Rafael Dieste naceu en Rianxo no ano 1899 e finou en Santiago de Compostela no 1981.
Moi novo viaxa a México e participa nas campañas en Marrocos. Xornalista tamén moi novo, dirixiu e fundou as publicacións: Nova Galicia, Hora de España, El mono azul, e El Buque Rojo.
Pensionado pola “Junta de Ampliación de Estudios” estudiou o feito teatral en Francia e Bélxica, sendo o teatro un dos seus nortes vitais. Creou e dirixiu o “Teatro Guiñol de las Misiones”, publicando entre outras obras teatrais “Al Amanecer”, “Nuevo retablo de las maravillas” (ámbalas dúas, teatro de guerra) “Viaje duelo y perdición” e “Viaje y fin de Don Fontán” e sobre todo “A Fiestra Valdeira” a peza emblemática do teatro galego deste século, e símbolo do rexurdir teatral en Galicia.
De fonda formación filosófica e literaria, foi xefe de equipo de Misións Pedagóxicas e director do departamento literario de Atlántida (Buenos Aires).
Exerce como lector de español en Cambridge e profesor en Monterrey (México). Voltou a España en 1978, residindo en Rianxo e A Coruña.
Foi prolífico conferenciante e publicou numerosos traballo monográficos. Entre a súa obra non teatral hai que destacar “Historias e Invenciones de Felix Muriel”(a xeito de autobiografía), “Testamento Geométrico”, “Dos arquivos do trasno” (contos), “Rojo farol amante” (versos)… e outros moitos títulos que van do ensaio á pintura; da historia á investigación xeométrica.
En 1970 ingresou na Real Academia Galega cun discurso sobre “A Vontade de estilo na fala popular”.
O GRANDOR DO MUNDO
Tanto ouvira falar de Bôs-Aires, das ruas longas e direitas que non se dan ademiradas nin andadas, da prata relocinte e xenerosa con que alá premian o traballo, dos boletíns de moitas llanas e da xente sabida que os lé, dos longos trens que bruan pol-a pampa infinda e de mil cousas ledas, lanzales e rumosas, tanto ouvira falar, antrementres co-a navalla barbeira –a mais levián da vila- percorría as fazulas dos seus parroquianos de sempre, e tanto no seu maxín escarabellou o falado, que un día topouse de súpito co-a circia vôntá d’ir a Bôs-Aires. Dez anos alá, e voltaría rico de pecunia e lembranzas.
Unha mañanciña saeu da vila cun baul pequerrecho.
Cando chegou ao porto –endexamais vira unha cidade- sinteuse atordoado e pequecho n’aquel reducio de escintilos e romores novos, e a rentes andivo de voltar. E hai quen di que dixo moi ademirado, moi anguriado e moi pol-o baixo: -¡Qué grande é o mundo!
Dez anos alá e voltou rico de pecunia e lembranzas.
Chegou en tempo de invernía, cando andan os gatos a se pasearen pol-a casa moi desacougados, e as galiñas fan ringolas na sombra do alpendre, e as badaladas que chaman â novena fan o serán esguío, espiritado.
E cando estivo na casa e pasou o ledo barullo do recibimento, púxose a asubiar algo que escomenzou en tango e rematou en vella cantiga, mentras os vidros da fiestra choromicaban diante dos seus ollos, estragoando a rua homilde.
Algo moi vello e moi novo foi sortindo solermiñamente de non sabía que esquencidas veas do seu intro. E sinteuse asolagado ate a gorxa de dôce e rara anguria de morto reviviscido. E cando pasaron uns picariños correndo e salmodiando aquelo, (“Chove – chove - na casa do probe, - na miña non chove”) marmulou co-a voce esnaquizada:
- ¡Qué grande é o mundo!.
(A Fiestra Valdeira, Rafael Dieste, IGAEM, 1994)