Ramón Cabanillas Enríquez naceu en Fefiñáns-Cambados o ano 1876 e finou en 1959.
Estudiou no Seminario compostelán de San Martiño Pinario.
Emigrou a Cuba en 1910, onde foi contable de comercio e Administrador do Teatro Nacional, do Centro Galego da Habana. Alí comezou as súas publicacións: narrativa, teatro, e moi especialmente poesía, eido no que se lle considera o máis relevante e completo dos autores galegos. Tamén na Habana publicou o seu primeiro libro.
Volve a Galicia en 1915, e colabora en A NOSA TERRA, revista das Irmandades da Fala.
VENTO MAREIRO, DA TERRA ASOBALLADA, NA NOITE ESTRELECIDA, VERSOS DE ALLEAS TERRAS E PE TEMPOS IDOS... son outras tantas estrelas do seu fecundo labor poético.
Pertenceu ás Reais Academias Galega e Española. Os seus restos repousan no Panteón de Galegos llustres, en Compostela.
NA MORTE DE CASTELAO
¡Irmán Daniel!
Na praia de Rianxo
caían como bágoas as estrelas,
espallaban teus aies derradeiros
bruantes ventos das andinas serras,
e ondas galgantes, en cramor, chegadas
da pratense ribeira,
contaban no areeiro que te foras
da sereidade pola plan vereda...
o camiño que nunca se desanda,
o vieiro sin fin...
Na noite pecha
entréi pinal adiante, medoñento,
a ialma dun feitizo prisioneira.
Fungaban os ramallos un responso,
brilaba a frouma verdecente acesa,
en velorio de honra ó teu relembro.
Ergueitas cara ó ceo as ponlas, era
cada pino un cruceiro,
labra xenial da túa man maiestra,
e aquel forte e lanzal, que tempos idos
escoitou a túa prácida conversa
co sabidor e xurdio
Profundador de voces milagreiras,
inquiréu delorido, en desespero:
¿De qué morte morréu a nosa prenda?
Atravesóume o peito
un dór punxente e esguío de saieta
e díxenlle a verdade crú, tinguindo
cunha pinga de sangue cada verba:
¡ Morreu do mul dos bós
e xenerosos !
¡Morréu de amor á Terra!