Frei Martín Sarmiento, monxe bieito

Autor: 
Julián Barrio Barrio

 

Non lle falta razón ó autor do escrito, aparecido entre mil setecentos cincuenta e cinco e mil setecentos sesenta e un, que leva por título Del estado de la Literatura en España... Diálogo en castellano por un español apasionado de la verdad, no xuízo que fai sobre Frei Martín Sarmiento di: Uno de los sabios que traté fue un monje benedictino..., es de aquellos que... no se aplicaban tanto al estudio de la ciencia que profesan cuanto a otras muy ajenas de su profesión y estado. No hay duda que su erudición es muy vasta, pero por un rumbo muy extraño. Se ha dado a un género de literatura a que pocos se dedican; y esto ha hecho el que tengan más crédito que en el que en realidad se merece...

 

Se temos en conta a enciclopédica producción literaria e a inxente variedade temática desenvolvida por Frei Martín Sarmiento, non cabe dúbida que o devandito autor ten razón. Nembargantes, para acadar un coñecemento cabal e solvente dun escrito hai que ter en conta como regra básica hermenéutica o espírito e a situación vital [Sitz-im-Leben], como dirían os alemáns, do seu autor. E aquí hai algo no que tódolos autores e estudiosos están de acordo: Frei Martín Sarmiento, o Padre Sarmiento, foi un monxe bieito. A súa pertenza á orde bieita é, pois, a clave hermenéutica inexcusable para un achegamento a obra sarmentiana serio e libre de prexuízos. Hai que ter sempre en conta que por riba da súa actividade investigadora en tódolos eidos do saber e malia as súas rarezas e excentricidades, o Padre Sarmiento sempre mostrou unha actitude interior de quen viviu a súa vocación enteira de home consagrado á vida religiosa segundo a Regla de San Benito, como él mesmo nos di: Como católico que soy, yo sometí siempre y someteré a mi inteligencia in obsequium fidei. Como religioso, con toda libertad mostré sumisa –desde niño- mi voluntad y mi comportamiento a quienes son mis legítimos superiores. Y como monje, poco me costó vivir solo, desilusionado de todas las relaciones civiles, políticas o del mundo literario.

 

A tenor destas manifestacións e doutras semellantes, penso que son interpretacións moi forzadas e artificiais as que algún autor fai do talante triste, crítico e inconformista do Padre Sarmiento, dicindo que reflicten “un no sé qué de vida frustrada”. Máis ben a inquietude e desasosego sarmentianos hai que achacalos por unha banda á súa sede de saber, moi difícil de calmar en gran parte por mor da súa profesión de escepticismo, herdado do seu mestre, amigo e confrade Feixóo, escepticismo non entendido no sentido pirrónico de dúbida universal, senón sinxelamente como unha prudente actitude de cautela, de reserva mental e de retención do xuízo ante a incerteza das ciencias físicas e da natureza. Por outra banda, este desasosego e inquietude fincan as súas raíces na espiritualidade da Regula Benedicti, que no Cap. IV aconsella temer o día do xuízo, sentir terror do inferno, desexa-la vida eterna coa maior ansia espiritual e ter a morte presente ante os ollos cada día. No fondo está a actitude teolóxico-existencial agustiniana do “cor inquietum” que non se calmará ata que descanse no Deus que o creou [Fecisti nos Deus ad te et inquietum est cor nostrum donec requiescat in te].

 

No que segue tratarei de facer unha interpretación dalgúns aspectos deste polivalente e apaixonante persoeiro, que foi o Padre Sarmiento, dende a devandita clave hermenéutica da súa pertenza á orde bieita. Para iso comezarei pola

 

1. FORMACIÓN BIEITA

 

Por máis manido e archiconocido que sexa non por iso se debe calar que este persoeiro naceu o nove de marzo de mil seiscentos noventa e cinco en Villafranca del Bierzo, anaco della así vulgarmente nomeada Galicia irredenta, onde o seu pai Alonso García de Seraxe, que estudiara Artes en Compostela e formárase xunto ós mestres do barroco, dirixía as obras da Colexiata desta vila e do pazo-castelo dos marqueses de Villafranca. Esta Colexiata, que antes fora priorato cluniacense [nomeado de Santa María de Curuniego], por bula concedida polo papa Clemente VII en Bolonia o vinte dous de marzo de mil cincocentos vinte nove a instancias de don Pedro de Toledo e da súa muller, doña María Osorio Pimentel, II marqueses de Villafranca, trocárase en Colexiata, centro da abbatia nullius artellada con parroquias e beneficios eclesiásticos en terras bercianas, cabreiresas, bolesas e valdeorresas, pertencentes á diócese astorgana.

 

A finais do século décimo sétimo, polo tempo do nacemento de Sarmiento, despois de máis de cento cincuenta anos aínda se seguía construíndo, estando na actualidade sen rematar. Este foi o primeiro contacto, aínda que inconsciente, do cativo Pedro Xosé –nome de Martín Sarmiento- co mundo monástico.

 

Ós catro meses de idade a familia de frei Sarmiento trasladouse a Pontevedra, que considerará a súa patria, onde comezou ós dez anos os estudios de humanidades, no colexio dos xesuítas, e no que tamén acabou ingresando o seu irmán Xosé Antonio.

