Manuel Lago González

Homenaxeado/a Ano 1973


Manuel Lago González naceu en Tui no ano 1865, e morreu en Santiago, onde era arcebispo, en 1925.

Estudiou no Seminario de Tui e logo,en Compostela, Hebreo e Grego. Ós 21 anos obtivo a Cátedra destes idiomas no Seminario tudense, e ós 22 dixo a súa primeira misa. Comezou a escribir ós 14 anos e a publicar ós 15. Pronuncia a primeira disertación ós 17 anos. Moi novo, exerce o xornalismo.

Doutor en Teoloxía por Santiago, foi bispo de Osma en 1910, Senador en 1914, bispo de Tui no 17, e arcebispo de Santiago no ano 23. En 1924, ingresou no Seminario de Estudios Galegos.

A pesar de que a Igrexa Católica estaba á marxe da loita cultural e nacionalista de Galicia e de que Lago González pertencía á Xerarquía Eclesiástica, comprometeuse decididamente na defensa da lingua e identidade do Pobo galego.

A súa obra en galego ou sobre Galicia, foi publicada no ano 1965, ó cumprirse o centenario do seu nacemento.

 

HOMAXE O ARCEBISPO MANOEL LAGO GONZÁLEZ (frag.)

Aquí dentro da cárcere vives

sereno e tranquilo

como viven os páxaros ceibos

nas prumas do niño.

Polas reixas de ferro contempras

o ceo infinito

onde brilan as luces do día

tecendo sorrisos.

Ves os montes cubertos de nubes

y-os campos froridos,

y-o pasar arredor da cadea

parentes y-amigos.

E non sintes o peito magoado

y-o rostro alcendido;

que te miras no fondo da y-alma

y-atópaste limpo.

Anque teñas o corpo aquí preso

non tés meu amigo

con cadeas atada esa y-alma

que é filla de Cristo.

Libertade do corpo non vale

que o corpo é cativo.

Cántos hay que son libres do corpo

e presos do esprito!