Luís Seoane naceu en Buenos Aires en 1910, fillo de emigrantes. Fixo o bacharelato na Coruña e Dereito en Santiago, onde participou na actividade política e cultural estudiantil. Exerceu de avogado laboralista na Coruña e foi membro do Partido Galeguista.
No 1937 exilouse no Buenos Aires nativo, e foi o principal promotor de moitas empresas culturais da emigración e do interior (revistas, editoriais o complexo de Sargadelos, etc.) . A súa obra como artista gráfico foi importantísima: debuxante, gravador, deseñador de libros e de obxectos cerámicos, cartelista, pintor, Luís Seoane é un dos máis grandes plásticos galegos de tódolos tempos, e sen dúbida o máis completo e uníversal. Nas últimas décadas da súa vida, alternou a residencia en América con viaxes a Galicia. Morreu na Coruña en 1979. Publicou numerosos estudios e ensaios de arte, obras de teatro, crónicas radiofónicas...
Como poeta publicou FARDEL DE ElSILADO (1952), NA BRÉTEMA, SANTIAGO (1956), AS CICATRICES (1959), e A MAIOR ABONDAMENTO (1972). No 1977 saíu un volume coa súa OBRA POETICA enteira.
A FONTE (frag.)
Semellaba o vello un vagamundo,
unha braga ao meio da coxa
máis curta a outra e de difrente coor,
desguedellado e arrodeado de moscas,
ollando cara a fonte.
Un burato cun picho no muro,
A fonte da rúa do Franco,
con unha auga mellor que outras,
que roidosa enchía as sellas
cantando a auga e brincando.
Ao agochárese as mozas
amostraban as pernas, as coxas
frescas como a auga da fonte.
Eso é todo o que agardaba,
encostado, desdenoso, no muro,
aquel vello que semellaba un vagamundo.