 

Como o mesmo Sarmiento nos di, non era moi raro por aquela época atoparse con freires nas rúas de Pontevedra: A un paseo de Pontevedra está el Colegio de Lérez, de benedictinos. A tres leguas está el de Armenteira, de bernardos. Por acaso había visto en Pontevedra monjes benitos, con cogulla, en una rogativa. Era tan niño que ni aun había oído nombrar a San Bernardo, ni había visto su cogulla. Sucedió que predicó en Pontevedra un monje bernardo, con su cogulla blanca. Víle predicar, y habiéndome preguntado en casa quién había predicado, respondí: Predicou un frade de Lérez, vestido de branco. ¡Ni Tito Livio respondería con más propiedad si no tuviese más especies anteriores que las que yo tenía entonces!.

 

Esta abundancia de monxes no vivir cotián de Pontevedra espertou sen lugar a dúbidas o interese do neno Pedro Xosé pola vida monacal. Mais o empurrón decisivo recibiuno a raíz do pánico que provocou o desastre de Rande. Ante a ameaza dos ingleses e ó estar os seus pais fóra, en Cerdedo, o neno fuxiu da vila pontevedresa coa sorte de que o atoparon unhas monxas, coas que se dirixiu a buscar refuxio no mosteiro de San Pedro Tenorio. Llegué -di- con las monjas a las dos de la tarde.... Creo que un lego, que era conocido de mis padres, era el que cuidaba de mí. Es muy probable que mi vocación religiosa provenga de esta huida con las monjas y el contacto con los benitos de Tenorio.

 

Saíndo ó paso dos que o negan, hai que dicir que Pedro Xosé comezou o estudio da Artes no mosteiro bieito de Lérez. El mesmo nos di que hacia 1709... dejé el Colegio de los Jesuitas... y pasé a estudiar el noviciado en el monasterio benedictino de Lérez, donde no coincidí ya con el Maestro Feijóo, que había acabado allí sus actividad como lector de teología.

 

Aquí hai que engadir que o mosteiro de San Salvador de Lérez, a finais do século XVII colexio de Artes, uniuse polo século décimo sexto á Congregación de Valladolid xunto con San Martiño de Santiago, San Salvador de Celanova, San Xiao de Samos, San Estebo de Ribas de Sil (colexio de Artes), San Xoán de Poio (Colexio de Teoloxía), San Salvador de Lorenzá e o convento de monxas bieitas de San Paio de Antealtares, no que a finais do século XV se concentraran unha morea de pequenos mosteiros espallados por tódolos recunchos do solo galego. Habendo tal abundancia de casas bieitas en Galicia e non lonxe da súa casa, non deixa de resultar estraño que o cumprir os quince anos, en mil setecentos dez, ingresase como novicio no mosteiro de San Martín de Madrid. O mesmo Sarmiento maniféstase expresamente ó respecto: No recuerdo cuáles fueron las razones por las que decidieron que había de tomar el hábito en Madrid en lugar de hacerlo en algún monasterio de benitos gallegos. Quizás se debiera al hambre y la penuria que en esos años azotaron Galicia, igual que al resto de España. Ademais disto, o xuízo que fai sobre o ensino acadado nos centros galegos non é moi positivo que digamos. No traje a la Orden -di- más instrucción que leer mal, escribir peor y cuatro piltrafas de reglas y palillos gramaticales, de los cuales no hacía alguna clara idea. A tenor deste xuízo, non se ve cómo se pode fudamenta-la opinión dun experto sarmentiano que di que cando Sarmiento chegou a Madrid con 15 anos es ya un erudito, lector incansable.

 

Profesa na relixión bieita en San Martín en mil setecentos once, tomando o nome de Martín, en obsequio ó titular do convento madrileño, e o segundo apelido Sarmiento da súa nai, para non confundirse polos primeiros apelidos con outros confrades, cousa nada estraña nunha época na que se escollían os apelidos como hábitos. Logo pasou a estudiar Artes e Filosofía durante un trienio no mosteiro-colexio benedictino navarro de Irache, onde os estudios de Artes gozaban de recoñecemento real como estudios universitarios. Neste colexio púdose achegar a autores da antigüidade clásica como Cicerón, Ovidio, Catulo, Propercio, Virxilio, César, Salustio, Tito Livio e Horacio, entre outros, ademais de acadar un regular dominio oral e escrito da lingua latina. Aquí hai que engadir que o coñecemento de linguas do Padre Sarmiento non só se limitou ás clásicas (latín e grego), senón que abrangueu tamén o francés e o italiano e tiña coñecementos de árabe e de certas linguas orientais. Malia tanto coñecemento de linguas, falaba máis ben pouco, ó revés de Feixóo. Como se dicía nunha décima, instruido en muchas lenguas / era el que menos hablaba, conforme á Regula Benedicti que recomendaba o silentium. Por outra banda, o estudio do ciclo de Artes, asentado sobre o dominio da gramática, servía naqueles momentos, e como se viña facendo dende ó século XII, para achegarse ante todo ó coñecemento dos textos aristotélicos da Lóxica, da Dialéctica, da Física e da Metafísica, co gallo dun máis axeitado estudio posterior da Teoloxía.

