Alfonso X "O Sabio"

Homenaxeado/a Ano 1980


Alfonso X, O sabio, rei de Castela e de Galicia, naceu en Toledo no ano 1221 e morreu en Sevilla en 1284. Con él, a lírica galega chegou á súa maior altura.

Foi un rei que, sen abandona-los asuntos de estado, dedicou os seus esforzos á cultura, pola que sentía unha grande devoción. Fomenta a "Escuela de Traductores de Toledo" e no seu labor de mecenazgo dirixe a redacción e traducción dunha extensa obra cultural.

Tiña unha grande formación, mesmo musical. E se ben a súa obra científica e histórica escribea en castelán, cando de lírica se trata elixe o galego aprendido de neno en Maceda de Galicia.

Deixounos cantigas de amor, de escarnio, pero especialmente o maior monumento da poesía en lingua galega, as CANTIGAS DE SANTA MARÍA, 420 cantos á Virxe, sendo as máis representativas as “Cántigas de loor”, verdadeiras transposicións ó divino da cantiga de amor trobadoresca. As CANTIGAS DE SANTA MARÍA constitúen a xoia máis preciada da literatura galego-portuguesa.

 

CANTIGAS DE SANTA MARÍA (frag.)

Da que Deus mamou leite do seu peito

non é maravilla de sâar contreito.

Desto fez Santa María miragre fremoso

ena ssa eigreja'n Lugo, grand'e piadoso.

por hûa moller que avía tolleito

o máis do seu corp'e de mal encolleito:

Da que Deus mamou leite do seu peito

non é maravilla de sâar contreito.

Que ámbalas súas mâos assí s'encolleran

que ben por cabo dos ombros todas se meteran.

e os calcannares ben en seu dereito

se meteron todos no corpo maltreito.

Da que Deus mamou leite do seu peito

nan é maravilla de sâar contreito.