Da Posguerra Ós Anos 70

O remate da Guerra Civil e o inicio do franquismo provocou a desaparición da língua galega da escena pública, do ensino e das actividades socioeconómicas. Aqueles que tiveron como única vía o exilio (Castelao, E. Blanco Amor, Luís Seoane, Rafael Dieste...) foron quen de manteren viva a chama da cultura, do idioma e da identidade de Galicia. O desenvolvemento cultural galego ten agora o seu escenario na Arxentina, Venezuela, México e Cuba, entre outros países.

 A situación social do galego viuse agravada coa obrigatoriedade da escolarización no nivel básico e, posteriormente, coa popularización dos medios de comunicación, que tiñan o castelán como único vehículo de expresión.

 O contexto adverso non logrou apaga-lo espírito do galeguismo, que, timidamente, comeza a se manifestar no ámbito cultural. Pasos decisivos foron a colección de poesía Benito Soto, a editorial Bibliófilos Galegos e o suplemento semanal bilingue do xornal santiagués La Noche.

 A peza clave en que se asenta esta recuperación dos usos escritos é a creación da Editorial Galaxia en 1950. Os seus principais promotores, Otero Pedrayo, Ramón Piñeiro, F. Fernández del Riego e outros, evidenciaron de novo a validez do idioma galego para calquera xénero ou temática. Galaxia convértese no eixo de diversas publicacións periódicas: Revista de Economía de Galicia, a revista de cultura e arte Atlántida, e a de pensamento Grial.

 A partir de 1960 vaise producir un conxunto de cambios no eido económico e social que se acompañan dunha leve atenuación da censura.

 Exemplos deste aperturismo foron a posibilidade de editar publicacións antes prohibidas, a instauración da celebración por parte da Real Academia Galega do Día das Letras Galegas (1963), a ampliación do mundo editorial coa creación de Edicións do Castro, as novas asociacións culturais en defensa do galego: O Facho, O Gaio, a Asociación Cultural de Vigo…

 A Universidade galega non queda á marxe destas inquietudes e toma parte activa na revitalización da nosa cultura coa creación en 1965 da Cátedra de Língua e Literatura Galegas baixo a dirección de Carballo Calero. Seis anos despois nace o Instituto da Língua Galega, que vén desenvolvendo unha importante obra investigadora desde a súa fundación ata os nosos días.

Nos anos cincuenta a producción literaria galega retoma o seu camiño de forma máis sólida. Unha vez máis foi a lírica a encargada de inicia-lo renacer literario. Longa noite de pedra, de Celso Emilio Ferreiro, publicado en 1962 representa a liña social e cívica caracterizadora da poesía dos anos sesenta. Lueiro Rey, Bernardino Graña e Manuel María, son algúns dos autores desta lírica que tenta conxuga-lo discurso político co literario.

 A narrativa galega sofre un baleiro desde 1936 ata 1951, ano en que Carballo Calero publica a súa primeira novela, A xente da Barreira.

 Entre os anos 1950 e 1963 grandes autores como Álvaro Cunqueiro, Blanco Amor e Ánxel Fole, desde as súas peculiares formas de narrar, crean unha obra de recoñecida altura universal.

 Na década dos sesenta Gonzalo Mourullo, Méndez Ferrín e Carlos Casares, entre outros, fanse eco das innovacións da literatura europea, e constitúen o que se deu en chamar "Nova Narrativa", movemento renovador e revitalizador da nosa prosa.

 

O momento actual

 A restauración da democracia abre novos horizontes para a literatura galega, que chegará a se-lo ámbito sociocultural máis normalizado. Por primeira vez en moitos anos voces femininas como as de Pilar Pallarés ou Luz Pozo Garza, á beira de novos enfoques, coma os do grupo Rompente o culturalismo de Rodríguez Baixeras, dan paso a unha nova e forte producción poética.

 A narrativa, un dos xéneros deficitarios en canto á producción literaria nos comezos do século XX, comeza un período de grande producción, de máis ampla trascendencia social e, sen dúbida, de maior proxección estatal e internacional. Autores como Alfredo Conde, Carlos Casares, Suso de Toro ou Manolo Rivas convértense en éxitos de venda e as súas obras son traducidas a outros idiomas... Paralelamente, afiánzanse novos xéneros e posibilidades narrativas coa consolidación da chamada novela negra, narrativa erótica, westerns, thriller, etc... ademais de consolida-lo xénero chamado novela histórica que, desde os comezos do século XX, dera exemplos moi escasos.