 

De volta a San Martín de Madrid, pechouse durante o verán de mil setecentos catorce na biblioteca e como el mesmo nos di: Allí enredé y repasé todos sus libros, que pican en diez mil volúmenes, de xeito que con 16 anos mostrábase como un gran lector bíblico e de toda clase de escritos. Neste verán coñeceo ademais a Salazar y Castro, que lle contaxiou a afección á historia, polo que á súa colección de libros de viaxes engade libros de cronoloxía, que son los dos objetos de la historia. Historia sin saber el ubi ni el quando no es historia, sino novela, sine die et sine consule. Y oir campanas sin saber en donde. Neste contexto son moi expresivas aquelas palabras súas: Gusto mucho de leer las verdades divinas y humanas en sus fuentes originales y puras. Y las mentiras y falsedades en sus mismos lodazales y hediondos charcos originales.

 

No outono dese mesmo ano de mil setecentos catorce trasladouse ó colexio bieito de San Vicente de Salamanca para comeza-los estudios trienales de Teoloxía no propio colexio onde continuou cos seus afáns e afeccións de rexistra-la biblioteca do colexio, copiar novos textos e facer novas lecturas. Na Universidade de Salamanca matriculouse na facultade de cánones, estudio que deixou pola súa sequidade, para dedicarse á Teoloxía e ás letras sagradas. Rectificando as afirmacións dalgún autor, hai que dicir que frei Sarmiento nunca foi doctor en Leis senón en Teoloxía, nin tampouco estudiou na Universade de Alcalá de Henares.

 

A súa experiencia universitaria salmantina non parece que fose moi positiva, se nos atemos ó xuízo que fai dela: En las universidades -di- todo se disputa y nada se enseña sino a dar patadas y porfiar tenazmente el partido que se ha abrazado, aun antes de saber a qué se reducía. No soy de dictamen que los niños pierdan el tiempo en patear y pasear los patios de las universidades, pues sólo son escuela de vicios y ociosidades. Y sólo sacan en limpio poder decir que están matriculados y que han barrido los bancos de tal universidad.

 

Da súa crítica non se ven libres os mesmos profesores, ós que tacha de incompetentes, aducindo que hai moitos discípulos que saben tanto ou máis cós mestres. Recordemos que por aquel tempo, ou quizais un pouco máis tarde, rondaba pola universidade salmantina Diego de Torres Villarroel, catedrático de matemáticas, personaxe pintoresco e estrafalario, que vén coincidir con Sarmiento no xuízo negativo que fai da situación universitaria da época: Padeció entonces España una oscuridad tan afrentosa, que en estudio alguno, colegio ni universidad de sus ciudades, había un hombre que pudiera encender un candil para buscar los elementos de las ciencias.

 

Con este panorama era lóxico que Sarmiento intentase novas vías e métodos de estudio mediante viaxes, nas que sempre lle prestou unha boa axuda a tupida rede de mosteiros bieitos espallados por tódolos currunchos. Neste contexto hai que menciona-las tres viaxes que ó longo da súa vida fixo a Galicia (1725, 1745-46 e 1754-55). Estas viaxes eran a mellor ferramenta para o seu talante racionalista e empirista, pois, como dicía, la geografía se ha de estudiar con los ojos y las patas. Y la botánica con las manos y con las narices, ojos y boca. Isto último non deixa de ser paradoxal, se se ten en conta que Frei Martín Sarmiento carecía do sentido do olfacto. Queda claro que as viaxes representan en Sarmiento a transición dun coñecemento tradicional e libresco, obrigado pola clausura monástica, a outro de tipo directo e experimental.

 

2. ACTIVIDADES DENTRO DO ESPÍRITO DA TRADICIÓN BIEITA

 

Unha vez rematados os estudios, a actividade de frei Martín Sarmiento centrouse oficialmente na Orde Bieita. Inimigo de condecoracións ou recoñecementos académicos e sociais, nunca quixo pertencer a ningunha facultade universitaria nin academia, porque dicía que as universidades foran fundadas en tempos de barbarie e as academias en tempos de charlatanería.

 

Na súa vida, a dedicación á docencia comprende dende mil setecentos dazasete ata mil setecentos vinte cinco, nos colexios bieitos de Eslonza, Celorio e Oviedo. Entre mil setecentos dazasete e mil setecentos vinte exerceu ó labor docente no leonés Colexio-Mosteiro de Eslonza como profesor pasante, é dicir, encargado dos repasos de materia de Filosofía dos mozos novicios bieitos que alí estudiaban. Ordenado de presbítero en mil setecentos vinte, deixa Eslonza para ir ó Colexio-Mosteiro de Celorio en Asturias, situado ó bordo dos acantilados mariños, ocasión axeitada para empaparse dos coñecementos do mundo natural. En Celorio foi profesor de Teoloxía durante un trienio (mil setecentos vinte un e mil setecentos vinte tres) e a continuación pasou ó Colexio-Mosteiro de Oviedo como mestre (teólogo) de estudiantes, onde puido intimar e soster durante dous anos animados debates intelectuais co seu paisano, o ourensán Padre Feixóo, cos que ir forxando as súas propias certezas e os seus interrogantes no terreo do pensamento.

