Castelao

Homenaxeado/a Ano 1964


Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao, naceu en Rianxo no ano 1886, e morreu no exilio -en Bos Aires- en 1950. Soubo da emigración nos primeiros anos da súa vida e este feito marcouno fondamente.

Estudiou medicina, pero confesaba: "Fixenme médico por amor a meu pai; non exerzo a profesión por amor á humanidade". Desde a súa primeira mocidade destacou como caricaturista, debuxante e como teórico da arte. Era home de especial sensibilidade como amosan os seus debuxos que, complementados con agudísimos textos, amosan a Galicia rural, o caciquismo, os pobres, os cegos, os desamparados, o pobo que sofre... E nos últimos álbumes, os horrores da guerra civil.

Como narrador, arrinca con UN OLLO DE VIDRIO en 1922 e forxa con COUSAS, RETRINCOS e OS DOUS DE SEMPRE, un conxunto único na narrativa galega que, con SEMPRE EN GALIZA, se converte

 

en monumento da nosa literatura e conecta co papel de Castelao como político e teórico do galeguismo, máxima expresión do sentir autonómico da nosa terra, e un dos principais impulsores do Estatuto de 1936.

Casteleo, como artista, escritor ou politico, é -sen dúbida- o galego máis destacado do século XX.

 

SEMPRE EN GALIZA (frag.)

"Galicia é a mellor esquina do solar hispánico, cabo do mundo antigo e avanzada de Europa nomar inmenso da libertade. A arquitectura barroca do noso chan, labrada en pedra granítica, está sempre coberta por un manto de zugoso verdor. Os montes son redondos como peitos de muller e as serras son como lombos de boi cebado. Os vales son ledos e farturentos. O mar tolea de carraxe cando nono deixan penetrar na terra; pero cando entra, quédase adormecido no leito das rías. Galiza é unha unidade territorial armónica, de formas e coor, perfeitamente diferenciada do resto da Hespaña. A patria é a Terra. A Terra que nos dou o ser e que nos recollerá na morte como semente de novas criaturas. A Terra que cria frores nos campos onde atopamos sombra fresca no vran e quentura garimosa no inverno; onde sofremos as inquedanzas das sementeiras e gozamos a ledicia das colleitas; onde o vendaval brúa nas ponlas dos carballos e funga nas cordas dos barcos; onde esboufan as ondas do mar nos cons da ribeira e ruxen nos areaes; onde por primeira vez ollamos a choiva, a brétema, o sol, o luar, o "arco da vella" e a noite estrelecida.

¡Como lle queremos á Terra! Eu de min sei decirvos que si dispóis de morto tivese que voarmáis ala das estrelas visibles, para ir a un ceo tan lonxano da Terra, que nunca máis podera vela,de boa gana renunciaría á inmortalidade para rematar a miña vida debaixo dunha laxe e convertirme en herbas ventureiras.

Certo que a Terra que amomos tanto aínda é un "val de bágoas"; pero nós, os galegos, superaremos a predicción relixiosa e trocarémola en paradiso ".