Francisco Fernández del Riego

Homenaxeado/a Ano 2023


Seudónimos: Salvador Lorenzana, Cosme Barreiros, Adrián Solovio.

Categoría: Escritor e abogado.

Data e lugar de nacemento: 7 de xaneiro de 1913 en Lourenzá (Lugo).

Data e lugar de falecemento: 26 de novembro de 2010 en Vigo (Pontevedra).

 

CURRÍCULUM:

No ano 1930 comezou a carreira de Dereito en Madrid. Proseguiuna na Universidade de Santiago. Alternou estes estudios cos de Filosofía e Letras. En Compostela protagonizou un intenso activismo cultural. Colaborou no Seminario de Estudios Galegos, no Comité de Cooperación Intelectual, nos labores da F.U.E. Dirixiu a revista Universitarios, e desempeñou a secretaría da revista Alento. Despois de obter a licenciatura en Dereito, incorporouse á docencia universitaria como Profesor Axudante, encargado de cátedra. Ó se produci-la Guerra Civil do 36 foi destituído como profesor universitario e inhabilitado para exerce-la docencia. Rematada a guerra trasladouse a Vigo. Na década dos 40 encetou a actividade clandestina, xunto con Ramón Piñeiro e persoeiros do Partido que se mantiveran agochados, para reconstruí-lo galeguismo. Foi un dos fundadores da editorial Galaxia, un dos proxectos de maior calado na historia contemporánea do país. Co-dirixiu, con Ramón Piñeiro, a revista Grial. En 1960 foi elixido membro numerario da Real Academia Galega. Por iniciativa súa, a institución decidiu instituí-lo Día das Letras Galegas. Foi director da Biblioteca Penzol, desde a súa fundación. Dedicouse a partir de entón ó labor cultural, intelectual e de divulgación. En libros, artigos, conferencias e outras actividades culturais, traballou ó servicio de Galicia e dos seus valores. Foi tamén presidente da Real Academia Galega.

 

OBRAS REALIZADAS:

Autor de numerosos estudios, traballos e artigos de prensa, entre as súas obras cabe cita-las seguintes: Álvaro Cunqueiro e o seu mundo; Antolín Faraldo, o gran soñador, Anxel Casal e o libro galego; Blanco Amor, emigrante e autodidacta; El Camino de Santiago; O cego de Pumardedón; Cos ollos do noso esprito; Danzas populares gallegas; Diccionario de escritores en lingua galega; Escolma da literatura galega; Escolma de poesía galega (Séculos XIX-XX); Escritores de Portugal e do Brasil; Galicia; Galicia no espello; Galicia y nuestro tiempo; Historia da literatura; Índice cultural e artístico do renacemento galego; Letras do noso tempo; Luís Seoane desde la memoria; Manual de Historia da literatura galega; Un país e unha cultura; Pensamento galeguista dos séculos XIX-XX; As peregrinacións xacobeas; A pesca galega de mar a mar; Poesía galega; Presencia de Vigo na industria do libro e nas publicacións periódicas; O río do tempo; San Andrés de Teixido; O Señor da casa grande de Cima de Vila; La Universidad gallega ante el momento actual; Vocabulario castellano-gallego; A xeración Galaxia.

 

OUTROS DATOS DE INTERESE:

Membro de moitas institucións socioculturais galegas, foi galardoado con diferentes premios (Pedrón de Ouro, Trasalba, Premio de Creación Cultural, Premio das Artes e das Letras de Galicia), e distincións (Medalla Castelao, Doutor Honoris Causa pola Universidade de Vigo, Insignia de Ouro da Universidade de Santiago de Compostela...). En Xaneiro de 1995 fixo doazón da súa colección bibliográfica, arquivo persoal e fondos artísticos ó pobo de Vigo, establecendo o Concello en dependencias da Casa Galega da Cultura a Biblioteca-Museo Fernández del Riego. Co gallo da súa marcha da Presidencia da Real Academia Galega o 29 de novembro de 2001, a Xunta concedeulle a Medalla de Ouro de Galicia.