 

Malia a súa teima de non aceptar honras ou cargos institucionais que puidesen afectar á súa humildade, por mor da súa altura intelectual e ampla erudición non se veu libre de nomeamentos ou títulos, que nalgún caso tivo que aceptar polo voto de obediencia da profesión bieita. Hai que mencionar aquí o seu nomeamento de Cronista Xeral da Orde Bieita (mil setecentos trinta tres) e o de Cronista Xeral de Indias (mil setecentos cuarenta catro), cargo este último o que se resistira en varias ocasións.

 

Sen lugar a dúbidas, a distinción máis importante que tivo foi a de abade da “Real Abadía bendita y Benedictina de Ripoll” en Cataluña, que de acordo co seu talante aceptou por obedecer al rey y complacer a los que han movido su real voluntad. Este honor foille comunicado o catro de xullo de mil setecentos cincuenta cinco estando en Pontevedra na última viaxe que fixo a Galicia. Aínda que aceptou o nomeamento, a súa estadía en Ripoll foi mui curta, pois en marzo de mil setecentos cincuenta e sete renunciaba a esta abadía, comunicándolle esta decisión por carta ó seu irmán Xabier coas expresivas palabras: Si el diablo fuera capaz de tentarme por vanidad, más vanidad haría en ser Fray Martín Sarmiento, que no de ser Arzobispo de Santiago.

 

A súa reclusión na cela de San Martín de Madrid non foi óbice para que todo o mundo dende a clase nobre ata a sinxela xente do pobo quixese acudir a frei Martin Sarmiento na procura de solucións dos máis variopintos problemas. Por iso, na súa monumental obra, que aínda permanece inédita, abundan os máis raros dictames sobre a temática máis variada.

 

Vencellado cunha das máis tradicionais actividades da Orde Bieita está o labor de arquivo. Neste contexto hai que menciona-la estadía de Sarmiento na primeira metade do ano mil setecentos vinte seis no Arquivo da Catedral de Toledo, repasando os códices medievais, onde descubriu a beleza da lingua galega medieval. Aínda que nun primeiro momento fixo propósito de non lidiar con polvo, polilla, ratones, pergaminos, papeles, letras ininteligibles, en la cual ningún deleite halla el entendimiento, esta experencia arquivística debeu de ser moi impactante, porque ó pouco tempo o padre Feixóo lle fixo a proposta para que fose a Madrid a liderar un centro de producción literaria, crítica e científica, seguindo o exemplo da francesa Congregación de San Mauro. Os Maurinos viñan desenvolvendo dende a primeira metade do século décimo sétimo un fecundo traballo nas ciencias auxiliares da historia na edición de fontes primitivas, na depuración e na edición dos Santos Padres e na historia eclesiástica en xeral.

 

Este cariño e afección ós pergameos, cartularios e tumbos dos arquivos monásticos aparecen de cotío no relato das súas viaxes a Galicia. Samos, Celanova, San Martiño Pinario, San Paio de Antealtares, Vega de Espinareda, San Pedro de Montes, Lérez, Poio e Tenorio foron os frondosos oasis onde Frei Sarmiento calmou a súa sede da tinta manuscrita. Tanto era o amor que profesaba as letras antigas que cando tivo noticia de que un coengo de Lugo queimara os pergameos medievais do Arquivo Capitular, non dubidou en chamarlle bárbaro, idiota y Diocleciano de la literatura. Esta actitude cobra especial relevancia, se temos en conta que no século décimo oitavo a Idade Media era considerada como unha época bárbara.

 

3. FREI SARMIENTO, UN ILUSTRADO “SUI GENERIS”

 

Por mor ou malia o amor e gusto de Sarmiento polo mundo medieval moitos autores cualificárono en relación ó século que lle tocou vivir como preilustrado, protoilustrado ou postilustrado. Fose unha cousa ou outra, compartimos a tese de que con Sarmiento “a Ilustración entra na nosa terra. Pero tamén pode dicirse que con Martín Sarmiento Galicia entra na Ilustración”.

 

Sarmiento, aínda que fóra do despotismo ilustrado, entra cabalmente dentro dos lindeiros da Ilustración. Hai que ter en conta que a súa época de formación coincidiu coa chegada ó trono español da dinastía borbónica e, en consecuencia, das ideas típicas da Ilustración de alén dos Pirineos. Por aquela época comezan a ter aceptación e partidarios as teorías físicas de Bacon, Descartes, Gassendi, Maignan así como as doctrinas médicas de Harvey e dos partidarios da medicina experimental, entrando en aberto conflicto con algúns escolásticos, aferrados a un aristotelismo que crían tradicional e con algúns partidarios de Galeno e Hipócrates, pero sen rozar para nada o campo dogmático, no que tanto uns coma os outros coinciden nun catolicismo dentro da máis estricta ortodoxia.

 

Este espírito de reacción contra a escolástica, que non soubera renovarse nin poñerse ó día nos seus métodos nin asimila-lo que había de aproveitable nas novas correntes físicas e matemáticas e, ó mesmo tempo, de simpatía, admiración e apertura cara a cultura francesa, ten o seu principal representante no monxe bieito P. Feixóo.

