Natural Sada (A Coruña) naceu o 12 de febreiro de 1863 e morreu o 15 de febreiro de 1940.
Ós vinte anos emigrou a Cuba e alí permaneceu ata 1896. No ano 1885 funda o periódico A Gaita Galega, o primeiro dos publicados na emigración que estaba integramente redactado en galego. Ó volver de América instalouse na Coruña e traballou como administrativo no Servicio de Augas. Foi un dos membros fundadores da Academia Galega, que presidirá durante 1934 e 1935. En 1923 ingresa como membro no Seminario de Estudios Galegos. Participou no Partido Galeguista e foi membro da comisión que redactou o anteproxecto do Estatuto de Autonomía de 1932.
Iniciouse literariamente na poesía. Na Habana publicou o seu primeiro libro de poemas Soidades (1894). O seu segundo libro de versos Noitebras (1901) está dedicado á súa defunta muller Concepción Orta e Iglesias. En 1919, como suplemento do periódico El Noroeste, publica Versos de loita. Pero o seu mellor libro poético foi Ardencias (1927), que está dedicado á xuventude galega. O seu último libro poético, As Mariñas de Sada, foi publicado en 1928 e é unha homenaxe á sociedade de Sada e os seus contornos. A súa actividade teatral foi moi importante, destacan obras como A ponte (1903), Mareiras (1904), os dramas Minia (1904) e Esclavitú (1906) e as comedias O pazo (1917) e Estadeíña (1919). Tamén escribiu Contos de Aseumedre, que apareceron en varias publicacións periódicas como A nosa Terra. A súa preocupación polo galego levouno a escribir Gramática do idioma galego publicada en 1922 cunha segunda edición en 1931.