Francisco Añon Paz

Homenaxeado/a Ano 1966


O 20 de abril de 1878, morreu no Hospital da Princesa de Madrid Francisco Añón Paz, que nacera en outubro de 1812 en Boel, do concello de Outes (A Coruña). Foi enterrado no cemiterio do Norte, e poucos anos despois os seus restos foron parar a unha fosa común.

Estudiara Teoloxía no seminario santiagués, anque sen chegar a ordenarse. Licenciouse logo en Dereito civil e canónico pola Uníversidade compostelana.

Para Curros Enríquez foi un guía, para todos un grande mestre; para a literatura galega, un dos Precursores.

Inquedo e revolucionario, fuxíu a Portugal despois da revolución de 1846, para logo ser de alí expulsado. Viaxou por Francia e Italia. A súa vida foi unha continua aventura, case sempre lonxe da terra presente semprenos seus poemas.

Ensinou idiomas, tivo un cargo no que quedou cesante, exerceu o xornalismo... ó remate da súa vida chegou esquecido, e namaior miseria. A súa obra, en galego, caste lán e portugués, espallada por xornais e revistas, foi recollida en 1920 por Carré Aldao.

 

¡Ai!, esperta, adorada Galicia

dese sono en que estás debruzada;

do teu rico porvir a alborada

polo ceo enxergándose vai.

Xa cantando os teus fillos te chaman,

e cos brazos en cruz se espreguizan…

¡Malpocados! o que eles cobizan

é un bico dos labios da nai.

Dese chan venturoso arrincado

pola man do meu negro destino,

astra mesmo soñando maxino

eses campos risoños cruzar.

E correr polas hortas e prados

onde leda pasou miña infancia,

respirando a suave fragancia

de xazmín, caravel, azahar.

Coido ver esa rías serenas,

escumando, con barcos veleiros,

e cantares oir feiticeiros,

que en ningures tan dóces oín.

Inda creo senti-las lavercas,

que peneiran nos aires cantando,

cando o sol vai as nubes pintando

de amarelo, de lume e carmín.

. . .

Eu soñei ver no cume do Pindo,

adornados de mirto e loureiros,

escritores, poetas, guerreiros,

que sorrindo se daban a man.

Eran eses os fillos mais caros

que da pátria aumentaron a gloria;

os seus nomes nos fastos da historia

con diamantes grabados serán.