 

No que atinxe a frei Martín Sarmiento, parece que foi en Salamanca onde entrou en contacto por vez primeira con estas ideas (Descartes, Gassendi e Malebranche) a través do escolástico bieito Manuel Navarro, do que foi amanuense. Na época da súa pasantía no colexio-mosteiro de Eslonza comezou a ter fama de inconformista e de reformador, afeccionándose ás matemáticas e preocupándose polos problemas pedagóxicos e didácticos. Sabemos tamén que na súa estadía en Celorio aprendeu a calcula-lo fluxo e refluxo das mareas, das que nunca oíra falar, a pesar de ser de Pontevedra. Nesta vila asturiana entrou tamén en contacto coa obra de Newton e adquiriu unha segunda edición dos seus Principia.

 

Nembargantes -como xa se dixo- foi a raíz do contacto con Feixóo no colexio-mosteiro bieito de Oviedo, en mil setecentos vinte tres, cando Sarmiento entrou a formar parte dos novatores ou neoréticos, que tiñan en Feixóo a súa figura máis representativa. A obra de Feixóo –ó igual ca unha parte da de Sarmiento- ten moito de circunstancial, de ensaio ou, se queremos, de xornalismo, no bo sentido da palabra. Pero influíu profundamente na orientación da cultura do seu tempo. Responde a unha actitude firme, madura e meditada, baseada na convicción da decadencia dunha escolástica esgotada e desvitalizada e a un propósito de reforma dos seus métodos con apertura á nova filosofía, que chegaba a través das fontes francesas. Nos cento dazaoito discursos do Teatro crítico e nas cento sesenta e tres Cartas eruditas aborda sen orde preconcebida unha mestura das materias máis variadas: historia, política, filosofía, física, medicina, astronomía, psicoloxía, falsos milagres, supersticións, etc. Como no caso do seu paisano, confrade e amigo frei Sarmiento, é curioso que sendo a súa profesión o ensino da Teoloxía durante vinte anos, case non tratase as materias teolóxicas propiamente. As súas preocupacións van sobre todo cara as ciencias prácticas, en especial a Física e a Medicina. Pero nestas, máis que sobre cuestións particulares e concretas, mantense nun plano xeral de discusións acerca do método con que deben estudiarse, limitándose a propugnar de cotío o método experimental do seu admirado Bacon.

 

O seu proposito é desterra-la ignorancia e a superstición e renova-la filosofía, poñéndoa a altura dos avances das ciencias no seu tempo. Para iso, propón desterrar das escolas a física aristotélica para trocala pola nova ciencia experimental conforme ó metodo baconiano. Nembargantes, malia a súa tese da esterilidade do aristotelismo fronte á fecundidade dos descubrimentos feitos pola física experimental, non esquece que a filosofía de Aristóteles, como máis abstracta e máis espiritualizada, é tamén máis axeitada para o emprego na teoloxía. Mais para examina-la natureza sensible las reglas mecánicas son más acomodadas y las ideas abstractas serán siempre... inútiles; porque, según el célebre dicho de Bacon de Verulamio natura non abstrahenda est, sed secanda.

 

Malias as garantías que lle ofrece o metodo experimental, Feixóo pensa que a filosofía natural non pode pasar máis alá do aspecto fenoménico da realidade sensible e non pode chegar á certeza, nin moito menos coñece-los principios, as esencias nin as causas últimas dos fenómenos naturais. Adopta, pois, unha actitude de escepticismo ecléctico, que consiste en remirar la naturaleza en sus fenómenos, suspendiendo el asenso hasta que experiencias reiteradas los relevan de toda duda. Sendo así as cousas, á filosofía natural non se lle debe da-lo nome de ciencia, porque verdadeiramente non o é, sí sólo un hábito opinativo o una adquirida facilidad de discurrir con probabilidad en las cosas naturales.

 

Ten razón Feixóo na súa crítica dos moitos defectos que tiña a escolástica do seu tempo e na súa proclamación da necesidade do método experimental para o cultivo das ciencias vencelladas co mundo físico, aínda que isto, na data en que escribe, xa non podía cualificarse de novidade, nin sequera entre os escolásticos. Se a vida de Feixóo se prolongase uns anos máis, é indubidable que a súa gloria, en lugar de estar vencellada coas campañas en prol do experimentalismo baconiano, estaría unida á empresa coa que tiveron que enfrontarse outros con menos talento ca el, na segunda fase da Ilustración. Nembargantes, aínda lle deu tempo a escoitar “el sordo mugido de las olas que en Francia comenzaban a levantarse”, como di Menéndez y Pelayo, e prevendo a tempestade que se aveciñaba, comezou o seu derradeiro discurso Sobre las raíces de la incredulidad, que non chegou a rematar.

 

O éxito de Feixóo foi abraiante. As edicións das súas obras multiplicáronse en poucos anos e chegaron a tódalas partes, sendo traducidas ó francés, italiano, inglés e alemán, caso insólito en autores españois do seu tempo.

