuldan;

mentras nos piñeirales

tece e destece a lúa

os seus fíos de lus entr’a pinica

formando as máis pantásticas figuras,

ó tempo que alá enriba parpadexan

e estrelecen e trunfan

os olliños do Ceo

que non se pechan nunca,

porque os abriu para sempre a Eternidade

i-están de cote â esculca…

 

Quixera que os meus versos

chegasen âs conciencias máis escuras,

e despertasen n’elas

as voluntades murchas,

e prendesen nas almas

a arelas patrióticas máis xurdias,

e rezasen á eito

a pregaria eucarística e litúrxica

do santo amor á todo canto é noso

i-á todo canto en nòs vive e perdura,

pra que así nos sentísemos

nas xornadas futuras

máis grandes e máis donos de nòs mesmos

diante da nova lus que nos aluma,

diante da nova Era

que os feitores dos pobos nos anuncian.

 

Quixera que istes versos

fosen canción de chuvia

que cai mainiñamente na outonada

sóbor das follas murchas,

cando os campos se esconden entr’a brétema,

i-ó paisaxe se viste de tristura

i-o vento tolaineiro

na carballeira funga,

en tanto a Terra Virxe,

xa feita Nai, recréiase na sua

nobre Maternidade,

máis grande e máis groriosa que ninguna.

 

Quixera que os meus versos se trocasen

en oraciós sinxelamente rudas,

en oraciós dos campos

que os fouciños pronuncian

i-os mallos cantan diante do altar das eiras

como unha doce e mística canturria

que sona agasalleira pol-os eidos

á fecundante música;

oraciós campesinas,

inspiración das galicianas musas,

que saben de infertunios

e saben de penurias

e saben de traballos

que soilo os probes con pacencia aturan,

e saben ben de maus que se encallecen

méntral-as frentes súan,

e hastra saben de corpos engoumados

que enriba dos arados se debruzan

por devoción â Terra,

Nosa Santa Señora da Fartura.

 

Quixera que os meus versos,

limpos de compostura,

fosen as oraciós que á decotío

se rezan nas seituras,

e dan animación âs lagaradas

trocando en viño as uvas,

e brincan pol-os agros

co algueireiro troulear das escasulas,

e teñen morna craridá da aurora

e maina lus de lúa;

oraciós que nos falan de espadelas

e que nos cantan cantares de debullas,

e gardan o arrecendo

da Nai Terra en lentura,

da Terra remexida e consagrada

no rito das decrúas;

d’esta Terra barril, Nai de Saudade,

que tanto vive en nòs e nos embruxa,

que queremos que seia o noso berce

i-a nosa sepultura…

¡pra saber que os seus rezos milagreiros

inda dispois de mortos nos arrulan!

(Oraciós campesinas, 1927)

 

Volver arriba

 

Eladio Rodríguez, XORNALISTA.

Íntimamente vencellado á súa cidade de adopción –A Coruña-, e sentindo un acordo constante cara a súa terra natal que reflexaba nos seus versos –a vila ourensá de Leiro e a parroquia de San Clodio-, de Eladio Rodríguez consérvanse artigos xornalísticos, tres libros de poemas e o seu recoñecido Diccionario enciclopédico gallego-castellano.

 A súa representatividade no panorama xornalístico coruñés queda de manifesto no cargo de presidente da Asociación da Prensa da Coruña que él mesmo axundou a fundar en 1904.

I é na Coruña, e compaxinando co seu traballo de funcionario municipal, onde dirixe o xornal La Mañana no que comezou colaborando.

Pero Eladio Rodríguez tamén tería unha importante relación con outro xornal coruñés aparecido en 1880: El Noroeste. Unha relación que se xesta a través das páxinas do seu suplemento titulado “Nós. Páxinas gallegas do diario da Cruña El Noroeste”: considerado o antecedente inmediato de Nós, este suplemento –no que colaboraron personases da relevancia de Manuel Antonio ou Vicente Risco- aparece o 17 de setembro de 1918 cun artigo do propio Eladio Rodríguez titulado “Na xuntanza está a forza e na forza o trunfo”, e que comeza:

“Todos levamos dentro de nós unha obriga moral que temos que cumprir honradamente. Deixémonos de parolas. As parolas son leira; as parolas levas o vento (…). Os gallegos precisamos realidades vivas, algo que nos saque das nosas vellas morriñas e que nos leve ôs destinos. Xa o dí o enxebre Castelao. Hai que ir fuxindo da gaita e do tamboril como representación da nosa raza. O hálala y-a muiñeira y-o aturuxe xa non poden ser a encarnación das nosas ansias no porvir.

Temos que pensar que estamos en tempos novos e momentos decisivos. Fainos falla pechar con sete ferrollos a porta do pasado, pra que non volvan a sair pol-as rusa adiante as nosas lilaileiras choromicadas, dos pidinchós que queren vivir da esmola sin saber empregal-as forzas propias no seu propio ben.

O gran Castelao fáinol-o ver d’unha maneira maxistral no dibuxo simbolista que nos mandou e que vai a cabeza d’estas páxinas. NOS non hemos de grabar ô noso artista, porque NOS somos NOS y-esto abonda. Pero sí poderemos decir todol-os gallegos: Vel-ahí está n-unhas rayas e n-uns borranchos, coma quen dí, encerrado todo o problema do galleguismo.

Os lions y-as águias que dan vida na pedra ôs capiteles do Pórtido da Groria e que teñen enriba de sí a pedra dos anos forman unha leición práctica que debemos adeprender hasta sabela de memoria.

Os gallegos traballadores, os de boa fe, os dos fondos entusiasmos y-as sanas orientaciós, os que loitan e loitan pol-a redención da nosa terra, han de comenzar por sel-os lións y-as águias dos novos tempos pra erguerse coraxudos arrimando o lombo uns ôs outros, e pra guindar a lousa do centralismo que nos esmaga, tirando co-ela hastra escachizala.

Entonces haberá pr’a nosa terra unha alborada de rexurdimento, porque morto o centralismo terá que que morrer tamén o caciquismo que nos afoga e que soilo vive das falcatruadas, amparado por esa centralista forza bruta e absurda que non sabe dar máis que paus de cego e que na sua ignorancia ou na sua comenencia coida que todol-os pobos son iguales, como si non tivese cada un a sua característica y-a sua personalidade.

Pensen os gallegos de corazón que na xuntanza está a forza e na forza está o trunfo. Adiante, pois, adiante sempre!”.

 Ademáis, e como mostra da relación entre os literatos da época, en 1920 aparece Eladio Rodríguez como colaborador da revista Nós de Ourense que dirixe Vicente Risco.

Volver arriba