Sensual, robusto e delicado
Antón Avilés Vinagre naceu en Taramancos, preto de Noia, dunha familia agraria e mariñeira. Imposible contar aqui sequera un resume da súa biografia de emigrante: nos paises andinos foi labrador, contrabandista, cazador, traficante de cabezas reducidas, nunha vida de incrible novela. Baste dicir que antes da súa marcha tratou na Coruña cun grupo de xentes de esquerda e nacionalistas coas que traballou a reo pola recuperación do galego, e que os seus últimos anos volto das Américas, gañou a súa vida como taberneiro en Noia, e militou no nacionalismo cultural e político de esquerdas.
A súa obra poética iniciouse con As moradías do vento (1955), e A frauta y o garamelo (1959). Durante a súa estadía americana non tivo máis contacto co mundo literario galego ca algunha correspondencia con Salvador García-Bodaño, que fixo publicar en Gríal (1971) algúns seus novos poemas precedidos dunha noticia. Volto en 1980, publícase dous anos despois O tempo no espello, incluíndo os dous libros xa éditos e tres inéditos. En 1985 edítanse os Cantos caucanos, en 1989 As torres no ar, e -xa póstumo- "Última fuxida a Harar".
Poeta de verso férreo e cristalino, épico e elexíaco, Avilés de Taramancos constrúe unha poesía poderosísima, grandiosa e coral. O amor, a ira nacionalista, a nostalxia imposible do home de dous mundos, flúen cunha forza arrebatadora nos poemas dun home rabiosamente vital que amou sen mesura a vida, a patria, a liberdade, a materia.
OBRA
VIII
Aquela chambra fina con bordados
de delicada man! ¡Que ar tan xoven
cinguía no teu peito! ¡Que nobreza
campesiña e galana oferecía!
Camiñabas na tarde paseniño,
eras columna ergueita e soleada
e o meu amor un cabirtiño novo
que brincaba e que ria tolamente.
Miña noiva de abril, rapaza nova
recendo de fiuncho e ruda fresca
decátaste da dor que me asolaga?
Tiña o tou corazón como unha sella
preferida, como un vello xardín
onde deixaba a mais pequena risa
a mais fonda Saudade e a mais alta
grandeza do querer.
E dime agora:
¿qué ramo de loureiro nesta fronte
para cantar a tua chambra clara?