 

Como xa vimos dicindo, o seu confrade Sarmiento foi un admirador incondicional, como o demostrou a defensa que fai de Feixóo na súa obra Demostración crítico-apologética del Teatro crítico universal (Madrid, 1732), encomendada pola orde bieita e que foi a primeira e última que Sarmiento viu publicada. Mais as materias tratadas por Feixóo, ó ser tantas e tan variadas, deron lugar a fortes oposicións, que afectaron tamén a frei Sarmiento, contra quen Salvador José Mañer escribiu Crisol crítico, teológico, histórico, político, físico y matemático (dous volumes, 1734).

 

Na defensa que fai Sarmiento de Feixóo identifícase plenamente coas súas ideas, cualificándoo de autor perfecto, ó mesmo tempo que descualifica ós seus críticos como “cínicos, melancólicos, émulos de lo que no podían ser émulos, chinches de la república, pseudocríticos, maniáticos, epidérmicos”. Sarmiento síntese moi honrado dos apelativos que lle dá Mañer como agente, amigo, discípulo y paisano de Feixóo, engadindo que Mañer sabía que yo visto la misma cogulla que el Padre Maestro Feijóo. Que me precio de ser su discípulo; que soy su paisano, amigo y corresponsal. Finalmente, que por vivir el Padre Maestro distante 80 leguas de la Corte, asisto a la corrección de los libros que salen de la imprenta en las muchas impresiones y reimpresiones que se hacen de los tomos del Teatro Crítico.

 

Recapitulando, podemos dicir que non lle falta razón a quen dixo que o Padre Feixóo tiña máis de fábrica e o Padre Sarmiento de almacén. Esta é a diferencia máis notable entre ámbolos dous, perfectamente explicada polo carácter persoal do sabio e do erudito, que tanto honran a nosa Galicia e a santa Orde Bieita.

 

Polo que respecta á actitude de Sarmiento cara ó movemento da Ilustración, podemos dicir que, ó igual que a totalidade dos ilustrados españois, as súas críticas e censuras non van encamiñadas contra a Revelación ou contra a existencia de Deus, senón contra as excesivas riquezas do clero, contra a pompa e dispendio dalgunhas xerarquías e contra a súa pouca moralidade.

 

No que atinxe á existencia de Deus e á verdade da Revelación, en contraposición a I. Kant, que consecuente cos seus principios gnoseolóxicos negaba que Deus fose accesible á razón, rexeitando por igual a teoloxía crente, baseada sobre a fe na revelación histórica de Deus en Cristo que a teoloxía racional fundaba nas manifestacións de Deus a través do ser e da subxectividade, Sarmiento defende tanto unha revelación natural a través do mundo creado como sobrenatural a través da Encarnación de Deus en Cristo.

 

Respecto ó coñecemento de Deus polas cousas creadas, Martín Sarmiento mantense dentro da doctrina tradicional, que se basea en San Pablo (Ro 1,19), como se pode ver cando di: ...las mismas combinaciones de lo que Dios ha criado podrá servir para entender mejor las cosas incorpóreas e invisibles, de que habló San Pablo. Aínda que non deixou unha exposición sistemática e detallada deste tema, en diversas obras se atopan espalladas observacións puntuais que nos permiten reconstrui-lo seu pensamento. Neste sentido podemos dicir que malia o seu fenomenismo-positivista ó xeito de I. Kant, no que o coñecemento só e posible do visible e sensible, admite a posibilidade do coñecemento de Deus a través da creación. En ningún outro sentido hai que entender aquela súa afirmación de Signatum est super nos lumen vultus tui, Domine. No fondo desta afirmación está o principio aristotélico-tomista de causa causat simile sui, según o cal o Deus creador deixa sempre rastros de si nas cousas creadas, que a persoa humana pode descubrir e coñecer polo exercicio da razón natural. Consecuentemente, Sarmiento segue na tradición escolástica da negación das ideas innatas conforme ó principio de intellectus est tanquam tabula rasa in qua nihil est depictum, ó contrario de Kant, para quen Deus era unha desas ideas innatas da razón.

 

Conforme a isto, pensamos que non se poden entender no sentido dun fideísmo voluntarista, que nega a capacidade da razón, pasaxes como: Exceptuado lo que se ha de enseñar al niño de la doctrina cristiana, de lo que ha de creer, orar, obrar y recibir; todo lo cual se le ha de explicar con mucha claridad y concisión, y en lo cual no debe haber opinión ni puede haber evidencia, sino una firme creencia y una obediencia ciega a la fe. Posta a salvo a capacidade da razón, pensamos que neste pasaxe Sarmiento vén dicir que a fe sobrenatural sempre queda libre de toda demostración racional, que respectando as aportacións da razón a última palabra a ten sempre a vontade. Por todo isto, pensamos que Sarmiento sitúase na concepción tradicional agustiniana da fe como cum assensione cogitare.

 

Nembargantes, no século das luces, da emancipación da razón e da libertade, Sarmiento foi tamén cos tempos, como el mesmo nos di: Yo no quiero hablar de todo; y sin tropezar en barras, hablar con libertad cristiana, religiosa, filosófica, literaria y aun política, sin nombrar ni ofender a persona alguna y en suposición de que nada de esto se ha de imprimir, me tomaré la libertad de usar de algunas chamonetas, chistes y frases vulgares... aunque tengan algo de aceyte y vinagre y con su puntica de sal y pimienta. Sin esto no hay conversación bien guisada. É dicir, o respecto pola relixión e pola fe cristiá, rexeitando os principios deístas, fideístas e ateos, non lle impediu ser crítico coa vida luxosa e licenciosa de moitos eclesiásticos, incluídos abades e bispos, e con cerimonias e prácticas relixiosas.

