Ramón Otero Pedrayo

Homenaxeado Ano 1988


Don Ramón Otero Pedrayo -dos poucos literatos ós que habitualmente se lle antepón o Don-, naceu en Ourense na rúa da Paz, na mesma casa que Risco, no ano 1888. Morreu no ano 1976.

Tivo na súa familia un ambiente culto e liberal, e en Risco un amigo desde os anos de neno. Estudia bacharelato en Ourense, e -en Madrid- Filosofía e Dereito.

Foi Catedrático de Xeografía e Historia en Burgos, Santander -onde casou- e Ourense. Colaborou en LA CENTURIA, e foi membro do Seminario de Estudios Galegos. En 1937, despois dun expediente, foi dado de baixa no escalafón de catedráticos, e non sería reposto ata 1948.

En 1950, ós 62 anos, oposita e gaña a Cátedra de Xeografía da Uníversidade de Santiago.

Participa na fundación de Editorial Galaxia, e dá a luz unha amplísima obra que abrangue poesía, relatos, novela, xeografía, ensaios, libros de viaxes... Destaca o seu papel de orador, de comunicador... Recibíu o calificativo de O Patriarca, tanto chegou a significar na vida e na cultura de Galicia.

 

A CASA SOIA

Nas queixumosas táboas

Brosladas finalmente polo verme

analista de insomnios e fantasmas

repousou o mou pai no cadoleito,

e inda a piedade de unha bágoa de ólio

garda a lembranza gosalleira e triste

pra o fillo sempre na querida coimbra,

neno xiado de augural pavura

pola friaxe glacial de aquela man

quentor de Deus, forteza e recompensa.

Sofren meus probes libres

proba de soedade, noite e poeira,

apreixan requintados pensadores

os seus cristalográficos esquemas

en procura da chama dos poetas

aínda nos ermos bailadora lapa.

E encentándome o peito

os dentes do remorso, non sosteñen

os ollos o reproche amargurado

das páxinas sin ordre folleadas,

onde se sinte o delorido pranto

das escumas e torres das ideas

batendo en xordas praias e roquedos

de indiferente tempo acugulado.

Arestora un irónico paxaro

peteira na gaiola do meu peito,

non quero pescudar o cemiterio

dos quebrados ensaios dos meus egos,

os imprefeitos testos de cerámica

deste meu barro, ás veces Kaolín puro

dina lampada do locir eterno,

outras trollo calcado polos casos

dos armentíos mouros do pecado,

ou tristeiros refrexos de outros ceus

apreixados na lama. De este barro,

feito e desfeito deica a man da Morte,

a suprema escultura das facianas.

BOCARRIBEIRA