Eduardo Blanco-Amor

Homenaxeado/a Ano 1993


Naceu en Ourense en 1897, e moi novo emigrou á República Arxentina, onde pasou a maior parte da súa vida. Alí desenvolveu actividades culturais dentro da comunidade galega, vivindo do seu traballo na prensa bonaerense. Como corresponsal viaxou a España, e foi amigo dos poetas do 27, especialmente de Lorca, do que prologou os "Seis poemas galegos". Volto á Arxentina, defendeu a causa da República e, vencida esta, colaborou nas actividades políticas e culturais dos galegos exiliados. Xa vello, voltou para Galicia e residiu en Vigo ata a súa morte en decembro de 1979.

Antes do 36, Blanco Amor fora fundamentalmente poeta (ROMANCES GALEGOS, 1928; e POEMA EN CATRO TEMPOS, 1931). Pero a partir destas datas empeza a súa obra narrativa, primeiro en castelán e logo en galego. A ESMORGA foi unha novela esencial no desenvolvemento da narrativa galega. Despois publicou a recolla de contos OS BIOSBARDOS, a ambiciosa novela longa XENTE AO LONXE, e dous volumes de tea-tro. O CANCIONEIRO, de 1956, é a súa única obra poética publicada nestes tempos.

 

A PESCA (frag.)

Agarimantes cóxegas, moxenas

no teimoso cristal bulinte espello

dos vimios confidentes pola beira.

Sobro de nós, dondo silenzo, o ceio.

 

O peixe foi, seu pulo e bris de prata,

un istante no tempo de ar e rede;

dempois, nota e puñal, fendeu as augas,

arrepío de luz na linfa verde.

 

Como ispido na forza do seu arco,

lanzal teu corpo, sen ferir a area,

sortíuse con lediza de venablo

para o cachón das augos balbordeiras.

 

Eu témero de ti, cos teus alentos

na aperta da fondura entebrecidos,

funte buscar nos arcos medoñentos

onde amolece o sol en mornos limos.

 

Tremantes de tolicie, prata e riso

o peixe e ti, nos verdes solagados,

xa as guirlandas da morte en rodopío,

foron a dar nas redes dos meus brazos.

A PESCA (Pastoral)