Celso Emilio Ferreiro Míguez, naceu en Celanova -Ourense, no ano 1912 e morreu en Vigo en 1979.
A súa familia era de campesiños acomodados, de talante galeguista. Ós 22 anos, en 1934, fundou con Xosé Velo Mosquera a Federación de Mocedades Galeguistas. Pouco despois, por un artigo publicado en GUIEIRO, que el mesmo dirixía, foi procesado.
Fai a guerra, mobilizado no bando vencedor. Estudia Dereito, colabora en diversos xornais e revistas... En 1966 emigra a Venezuela, onde colaborou coa “Hermandade Galega” fundou o “Patronato da Cultura Galega”, e traballou no gabinete do Presidente Caldera.
Ó volver da emigración, instalouse en Madrid, onde traballou de xornalista. Ten prosa e poesía en castelán e galego, pero é a poesía en galego, forte, rexa, de fondo contido social, a que lle deu a sona de grande escritor.
Os seus libros teñen títulos como CARTAFOL DE POESÍA, O SONO SULAGADO, ViAXE AO PAÍS DOS ANANOS, TERRA DENINGURES, ONDE O MUNDO SE CHAMA CELANOVA... Pero o máis sobranceiro é, sen dúbida, LONGA NOITE DE PEDRA, que dá nome a toda unha época da nosa historia contemporánea.
LONGA NOITE DE PEDRA (frag.)
O teito é de pedra.
De pedra son os muros
i as tebras.
De pedra o chan
i as reixas.
As portas,
as cadeas,
o aire,
as fenestras,
as olladas,
son de pedra.
Os corazóns dos homes
que ao lonxe espreitan,
feitos están
tamén
de pedra.
I eu, morrendo
nesta longa noite
de pedra.