LEMBRANZAS
Hoxe lémbrote Galicia dende este lado do mundo
Teño na alma un anaco de mar un laio quedo
e ti estás lonxe moi lonxe
Cada mañá a brétema sementa bágoas nos regos da soidade e sinto que me chaman lonxe moi lonxe
Un vento frío métese nos osos camiña baixo o sol en cada loita de ausencia de fame de nai.
VELEIRO DE SOÑOS
Facemos de mar cada noite
convertimos as sabas en veleiro para navegar nas ondas da ausencia
No porto do amencer descubrimos que a realidade está alí o desembarcar do barco dos soños.
NAUFRAXIO
Percorrín os camiños infindos desta América caribe atlántica pacífica
Deixéi un anaco de pel en cada fronteira
Naveguéi con sol e lúa hasta atopar a terra ideal para o meu naufraxio.
LONXE
Busco as letras en todo-los recunchos da pel
Esculco un verbo no diccionario cuberto de abandono
Paso unha folla e outra máis
en todas atopo a mesma palabra multiplicada: lonxe, lonxe lonxe.
AVENTURA
Foi unha aventura fuxir do lar buscando a liberdade
Despóis de longos camiños cubertos co pó do esquecemento só hay ganas de voltar ó fogar xa libre
a aventura sigue.
CAMIÑOS DE TERRA
Somos cidadáns do desterro atravesamos fronteiras infindas
non enraizamos en veigas ermas
buscamos unha terra que sexa nosa tan só
cando a atopamos alí quedan os osos esquecidos baixo a lápida.
APOIO
O son dunha gaita no pentagrama do vento cura a pel ferida
aviva os latexos
Notas envoltas en soños
muletas compañeiras da viaxe.
|
HOSPEDE
Son hóspede na casa da morriña
séntome con ela á mesa
é meu alimento mentres ela come en min.
SOÑOS
O mar roza as tempas métese no sangue sen permiso
Río salobre nun océano de bolboretas
As ondas golpean os acantilados
estremézome esperto mollado
comezo a camiñar só no deserto.
ESCOLA
Na leira infinda das angurias trócanse patacas por poemas
deprendemos a falar coa boca baldeira
Moi educados entramos nas portas do lenguaxe e podemos falar de léxico sintaxe morfoloxía
Palabras e area
berros fronte o mar xordo.
FACULTADE
Tempo dame a facultade de naufraxar nunha illa deserta azoutada por ondaxe de piñeiros
Alimentareime de vento frouma auga cristalina fentos xuncos carqueixas
sosego.
FERIDAS
Na loita coa memoria sempre vou perdendo
Busco feri-la de morte e son eu que morre día a día ferido de lembranzas e saudade.
PROFESION
Cada camiño é unha experiencia
Os pasos ensinan a ser
Aprender, aprender aprender
os nomes a cor dos billetes a fala
Educarse ano tras ano só para ser profesional da ausencia especialista en lonxanía e esquecemento.
ESQUECIDO
Corrín o risco no deserto dos soños sen auga sen reloxo nin brúxula para descifra-lo nome de esa eternidade que é o esquecemento e aquí estou cun deserto de anos na pel vivo
esquecido.
|
Xulio Prado é natural de Boborás (Ourense), e vive en Venezuela desde hai 26 anos. Alí é vicepresidente da Asociación de Escritores de la Victoria; unha cidade onde dirixe o suplemento literario dominical "Epicentro". É autor de varias publicacións, entre elas: "Un gallego mojado en el río Bravo", "Canto al emigrante", "Naufragio de silencios", "Ritual de sombras", "Galegos entre nós", "Lembranzas"...