Antón Vilar Ponte

Homenaxeado/a Ano 1977


Antón Vilar Ponte naceu en Viveiro o ano 1881. Estudiou en Lugo e Santiago. Nesta cidade cursou a carreira de Farmacia.

Desde moi novo exerceu o xornalismo político, primeiro en Viveiro e logo en Compostela. Foi farmacéutico e editor dun xornal en Foz.

Despois dun breve período como xornalista en Madrid, volve a Galicia e logo emigra a Cuba onde dirixe varias publicacións. De novo en Galicia, Vilar Ponte desenvolve un moi importante labor xornalístico.

Xunto co seu irmán Ramón, en 1916, impulsa a primeira das Irmandades da Fala na Coruña, da que será Presidente. Pouco despois aparece A NOSA TERRA, xornal no que Antón ten un primeirísimo papel.

Publicou teatro, novela, e milleiros de artigos xornalísticos. NUESTRA AFIRMACIÓN REGIONAL, é unha das súas máis brillantes creacións. Na política galega desempeñou un papel vital para o galeguismo de preguerra.

Pouco despois de ser elixido deputado polo Fronte Popular, en marzo de 1936, finou na cidade da Coruña.

 

PENSAMENTO E SEMENTEIRA (frag.)

"Eu xa fai tempo que ando a dicir que axiña non haberá na Galiza máis que unha só aristocracia - aristocracia de pensamento, non de sangue -, aristocracia ou aristarquía, si vos parece millor, a do galeguismo; a que leva por bandeira e por escudo o "orgullo orixinal" simbolizado no emprego da lingua materna, que é o supremo froito de diferenciación da lingua materna, que é o supremo froito de diferenciación da raza á que perteñecemos. O galego culto que hoxe se esprese en galego, por ese só feito demostra levar na ialma un nidio sentimento de libertade; un nobre afán de asolagar a súa intelixencia nas augas vivas do traballo enxebre co fin de lles dar o tempero perciso para que poidan fecundar mortas terras, cheias de lixos de escravitude, trocándoas en viveiros de vizosa democracia.

A medida que o galeguismo vai encentando concencias novas e póndoas a xeito coas relidades da terra, é doado decatarse de que outras moitas cousas que parecían grandes cousas camiñan cara ó deserto por ocas i estériles, inda que fagan tanto ruído coma o tambor valeiro da parábola de Tolstoi.

Eu penso que as únicas saetas que van sempre rectas a furar o branco do futuro son aquelas que se lanzan valéndose do arco da nosa lingua, xa ,que só entón mostrámonos orixinaes".