Sobre Ferro Couselo

Autor: 
Manuel María

“Coas palabras transcritas do interesante traballo de Xesús Ferro Couselo Cómo e por qué os escribanos deixaron de empregar o galego, que viu a luz na páxina 251 do tomo colectivo Homenaxe a Ramón Otero Pedrayo no LXX aniversario do seu nacemento, promovido e publicado por Galaxia, como consta no colofón, o día 6 de San Xoán de 1958, con estas palabras, decíamos, queda claro e definitivamente fixada a data dunha das grandes e eficaces agresións que recibiu o noso idioma, tan atacado sempre polo estado centralista, pois sabía –e sabe- moi ben aquello que, na súa Teoría do nacionalismo galego, expresou Vicente Risco: “Ser diferente é ser esistente”.

 

A personalidade de Galiza maniféstase, de xeito nidio e inequívoco, no idioma. O primeiro que intentan facer tódolos imperialismo é borrar o idioma dos povos que someten: así comezan a súa domesticación. Neste sentido, Galiza non foi unha escepción. Pero, mal que ben fomos resistindo. E aínda seguimos vivos e confiando no futuro.

 

De todos os xeitos ata ben entrado o século XX o dominio do idioma galego, no noso territorio, era case total se ben os funcionarios e os maragatos instalados no noso país no pasado século seguiron fieles –salvo as escepciós- ó seu castelán nativo. Coas agresións ó idioma tamén loxicamente padeceu a nosa cultura que na idade media floreceu unha das máis importantes líricas do mundo. O ermo dos séculos XVII e XVIII non precisa comentarios. Ó referirse ós escritores nacidos en Galiza nests séculos escuros, Castelao dixo algo así: aqueles sabios admiraban a fala na que escrebían –o castelán e aínda o latín- e despreciaban a que usaban a cotío, evidentemente o idioma galego.

 

Entre nós dase un fenómeno moi curioso. Moito. Cando chega alguén de fora, de fala non galega, imponnos a súa. O lóxico sería que o alleo se adaptase á nosa pois somos a maioría mais non que o minoritario se impoña a maioría. Xentes hai que levan anos e anos vivindo en Galiza e non falan unha soia palabra en galego. Para un falante dunha língoa románica o galego popular non é nada difícil. ¿Como esplicar o fenómeno de que esa xentiña esteña tantos anos no noso país pura e incontaminada, sen romperse nen luxarse?. Este caso non so se dá nos non galegos. A moitos nacidos eiquí acontécelles o mesmo. Nós somos discretos e non queremos sinalar a ninguén. Mais a nosa lembranza acoda ó caso de don Mariano Rajoy Brey quen, na época que desempeñou un alto cargo na Xunta de Galicia, caricaturizouno o humorista Xosé Lois con este pe: “Soy Rajoy que va a Raxoi a una junta de la Xunta”. Sí señor, que diría Ánxel Fole. O peor é que este caso non é o único polo que trascende da pura anécdota.