Antonio López Ferreiro

Homenaxeado/a Ano 1978


Antonio López Ferreiro naceu en 1837 na cidade de Santiago e morreu en Vedra en 1910. Estudiou a carreira eclesiástica, Filosofía e Letras e Dereito en Compostela. Foi coengo da Catedral de Santiago, e destacou como arqueólogo, historiador e novelista.

Como historiador, é o autor da grande HISTORIA DE LA SANTA APOSTÓLICA METROPOLITANA IGLESIA DE SANTIAGO DE COMPOSTELA. Como Arqueólogo, na propia catedral, da pescuda e achádego dos restos do apóstolo Santiago. Pero a súa maior importancia é como novelista histórico, o máis importante dos do século XIX en Galicia. Con A TECEDEIRA DE BONAVAL, O CASTELO DE PAMBRE e O NIÑO DE POMBAS, contribuíu a crea-la conciencia da dignidade da lingua galega.

 

O CASTELO DE PAMBRE (frag.)

"A Sobrado algo xa o conocemos; agora paréceme posto en razón que tamén enxerguemos algunhas palabras acerca do Vilar de Mella. Xa dixemos que esta fortaleza de Vasco Fernández estaba situada onde se xuntan dous rigueiros que van ao Iso, antre as parroquias de Mella e Sendelle. Compúñase dunha torre cadrada de tres pisos cas súas correspondentes almeas e con dous corpos de casa a ela pegados, un polo lado do Norte e outro polo do Solano.

Este estaba en tres grandes salóns a continuación un do outro e o último entestaba ca torre. O outro corpo de casa soilo tiña un salón, que tamén comunicaba como os outros co segundo piso da torre. Todo ao redor había unha forte muralla tamén almeada, e arrimadas a ela estaban as caballerizas, o graneiro, a leñeira, a palleira e outras dependencias da casa. Dous cubos redondos defendían a porta da muralla que estaba encontra a torre, e ademáis axudaban a ter man do aparello e arteficio da ponte levadiza. Os dous regos, de que falamos, pasaban ao pe da muralla e ao mesmo tempo que servían de foso, facían máis vistoso e animado o paisaxe.

O moblaxe da casa consistía en grandes catres cerrados con cortinas, xa de seda, xa de lan, esparcidos por tódolas habitacións; en huchas non pequenas entalladas por tres dos costados; en tal cal almario, en mesas de pes moi repinicados cos seus correspondentes bancos e taboletes, e en caixóns, baules, canapés e outras cousas polo estilo”