Manuel Curros Enríquez

Homenaxeado/a Ano 1967


Gloria do Rexurdimento galego foi Manuel Curros Enríquez, nacido en Celanova de Ourense no 1851, e morto na Habana no ano 1908.

Ós 15 anos, foxe do fogar paterno, e en Madrid estudia bacharelato e Dereito. Ós 18 anos escribe o seu primeiro poema, "Cántiga", que hoxe en día coñecemos como "Unha noite na eira do trigo". Ós 19, xa está exiliado en Inglaterra, onde imparte leccións de castelán.

De novo en Madrid, foi xornalista. En 1877, acada un moi importante premio literario en Ourense, e xorde entón o verdadeiro Curros, poeta galego.

Volve a Ourense cun emprego oficial, e alí, publica en 1880 a súa obra AIRES DA MIÑA TERRA, que lle traería un complicado proceso do que finalmente resulta absolto. Nesta obra fustiga duramente á Igrexa oficial.

Emigrado a Cuba, funda xornais, ten problemas coas autoridades, ingresa no Diario de la Marina primeiro como corrector e logo como redactor... En Galicia, en 1904, foi coroado multitudinariamente, na cidade da Coruña. Unha asociación, presidida por Curros, é o xermolo da Real Academia Galega. Morreu en Cuba, anque o seu cadáver foi logo trasladado a Galicia para descansar na Terra.

 

AIRES DA MIÑA TERRA (frag.)

Como a miniña tola

que sai por ves primeira

con dengue e muradana

prá festa do lugar;

así, xentil i aposta,

vai vindo a Primaveira,

grinaldas de craveles

vertendo ó seu pasar.

Os álbores espidos

De fruto e de ramaxe,

cubertos xa de folla

comenzan a dar fror;

i á sombra agachapado

do prácido follaxe,

mentras que o gando garda,

fai chifros o pastor.

Xa de amarelo e branco

se pintan os outeiros,

xa nacen nas silveiras

as froles de San Xoan;

xa crecen nos valados

as hedras i os loureiros;

xa ten carroucho o millo,

xa as vides gromos dan.

Ai, estación florida,

gallarda primaveira,

quén pra botarche copras

tivera o que non ten!…

Co corazón ferido,

sin lira garruleira,

¿Quén te cantóu, hermosa?

¿ Quén te cantóu ?... ¡Ninguén!.

AIRES DA MIÑA TERRA