Contra fins dos sesenta e comezos do setenta a producción dramática galega experimentou fondas transformacións que obrigan á convivencia dun teatro ruralista con tendencias xa marcadas desde a inmediata posguerra por autores como Álvaro Cunqueiro ou Carballo Calero. Será a partir dos setenta, como dixemos anteriormente, cando emerxe a xeración nucleada ó redor da Mostra de Teatro de Ribadavia (Vidal Bolaño, Euloxio Ruibal, Manuel Lourenzo) á que hai que sumarlle a achega de novos autores como Xavier Lama, Xesús Pisón ou Candido Pazó nos comezos dos anos 90.

O xénero ensaístico, que botara a andar coas obras de Vicente Risco ou Ramón Piñeiro consolidouse arredor dos anos setenta, gracias ó cal na actualidade contamos con traballos que abranguen un amplo abano temático: política, economía, teoloxía, arte, música, filosofía, língua, literatura, historia...

Non debe quedar á marxe da historia da literatura galega aquela producción destinada ós máis novos. Cada ano son máis os libros de literatura infantil editados e traducidos, e máis tamén os premios que reciben os nosos escritores a nivel estatal e internacional. Entre todos eles, detacamos a Fina Casalderrey, Agustín Fernández Paz, Antón Cortizas, Marilar Aleixandre ou Xabier P. Docampo.

Ó prestixio do noso idioma contribúen outra serie de factores como, por (exemplo, a traducción para o galego de obras de dimensión universal, proceso principiado nos comezos deste século polos membros da Xeración Nós e por figuras sobranceiras como Aquilino Iglesia Alvariño durante a posguerra. Ás traduccións realizadas nos anos setenta por X. M. Beiras ou X.L. Franco Grande, debemos incorporar aqueloutras que, gracias ás axudas concedidas polo Goberno galego, se realizan de textos clásicos e modernos do máis escollido da literatura mundial. Pódese ler en galego a Biblia, Homero, Catulo, Cicerón, Dante, Petrarca, Shakespeare, Cervantes, Goethe, Conan Doyle, Verne, Camus, Sartre, Joyce, Sallinger, e un longo etcétera.

Co réxime democrático Galicia convértese en Comunidade Autónoma, tendo como línguas oficiais o galego e o castelán. Paralelamente á instauración dunha lexislación reguladora dos usos do idioma, cumpría a elaboración dunha língua estándar. O Instituto da Língua Galega, creado en 1971, e a Real Academia Galega propoñen en 1982 as Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego, que acadan o carácter de oficiais coa promulgación da Lei de Normalización Lingüística no ano 1983, e que foron ampliadas, con mínimas variacións, no ano 1995.

A Real Academia Galega, única entidade rectora en cuestións lingüísticas, renovou e diversificou as súas áreas de estudio, fóra de cuestións puramente normativizadoras. Dentro desta ampliación dos seus ámbitos, a Academia funda o Seminario de Sociolingüística, entidade encargada da elaboración do Mapa Sociolingüístico de Galicia (MSG), en colaboración coa Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. O MSG é un traballo moi preciso e sen dúbida de vital importancia para termos un coñecemento fiable da situación que atravesa a língua.

Pola súa banda, o Instituto da Língua Galega (ILG), que ten asinados convenios de colaboración coa Consellería de Educación e Ordenación Universitaria desde o ano 1983, completa progresivamente os diferentes volumes de que consta o Atlas Lingüístico Galego (ALGA), o máis completo e moderno estudio de dialectoloxía de toda Europa. Alén disto o ILG encárgase de elaborar ferramentas informáticas, vocabularios temáticos, estudios dialectolóxicos, de grande importancia para o futuro da nosa língua.

A constitución do Centro para a Investigación en Humanidades "Ramón Piñeiro" en 1993 supón un fito importante nesta evolución progresiva nos estudios sobre a nosa língua. Este organismo, dependente do Goberno galego, realiza proxectos de moi diverso tipo como diccionarios de fraseoloxía ou de literatura, vocabularios temáticos de diferente tipo, edicións facsimilares ou un sintetizador de voz. Alén disto, o Ramón Piñeiro puxo en marcha o proxecto Termigal, centrado na elaboración de traballos terminolóxicos nos campos científico e técnico.

A fixación oficial dos topónimos galegos que, segundo se dispón no artigo 10.1 da Lei de Normalización Lingüística terán "como única forma oficial a galega", é un dos grandes avances deste período. A elaboración do Nomenclator, documento que recolle os tóponimos oficiais de Galicia, supuxo un arduo esforzo de investigación debido á cantidade inxente de pequenos lugares espallados pola nosa xeografía.

Ás portas do século XXI a nosa língua segue a se manter viva, protexida pola lexislación vixente e cun elevado número de falantes. Só resta, pois, facermos camiño tomando como exemplo o teimudo labor daquelas persoas que, dentro e fóra de Galicia, nunca deixaron de fomenta-la contribución cultural do pobo galego ó mundo.