Manuel Murguía

Homenaxeado/a Ano 2000


Naceu Manuel Martínez Murguía en Frexel-Arteixo o ano 1833. Perteneceu ao corpo de arquiveiros, exercendo o cargo dentro e fora do seu país. Casou con Rosalía de Castro, e consagrouse ás ciencias da cultura no seu tempo. Finou na Coruña en 1923.

Erudito, periodista e guieiro da intelectualidade galega, foi autor, entre outras, das seguintes obras: “Diccionario de escritores gallegos”, “Historia de Galicia”, “Los Precursores” e “Galicia”.

Anque Murguía non escribiu habitualmente en galego, promoveu a obra galega de Rosalía, emprestoulle todo o apoio á de Pondal, e mantivo con Curros unha constante e afervoada relación.

Os poucos textos en prosa que escribiu na nosa lingua, redúcense a tres: O “Discurso nos xogos frorais de Tui”, do ano 1891; as breves liñas do “Homenaxe a Curros Enríquez”, do 1919; e do mesmo ano, o traballo aparecido no “Boletín de la Real Academia Gallega” do 17 de maio de 1933, co título de “Eduardo Pondal e a súa obra”.

 

DISCURSO NOS XOGOS FRORAIS DE TUI

¡O noso idioma! O que falaron nosos pais e vamos esquecendo, o que falan os aldeáns e nos achamos a ponto de n’entendelo; aquel en que cantaron reis e trovadores; o que, fillo maor da pátrea gallega, nola conservóu e conserva coma un don da providencia; o que aínda ten nos nosos labres as dozuras eternas e acentos que van ó corazón; o que agora oídes coma si fose un himno relixioso; o hermoso, o nobre idioma que do outro lado dese río é léngoa oficial que serve a máis de vinte millóns de homes e ten unha literatura representada polos nomes gloriosos de Camoens e Vieira, de Garret e de Herculano; o gallego, en fin, que é o que nos dá dereito á enteira posesión da terra en que fomos nados, que nos de que, pois somos un pobo distinto, debemos selo; que nos pormete o porvir que procuramos, e nos dá a certeza de que ha de ser fecundo en bens para nós todos. Nel, coma en vaso sagrado en que se axuntan todos os prefumes, achanse os principaes elementos da nosa nacionalidade, de novo negada, e, aínda máis, escarnecida. Doulle o celta a súa dozura e a maor parte do seu vocabulario; o romano afirmóuno; ten do suevo as inflesións; do noso corazón, o acento afalagador; e os brandos sonos, e os sentimentos das razas célticas. Un tanto femeninos, é certo, pro que se tempran no valor heroico dos seus fillos. Léngoa distinta –di o aforismo político- acusa distinta nacionalidade. Digámolo nós tamén, se nos compre, con maor firmeza aínda, e poñamos de nós o que faga falla, para que sea para sempre esta léngoa en consonancia co noso esprito, e feita coma ningunha outra para a espresión dunha literatura tan oposta ó xenio da de Castilla como é esta que nós temos.