Fermín Bouza-Brey

Homenaxeado/a Ano 1992


Fermín Bouza-Brey Trillo naceu en Ponteareas o ano 1901, pero criouse en Vilagarcía de Arousa. Estudiou a carreira de Dereito na Uníversidade de Compostela, e despois Filosofía e Letras. Vinculado ós novos movementos literarios e culturais de Galicia, foi -en 1923- un dos fundadores do Seminario de Estudos Galegos.

Gañou en 1928 oposicións a Xuíz de Primeira instancia, pero adicouse durante toda a súa vida ós estudios de prehistoria e etnografía, temas sobre os que publicou gran cantidade de monografías e artigos. Escribíu tamén ensaios sobre Rosalía e a poética pondaliana.

En 1925 publicou a curta novela CABALGADA EN SALNÉS, e en 1933 o libro de poemas NAO SENLLEIRA, estandarte do neotrobadorismo no que anticipara Xoán Vicente Viqueira. En SEITURA, editado en Portugal no 1954, recolle tamén poemas posteriores. Outros dispersos en revistas foron reunidos na súa OBRA LITERARIA COMPLETA, publicada en 1980. Morreu en Santiago en xuño de 1973.

 

RETORNO (frag.)

"Mol rabanda do Mundo,

sabrosa terra nai,

que ventura manxarte

como un lírico pan

e chantarche a dentamia dos ollos

na códea vidal,

madura, recendente,

vizosa, a latexar!…

Somentes ti me sacias

a fame perennal

Regusto de alonxarme

para logo voltar,

e adormir no teu colo

abranguendo o teu van,

como un Miño quencido

polo peito dos vals,

coas augas quedas, quedas,

sen presa polo mar.

Salcóchate de estrelas,

que é o teu doado sal,

ollece de liñares

a máis non verdexar.

Afúmate de brétemas

no caínzo do serán,

que os sentidos precisan

de ti, fogaza albar;

de ti, suprema bica

e propia caroal;

de ti, en sazón e chea,

ouh Galiza maná!