Lois Pereiro

Homenaxeado/a Ano 2011


Lois Pereiro

Homenaxeado Ano 2011

 

Lois Pereiro (Monforte de Lemos, 1958-A Coruña, 1996)

 

Autor de culto, representante da eclosión creativa dos 80 e da contracultura. "Nas letras galegas constitúe unha liña de intensidade vital e de formas contemporáneas. Alguén, como di Manuel Rivas, semellante á figura de Manuel Antonio nos anos 20". Con estas palabras presentaba Méndez Ferrín, presidente da Real Academia Galega (RAG) a Lois Pereiro, o autor que se homenaxea no Día das Letras Galegas 2011. Del dixo tamén Manuel Rivas: "é un mito contemporáneo. A súa obra é vangardista, universal e tamén dramática, pero con moito alento. Lois Pereiro invoca aos bos espíritos, as marabillas, a rebeldía e a xenerosidade”.

Lois Pereiro naceu en Monforte de Lemos (Lugo) en 1958. Con dezasete anos marcha a Madrid para cursar estudos en Políticas que abandona logo para introducirse na informática e nos idiomas. En Madrid inicia a súa traxectoria literaria na revista experimental Loia xunto cun grupo de universitarios galegos como Antón Patiño, Menchu Lamas, Manuel Rivas, Xosé Manuel Pereiro, Fermín Bouza e Vicente Araguas, e da que só se coñecen catro números (o último é de 1978). Nesta publicación apareceron algúns dos poemas do escritor monfortino que posteriormente se incluirán no seu libro Poemas para unha loia (1996), no que tamén se inclúe o ensaio “Modesta proposición para renunciar a facer xirar a rida hidráulica dunha cíclica historia universal da infamia” que fora dado a coñecer a través das páxinas da revista Luzes de Galiza.

Xa de regreso en Galicia, Pereiro forma parte do Grupo de Amor e Desamor que editou dous libros con ese mesmo título. Pereiro figura, pois, nas antoloxías colectivas De amor e desamor (1984) e De amor e desamor II (1985) nas que tamén aparecen Pilar Pallarés, Miguel Anxo Fernán-Vello, Manuel Rivas, Xavier Seoane, Francisco Salinas, Xulio Valcárcel, Lino Braxe e outros poetas de tendencias moi diversas pero que compartían inquedanzas culturais.Á iniciativa deste mesmo grupo débese tamén o mantemento da revista Luzes de Galicia onde, ademáis do mencionado ensaio, viron a luz os oito primeiros capítulos da súa novela inconclusa Náufragos do paradiso.

Pereiro tamén foi incluido en 1987 na antoloxía Después de la modernidad na que aparecían Luis Alberto de Cuenca, Bernardo Atxaga, Felipe Benítez ou Pedro Casariego. En Galicia Lois Pereiro compaxina profesionalmente o exercicio da tradución co labor poético, e contribuiu coas súas aportacións a artellar varias antoloxías colectivas.

Aínda que publicou poemas e artigos en varias revistas culturais, non foi ata 1991 que aparece a primeira das súas dúas únicas obras publicadas en vida: Poemas 1981/1991 (1992). Tres anos máis tarde edítase Poesía última de amor e enfermidade (1995). Os dous poemarios son duras e espidas obras nas que se fan patentes as pegadas expresionistas, as referencias á literatura xermánica e a certos trazos da contracultura.

Lois Pereiro falece enfermo en A Coruña en 1996. Aparecen póstumos: Poemas para unha loia (1997), recopilación da súa primeira poesía que inclúe o ensaio Modesta proposición para renunciar a facer xirar a roda hidráulica dunha cíclica historia universal da infamia; e a novela inconclusa Náufragos do paradiso, publicada en Luzes de Galiza.

A Real Academia Galega (RAG) desta as “colaboracións” do poeta lucense, “sempre reticente á difusión individual do seu traballo” e lembrou as súas contribucións como letrista a Radio Océano e como redactor de guións televisivos. A RAG sinala, tamén, que Pereiro cultivou desde os seus inicios “unha imaxe e unha estética” que fixeron del un “autor de culto”: “cartografiou como ninguén o labirinto do mundo contemporáneo conciliando para elo o individualismo escéptico coa tradición demoledora do expresionismo centroeuropeo”. A RAG entende que a súa proposta artística callou na sensibilidade emerxente sumerxida no posmodernismo e desexosa de atoparse nun discurso reflexivo e acuciante”. Reivindicou o “compromiso” da súa obra, “a temática e a súa forma”, ademáis do seu carácter “contemporáneo”.

Obra en galego:

  • Lois Pereiro (1992). Poemas : 1981-1991, Edicións Positivas, S.L.. ISBN 84-87783-12-0.

  • Lois Pereiro (1995). Poesía última de amor e enfermidade (1992-1995), Edicións Positivas, S.L.. ISBN 84-87783-34-1.

  • Lois Pereiro (1997). Poemas para unha loia, Espiral Maior. ISBN 84-89814-30-9.

Como exemplo da crudeza da súa poesía reprodúcese o párrafo dun dos seus célebres poemas e que serviu de epitafio gravado en pedra na súa tumba en Santa Cristina de Viso:

Cuspídeme enriba cando pasedes por diante do lugar onde eu repouse, enviándome unha húmida mensaxe de vida e de furia necesaria