María Victoria Moreno

Homenaxeado/a Ano 2018


Aínda que ela afirmaba que viñera ao mundo en 1941, seguramente para facer cadrar a súa idade coa das compañeiras de bacharelato elemental en Barcelona, a verdade é que Ana María Victoria Moreno Márquez naceu en Valencia de Alcántara (Cáceres) o 1 de maio de 1939.

Esta pontevedresa de adopción chegou a Galicia en 1963, con só 22 anos, e axiña asumiu a cidadanía en galego, a lingua que escolleu tanto para as súas obras narrativas infantís e xuvenís como para os seus estudos literarios, o ensaio, a poesía e a didáctica da lingua e da literatura galegas. Isto permítenos definila como "galega de elección".

“Eu non son alófona porque o que practico, se é que escribo, podería definirse coma unha amorosa autofonía […]. A miña relación con Galicia e a miña opción pola súa lingua é simplemente unha historia de amor”, declaraba María Victoria Moreno, en 1993, no congreso Poetas Alófonos en Lingua Galega.

En 2018 é a figura protagonista do Día das Letras Galegas e isto convértea na cuarta muller -tras Rosalía de Castro, Francisca Herrera Garrido e María Mariño- que leva ese recoñecemento na historia da celebración.

De Cáceres a Galicia

Os primeiros anos de vida pásaos en Valencia de Alcántara. En 1943, múdase coa familia a Segovia e alí fica ata que falece o seu pai, en 1949. Ese mesmo ano trasládase a Sepúlveda coa nai, onde esta exercerá de mestra. En 1951, grazas a unha bolsa de estudos, pode marchar a Barcelona para cursar o bacharelato e alí aprende catalán e francés, ademais de descubrir a literatura ao ler o Quixote e O principiño, que se converterán nas súas obras favoritas.

Entre 1958 e 1963 cursa estudos de Filosofía e Letras na Universidade Complutense de Madrid e especialízase en Filoloxía Románica. En Madrid colabora coa ONCE traducindo e lendo libros para persoas invidentes e é entón cando coñece a José Luis Llácer. Casan ao remataren a carreira e trasládanse a Pontevedra, onde el traballará no Colexio da ONCE ata o seu falecemento en 1996 e ela, como profesora interina.

Logo de aprobar as oposicións en 1965 e de impartir clase durante dous anos no Instituto Masculino de Lugo (hoxe Lucus Augusti), e durante catro en Vilalonga (Sanxenxo), volve á Cidade do Lérez, onde dará clases no Instituto Feminino (o actual Valle-Inclán) e no IES Torrente Ballester.

En 1973 inicia o proceso de adopción dos seus fillos, Begoña e Carlos Alberto, que conclúe dous anos despois. En 1996 morre o seu home e en 1997 diagnostícanlle cancro de mama a ela. En 2002, inicia unha relación co capitán da mariña mercante de orixe cubana Pedro Ferriol que culmina en voda en maio de 2003. María Victoria Moreno falece en Pontevedra o 22 de novembro de 2005.

Narradora en galego

María Victoria Moreno é unha das pioneiras na narración en galego para o público infantil e xuvenil. Mar adiante (Edicións do Castro, 1973) é o seu primeiro libro na lingua propia de Galicia. Ilustrado por ela mesma, inclúe o relato “Crarisca e luceiro”, que un ano antes gañara o segundo premio do Concurso Nacional de Contos Infantís “O Facho”. Nel defende unha escola diferente, en contacto coa natureza, baseada no respecto, no agarimo e no gozo de aprender.

En 1979 publica O cataventos (que xa acadara o primeiro premio no concurso da Agrupación Cultural O Facho) e en 1983, A festa no faiado. En 1986 sae do prelo o seu libro preferido, Leonardo e os fontaneiros (Galaxia), obra coa que gañou o terceiro premio de O Barco de Vapor en 1985. Nesta novela plasma o seu amor polos animais, igual que en E haberá tirón de orellas?, de 1997.

Porén, é Anagnórise (Galaxia, 1988) a obra que lle permite obter un dos maiores éxitos da literatura xuvenil na nosa lingua, pois en moi pouco tempo publicáronse 20 edicións da novela e mesmo chegou a ser incluída na listaxe de honra do IBBY (Organización Internacional para o Libro Xuvenil) en 1990.

Con Guedellas de seda e liño (Galaxia, 1999), outra historia coa que demostra a súa capacidade de chegar ao público adolescente, entrou na prestixiosa listaxe internacional de White Ravens da Biblioteca Internacional para a Mocidade de Múnic en 2002.

Un par de anos despois sairía do prelo unha das súas obras para público adulto, Diario da luz e a sombra (Xerais, 2004), onde reflectiu a experiencia da enfermidade que acabaría pouco despois coa súa vida.

No libro Eu conto, ti cantas... (Xerais, 2005), o último que chegou a ver publicado, compila tres historias en verso nas que os animais son protagonistas.

Paixón docente

María Victoria Moreno soubo tamén transmitir a paixón pola lingua e a literatura galegas como profesora, tanto nos cursos semiclandestinos que impartía gratuitamente nos anos 70 en Pontevedra, Vilagarcía de Arousa ou Ourense, que lle supuxeron a retirada do pasaporte en represalia, como nas clases oficiais de Lingua e literatura españolas que deu durante décadas no ensino secundario (xa durante a ditadura, María Victoria Moreno dedicaba os venres parte destas clases a ensinar a literatura galega). Buscaba un método de ensino que lle permitise ao seu alumnado gozar da aprendizaxe e que cambiase as prohibicións, a censura e o medo pola liberdade e os xogos.

Xunto con Xesús Rábade e mais Luís Alonso Girgado publica a mediados dos 80 libros de texto que aínda hoxe son un referente. Froito da necesidade de manuais nun momento en que estas materias se estaban a implantar nos centros, son á vez unha mostra da súa paixón polo ensino. Tamén escribirá outras obras de carácter didáctico, como As linguas de España e Verso e prosa (Xunta de Galicia, 1991).

Tradutora, libreira e editora

A tradución é outro terreo no que María Victoria Moreno realizou achegas destacadas. Anosou obras do catalán como Mecanoscrito da segunda orixe, de Manuel de Pedrolo (Galaxia, 1989), e realizou as traducións ao castelán da antoloxía bilingüe Os novísimos da poesía galega (Akal, 1973).

En 1968 abriu canda outros intelectuais a libraría Xuntanza de Pontevedra, co fin de promover a literatura e espallar os libros. Nela podíanse atopar, entre outras, obras de Castelao, prohibidas pola censura. No eido editorial, foi codirectora de Árbore, a colección infantil de Galaxia, desde o seu inicio.

Fonte: www.lingua.gal