Manuel Antonio Pérez

Homenaxeado/a Ano 1979


Manuel Antonio Pérez Sánchez naceu en Rianxo no ano 1900, e alí morreu en 1930. Estudiou Filosofía e Letras en Compostela, pero abandonou a carreira pola de Mariño Mercante en Vigo.

Ós 17 anos, xa era membro do Centro Republicano de Santiago. Comezou a publicar versos ós 18 anos, na revista santiaguesa SUEVIA. En 1920, afíliase á Xuventude Nazonalista Galega. Na súa vila, preside as Irmandades da Fala.

Navegou como mariño mercante pola Península, América e África.

En 1922 redacta o manifesto "Máis alá", que evoca un movemento ultraísta. A escola do creacionismo tivo nel unha forte influencia. A súa poesía supuxo unha renovación radical dentro da poesía galega.

Só publicou un libro -DE CATRO A CATRO- anque o resto da súa obra coñecida foi publicada por García Sabell en 1972, co título de POESIAS. Ó morre-lo poeta, a súa nai queimou boa parte dos seus papeis.

 

DE CATRO A CATRO (frag.)

Fomos ficando sós

o Mar o barco e máis nos.

 

Roubáronnos o Sol.

O paquebote esmultado

que cosía con liñas de fume

áxiles cadros sin marco.

 

Ronbáronnos o vento.

Aquel veleiro que se evadéu

pola corda floxa do horizonte.

 

Este océano desatracóu das costas

e os ventos da Roseta

ourentáronse ao esquenzo.

 

As nosas soedades

veñen de tan lonxe .

como as horas do reloxe.

Pero tamén sabemos a maniobra

dos novíos que fondean

a sotavento dunha singladura.

 

No cuadrante estantío das estrelas

ficóu parada esta hora:

O cadavre do Mar

fixo do barco un cadaleito.

 

Fume da pipa Saudade

Noite Silenzo Frío.

E ficamos nós sós

sin o Mar e sin o barco

nós.