María Mariño

Homenaxeado/a Ano 2007


Naceu en Noia no ano 1918.

Despois de vivir en varios sitios de Galicia e de fóra, sobre o ano 1948 asentouse no Courel, onde morrería prematuramente no ano 1967.

No 1963 publica "Palabra no Tempo", libro que esperta grande atención da crítica doutros poetas, aínda que o público en xeral apenas a percibiu. Moitos anos despois, xa en 1990, o Concello de Noia publicou o seu inédito "Verba que comenza".

Trátase dunha poeta totalmente fóra da vida literaria, próxima por veciñanza, amizade e poesía a Novoneyra, que presentando o seu libro dicía: "En M.M. confírmase o mito da profundidá da alma galega. Angustia, Espranza, Memoria, Nostalxia e Arelanza: todo o mundo do esprito. Unha poesía de son esencial -muitas veces no xeito da canción popular e sempre no estilo de Galicia que é o estilo da fala- donde o misterio nos chega".

Mais segundo Ramiro Fonte, con quen cadramos conformes, tamén "foi resaltada en exceso a súa relación con Novoneyra", pero "María Mariño brilla con luz propia, e o seu mundo lírico é un dos máis persoais entre os poetas galegos da posguerra. É coincidente co poeta do Courel o tema propiciado pola serra e o seu cosmos, a ansia de ver o seu 'ser' transcendido no ámbito da Natureza. (...) Pero se en Novoneyra nunca adiviñaremos se quen fala son os ecos silentes da terra ou o poeta, na nosa poetisa sempre se escoita a voz do eu empírico na súa máis intrínseca esencia do existir".

 

María Mariño

De forte ollar, amiga,

de frío que non se quenta,

Amiga, que eres de todos

e por ninguén esquencida.

 

Soia co teu silencio

na forza do teu poder,

un por un de cada ser

levas do fin ó comenzo,

descansar a túa fonte.

................................................

E logo d'alí cansiños,

amigo, dinos pra onde?

 

Deixa, amiga, ós nosos pes,

fríos polo teu ver,

algo do noso sentir,

do són que tí fas fuxir

amiga, por aquil nacer...