Florentino López Cuevillas

Homenaxeado/a Ano 1968


Florentino López Alonso-Cuevillas naceu en Ourense en 1886 e morreu en 1958. Licenciouse en Farmacia pola Uníversidade de Santiago, anque nunca exercería, xa que profesionalmente foi funcionario de Facenda. Estudiou, así mesmo, Filosofía e Letras en Madrid.

Preocupado ó comezo pola cultura universal, en 1917 entra nas recén nadas Irmandades da Fala, e en 1920 forma destacada parte do grupo Nós, ó que aportou os seus profundos coñecementos de arqueólogo e as investigacións no eido da Prehistoria. Con Risco e Otero Pedrayo formou ese conxunto glorioso das letras e da cultura de Galicia que agromou en Ourense.

No seu libro póstumo, PROSAS GALEGAS, publicado en 1962, recóllense as mellores das súas páxinas que de xeito literario ofrecen profundos coñecementos e investigacións. Son ademais de grande valor estético, xa que o seu estilo amosa unha grande sinceridade e emoción poética.

Pódese dicir que, con Florentino Cuevillas, Galicia soubo, por fin, que tiña unha riquísima prehistoria.

 

PROSAS GALEGAS (frag.)

"¡Probiños os ríos! Os máis pequenos morreron xa. As fervenzas dos outros calaron ca súa leda cantiga, e os muiñeiros esqueceron as noites afrodíticas dos muíños. De vagar, de vagar, soio escoan por entre as pedras das presas fíos de auga, tan miudos, tan febles, que semellan as bagoas dun neno. ¿Onde foi, ouh ríos, a vosa forza de viaxeiros arriscados? Tristeiros, mudos, a vosa iauga encora nas chás e fede por que, falla de azos pra camiñar, morreu ca soedade do alén.

E aínda os grandes ríos da nosa terra: O Miño, O Sil, o Ulla, qué debecidos, qué probes! De cada día, o voso leito afúndese máis, como si andivérades a abrir a vosa propia sepultura.

E tí, gabacha fonte do lugar, amiga das mozas e dos parrafeos, e tí, fontiña homildosa da gándara, consolo de pogoreiros, casa frorida da moura encantada, ¿ Qué sentides ao ollar estiñadas as vosas augas? ¿Qué vai ser da moura encantada, cando a fontiña da gándara sexa soio unha cotra regañada?"