Francisca Herrera Garrido naceu na Coruña en 1869, e alí finou en 1950. Viviu na Coruña e Madrid, pasando os veráns en Oleiros, onde escribiu a meirande parte da súa obra.
Autodidacta, aprendeu a querela poesía con Rosalía de Castro, á que tratou. E Murguía foi o prologuista do seu segundo libro de poemas ¡ALMAS DE MULLER... VOLALLAS NA LUZ! no ano 1915. No 1913 vira a luz o seu primeiro libro, co título SORRISAS E BÁGOAS.
Escribiu en castelán PEPIÑA, REPROBA e FAMILIA DE LOBOS. En galego, tres libros de versos, nos que se enxerga un sentimento da vida campesiña e da alma popular semellante ó de Rosalía. Tamén unha novela e varios relatos e ensaios. A súa novela NÉVEDA é a obra máis coñecida da autora.
Francisca Herrera Garrido foi a primeira muller elixida -ano 1945- para entrar na Real Academia Galega.
NÉVEDA (Introducción).
"Querendo un gran poema cantar, dúbidas teño; que se falo galego non me entenden; e a cantar castillán nan me comprendo. Así mesmo pregúntome, se en prosa hei de escribir ou ben en verso; e ríome soíña deste meu dubidar; que é un aletexo igual ó dun poliño que se debote, coidándose atrapado no poleiro por un espanta-paxaros de trapo movido polos ímpetus do vento. Ninguén ha de le-lo meu escrito nin naide ha de folla-lo meu pensamento... abonda con deixar corre-la pruma; abasta con cumpri-lo meu desexo. ¡Lectores... quen os vira, mulpocado! couberan nun puñiño ben pequecho!... Deixade, pois, que escriba como canto: deixádeme que fale cos galegos, que son irmáns da alma os que me escoitan, e non ha de asolagar nos meus defectos. E aqueles que non entenden os meus falacios, e se sintan no propio Iar alleos, relembren que nasceron en Galicia; que eiquí atallecerán fillos e netos; que dormen nesta terra, aloumiñadas, as cinzas brancuxadas dos seus deudos”