Eladio Rodríguez González

Homenaxeado/a Ano 2001


Home de dous séculos, Eladio Rodríguez González naceu un 27 de xullo de 1864 nas terras de O Ribeiro de Avia, concretamente na parroquia de San Clodio do concello ourensán de Leiro. Alí pasou a súa infancia e parte da súa mocidade, ata que comezou a traballar como funcionario municipal en A Coruña (1888-1937), o que compaxinaba con outras vocacións: a xornalística e a poesía, ademáis de ocupar unha cadeira da Academia Galega, da que consta como un dos corenta membros numerarios fundadores.

Cun artigo seu titulado “Na xuntanza está a forza e na forza está o trunfo” abríase o suplemento “Nós. Páxinas Gallegas” que publicaba o xornal EL NOROESTE, do que Eladio Rodríguez foi director. No seu labor xornalístico tamén destacan as numerosas colaboracións que realizou en diversas publicacións como REVISTA GALEGA ou GALICIA, chegando tamén a dirixi-lo xornal LA MAÑANA.

Íntimamente vencellado á súa cidade de adopción –A Coruña-, e sentindo un acordo constante cara a súa terra natal que reflexaba nos seus versos, de Eladio Rodríguez consérvanse tres libros de poemas: FOLERPAS (1894), “RAZA E TERRA ” (1922) e “ORACIÓS CAMPESIÑAS ” (1927).

A súa poesía está considerada como eminentemente costumista, con notas patrióticas, de rebeldía ou loita e moi influenciada por Lamas Carvajal, Curros, Cabanillas e Pondal. Ademáis de que moitas das súas composicións poéticas chegaron a ser galardonadas en distintos certames, na súa obra tamén destaca o DICCIONARIO ENCICLOPÉDICO GALLEGO-CASTELLANO no que traballou toda a súa vida e que foi publicado tralo seu falecemento. Cómpre mencionar este diccionario, máis que polo seu valor filolóxico, polas súas aportacións etnográficas, xa que chegou a compilar gran cantidade de refráns, cantigas e modismos populares.

Eladio Rodríguez González -funcionario, xornalista e poeta- morreu en A Coruña o 14 de abril de 1949.

 

ORACIÓS CAMPESIÑAS

 Quixera que os meus versos

cheirasen á terra húmida,

………………………………………….

sonasen sempre a cántigas barudas;

………………………………………

tivesen oraciós de atardeceres

………………………………………

chegasen as concencias máis escuras

e despertasen n’elas

as voluntades murchas,

e prendesen nas almas

as arelas patrióticas máis xurdias,

e rezasen á eito

a pregaria eucarística e litúrxica

do santo amor á todo canto é noso

i-á todo canto en nós vive e perdura,

pra que así nos sentísemos

nas xornadas futuras

máis grandes e máis donos de nós mesmos,

..............................................