 

Mais como amante da verdade [aletóphilo] e como fiel monxe bieito, saíu sempre ó paso das manifestacións anticlericais que aproveitaban calquera escándalo para botarlle inxustamente a culpa á Orde Bieita. Un exemplo pódenos clarexar isto. Servan para o caso estas observacións de Sarmiento, vencelladas con repartimentos para pontes de O Bierzo, que sen lugar a dúbidas tivo que cruzar varias veces, algunhas delas mollando os pés: Por el lugar de Domingo Flórez –di Sarmiento- pasa un río mediano, que es preciso cortar para pasar de Galicia al Bierzo. Allí hay un ruin y peligroso puente de madera. Pensóse en hacer un puente de piedra. Echóse repartimiento. Recogióse el dinero. Comenzóse un medio arco, y si desde 1756 no se hizo el puente, ya no se hará si no se echa otro nuevo repartimiento. He oído que los que cobraron el dinero están paseando sin que ninguno les diga palabra. Pregunto: ¿De tan impune extorsión y latrocinio... tiene la culpa la Religión de San Benito? Cuando hay repartimientos comen, beben, visten, triunfan y echan plantas de España, camisota, peluca y sortijón, muchos que, sin esa cucaña irían a desayunar a la plaza a títulos de posturas.

 

Neste mesmo contexto hai que mencionar tamén o seu Manifiesto del recibo de rentas de los monasterios de la Religión de San Benito y en qué se emplean, que está dedicado a xustifica-lo labor apostólico, cultural e social dos mosteiros, aspectos que tamén aparecen noutra das súas grandes obras como é De la obra de 660 pliegos, na que sae ó paso dun manifiesto que publicaran uns avogados da Coruña contra os foros.

 

Concluíndo este apartado, podemos dicir que frei Sarmiento entra de cheo nos lindeiros da Ilustración ó defende-la libertade filosófica en cuestións que no afecten a relixión e dogma católicos, tendo sempre como punto de referencia ó seu venerado mestre, amigo, confrade e paisano Feixóo.

 

4. MONACHUS URBANUS

 

Reciprocamente frei Martín Sarmiento foi correspondido coa admiración e amizade de Feixóo, quen salienta diversos aspectos da súa personalidade, cualificándoo de milagre de erudición en letras divinas e humanas, bebedor de fontes vivas e orixinais, de feliz memoria, de capacidade discursiva, áxil e penetrante, etc. Nembargantes, bótalle en cara un defecto: ...y es que peca de nimia o muy delicada modestia. Es tan enemigo de que se le aplauda que huye de que le conozcan. De aquí y de su grande amor al retiro de su estudio depende que, asistiendo a un Gran Theatro, es tan ignorado como si viviese en un desierto.

 

Malia a admiración recíproca, había unha morea de aspectos nos que diverxían os dous ilustres galegos. Se Feixóo tiña un carácter aberto, simpático, alegre..., Sarmiento, pola contra, fuxía da xente, non contestaba as cartas, procuraba non atende-las consultas que se lle facían, de xeito que, como el mesmo nos di, era en boca de todos un hombre ridículo, duro, adusto, hipocondríaco, insociable, seco, serio, desabrido, melancólico, intratable, indómito, terco, tenaz, testarudo, huraño, inurbano, descortés, grosero, inmanejable y... nuevo misántropo de Madrid.

 

Con humildade bieita rexeita estes cualificativos, froito da envexa e da maledicencia, ó mesmo tempo que nos dá a razón da súa vida en soledad, que non solitaria. Por unha banda, está o principio kantiano clave da Ilustración de “facer sempre e en todo lugar uso público da propia razón”. Neste sentido, o ilustrado frei Martín Sarmiento é remiso a todo asociacionismo ou corporativismo, dicindo en prol da autonomía da propia razón: Reniego del hombre que no puede ser racional por sí mismo, sino que ha de serlo como adjetivo y pegadizo a un pelotón de literatos.

 

Por outra banda, hai que ter en conta sobre todo a súa condición de monxe, que debe axeita-la súa vida á Regla de San Benito. Neste sentido, dinos: Por haber vestido la cogulla y profesado en este Monasterio de San Martín de Madrid, debo residir aquí, y aquí he procurado formarme un desierto, para vivir retirado y tan gustoso como si viviese en unas breñas. A tanto retiro es consiguiente que yo no pudiese meterme con ninguno. Soy como el más rústico aldeano, que no ve gente, ni habla con ella, sino en los días de fiesta, cuando viene a oir misa. Con esto justifico que la compañía no ha de bajar de tres, como las Gracias, ni ha de subir de nueve como las Musas. No necesito de más numerosa cofradía para vivir racionalmente.

