Luis Amado Carballo

Homenaxeado/a Ano 1982


Luís Amado Carballo naceu en Pontevedra no ano 1901, e morreu na mesma cidade no 1927. Mestre e xornalista, colaborou en diversos xornais e revistas.

Ós 21 anos publicou o conto “Maliaxe” na revista ALBORADA, de Pontevedra, e logo o conto “Os probes de Deus”, na colección coruñesa LAR.

Pero o seu papel na literatura galega está marcado polos seus versos, nos que predomina a temática paisaxística e a percura dunha humanización da paisaxe.

Os libros que conteñen o seu labor poético son PROEL e o GALO -este último publicado postumamente- nos que cunha métrica tradicional soubo cantar dun xeito novo. Foi unha das voces máis prometedoras deste século, e aínda que non puido deixarnos unha obra rematada e madura, na súa corta existencia evidenciouse como un importantísimo poeta con grande influencia nas seguintes xeracións de escritores.

 

PROEL (frag.)

O xesto monacal da pedra

benzoa o acougo da aldea…

 

Axiónllanse os camiños

abrazados ao cruceiro,

nunha azul eternidade

de pedra e ceo.

 

A agonía do solpor

conmove o planto da terra,

e a paisaxe presígnase

con santas cruces de pedra.

 

A campaíña de prata

do día,

latexa un ángelus

de epifanía.

 

E o sol agoniante

ven a encravarse na cruz,

abrindo os marelos brazos

como o salvador Xesús.