Carlos Casares Mouriño

Homenaxeado/a Ano 2017


Carlos Casares Mouriño

Data de Nacemento:24 de agosto de 1941, (†Ourense)

Lugar de Nacemento: Ourense

 

Currículum

Estudiou o Bacharelato en Ourense e comezou a mostra-la súa vocación de escritor cun xornal escolar chamado El Averno, que repartía entre os seus compañeiros. Uns anos máis tarde gañou un premio literario, sendo Vicente Risco o presidente do xurado. En 1960 trasladouse a Santiago para estudiar Filosofía e Letras e coñeceu a Ramón Piñeiro, co que tivo unha gran amizade. Durante os seus anos universitarios participou activamente nas loitas estudiantís a través da "Asociación Democrática de Estudiantes".

Obras realizadas

En 1965 publicou os seus primeiros relatos na revista "Grial" e dous anos máis tarde saíu á luz o seu primeiro libro Vento Ferido, unha colección de relatos cos que conseguiu un gran éxito. En 1968 escribiu o libro para nenos A Galiña Azul e publicou a súa primeira novela Cambio en tres. Dentro da literatura infantil tamén destaca Un Polbo Xigante, a obra de teatro infantil As laranxas máis laranxas de tódalas laranxas, galardoada co premio de teatro infantil "O Facho" e o conto O Can Rin e o lobo Crisón, que foi traducido ó catalán, vasco e castelán. En 1972 traduciu ó galego Le petit prince (O principiño) de Saint-Exupéry e anos máis tarde a obra de María Gripe Tordyveln flyger i skymningen (Os escaravellos voan á tardiña). En 1976 conseguiu o premio para narrativa en galego, concedido pola Asociación Nacional de Críticos, coa obra Xoguetes para un tempo prohibido. Con esta obra tamén obtivo o premio convocado pola editorial Galaxia para conmemora-los 25 anos da súa fundación. En 1977 ingresou na Real Academia Galega cun discurso sobre "A crise do 98 na Literatura Galega" e dous anos máis tarde, en 1979, volveu ó relato curto co libro Os escuros soños de Clío. En 1980 apareceu a súa novela Ilustrísima, traducida tamén ó castelán, e en 1986 Os mortos daquel verán, traducida tamén ó castelán. Despois dun largo silencio, publicou a novela Deus sentado nun sillón azul (1996). Nos últimos anos, Carlos Casares escribiu a biografía de Frei Martín Sarmiento e deixou inédita a obra O Sol do Verán (de próxima publicación).

Outros datos de interese

Carlos Casares participou activamente na elaboración da Lei de Normalización Lingüística. Foi membro da RAG, da Fundación Penzol e da Fundación Otero Pedrayo. En 1996 foi elixido presidente do Consello da Cultura Galega, substituíndo a Filgueira Valverde. Foi director da Editorial Galaxia e da revista "Grial". Carlos Casares foi galardoado con varios premios como o Fernández-Latorre de Xornalismo (1983), premio da Xunta de Galicia á creación cultural polo conxunto da súa obra (1989) e o premio Julio Camba de Xornalismo (1995). Desde abril de 1988 ata o mesmo día da súa morte, colaborou cunha columna diaria no xornal La Voz de Galicia, baixo o título de "A Marxe".

Ligazóns relacionadas

O Portal da Lingua Galega

Cultura de Galicia

Fundacion Carlos Casares

Galegos