 

A principal razón da súa vida en soidade pechado na súa cela hai que buscala, pois, na súa condición de monxe bieito, conforme ó principio de ora et labora. Nembargantes, as condicións históricas cambiaran. O monxe bieito do século XVIII trocara en xeral o traballo manual polo intelectual. Troco que se facía máis manifesto en mosteiros urbanos, como era o de San Martín de Madrid. Deste xeito, a vida de Martín Sarmiento é a paradigmática dun monachus urbanus, que na súa cela desenvolve o seu labor, esixido por la Regula Benedicti.

 

O monachus urbanus frei Martín Sarmiento, dedicado a un labor de investigación científica entra de cheo na tradición bieita, distinta da cisterciense, que poñía por riba de todo o traballo manual, conforme ó dito: Malumus abbatem aratorem quam oratorem [= preferimos un abade labrador a outro que sexa orador]. A diferencia da Orde Bieita, era máis propio do monxe cisterciense librar ó estudio da súa conciencia que á adquisición de ciencia humana.

 

5. MONACHUS INEDITUS

 

A vida do monachus urbanus frei Martín Sarmiento, agás as poucas viaxes que fixo, reduciuse ó peche na súa cela, onde estudiaba ou escribía diariamente catorce horas, gozando de envexable saúde. No tengo achaque habitual alguno -dicía- sino el que voy caminando para entrar en el año sesenta y cuatro de mi edad, ocupados los cincuenta en leer, estudiar y escribir. A tenor dos manuscritos das súas obras, que se conservan na Biblioteca Nacional, no Arquivo dos duques de Medinasidonia, na Real Academia da Historia, no Museo de Pontevedra, no mosteiro de Silos, etc. pódese considerar como un dos autores máis prolíficos na historia das letras españolas.

 

Nembargantes, Frei Martín Sarmiento publicou en vida moi pouquiño. Prácticamente foi un monachus ineditus, porque só deu ó prelo a Demostración crítico-apologética del Theatro Crítico Universal en dous volumes e tres pequenas obras máis. Os seus estudiosos pretenderon e pretenden dar co motivo dunha actitude tan fóra do común, aducindo a súa soberbia, a súa humildade, o medo á Inquisición e á censura, o carácter de ensaio e puntual de moitos dos seus escritos, os problemas que lle carrexou a defensa de Feixóo, o complexo de inferioridade e unha conducta patolóxica, baseada na súa fisioloxía repoluda ou pícnica, etc. Sen descartar de todo a influencia de cada unha destas razóns, pensamos que a razón última e principal do seu ineditismo foi a súa pertenza á Orde Bieita. Se, como se dixo antes, por mor do cumprimento da Regra Bieita se pechou na súa cela, do mesmo xeito a súa condición de monxe bieito foi o motivo principal para que non fixese traballar ás prensas. Neste sentido afirma: Yo no escribo para imprimir ni para contemplar gustos a la moda. Cada cual escribe lo que, cuándo y cómo quiera que yo no estoy privado de hacer lo mismo. Noutro lugar di que non ecribe para contemplar Mecenas ni para imprimir, sino para mí mismo solo.

 

Podiamos traer moitas máis manifestacións do mesmo Sarmiento xustificando a súa actitude “ineditista”. Pensamos que estas referencias son dabondo para poñer en claro que non buscaba a popularidade, antes ben fuxía dela. Se publicou a Demostración crítico-apologética del Teatro crítico universal en prol de Sarmiento, foi gracias ó voto monacal de obediencia cara ós seus superiores. Polo demais, nada, abolutamente nada escribiu para o público, senón para a súa instrucción privada, dos seus confrades bieitos e dos seus poucos e escollidos amigos.

 

CONCLUSIÓN

 

Non querería rematar esta conferencia sen facer de novo unha referencia ó obxecto formal de frei Martín Sarmiento na súa condición de membro da orde monástica bieita. Polo que acabamos de dicir, pensamos que o sabio galego-berciano axústase ó ideal monástico que douscentos anos despois da súa morte propuxo o papa Pablo VI nunha alocución ós monxes de Subiaco. A vida monástica –di o Papa- é a conversión radical á rectitude e á santidade propias do cristiano animado pola gracia. É a busca preferente e vixilante do coñecemento de Deus vivo e da comuñón e do trato con El. É a resposta total e incondicionada á vocación de Cristo que de tantos xeitos chama e elixe. É por iso mesmo a renuncia liberadora a todo o que sexa un estorbo, por máis que proveña de bens lexítimos, en prol da prioridade e da exclusividade do amor a Cristo.

 

Todas estas palabras do Papa atópanse concentradas no expresivo comentario que frei Martín Sarmiento fai, lembrándose da primeira vez que saíu de Galicia pola Cruz de Fierro de Foncebadón para ingresar no mosteiro bieito de San Martín de Madrid: Al dejar atrás el paisaje, la lengua y la cultura gallega, que también son patrimonio de la mayoría de los bercianos, advertí por primera vez que mi destino me había sacado de mi patria para la Religión cuando apenas sabía que hubiese más mundo que lo que alcanzaba mi vista.

 

Un xuízo recto, unha memoria prodixiosa, unha erudición ilimitada, un enxeño agudo e vivo, un corazón sinxelo e humilde, un home bó... velaquí a Frei Martín Sarmiento honra de O Bierzo, de Galicia e da santa Orde Bieita.