Roberto Blanco Torres naceu o 18 de marzo de 1891, en Santa María dos Baños de Cuntis (Pontevedra), o menor de dez irmáns. Cando ten sete anos morre a súa nai e sete anos despois seu pai. En 1907 emigra a Cuba, onde están asentados dous dos seus irmáns e alí desenvolve un labor xornalístico nas publicacións da illa, baixo o acrónimo de Fray Roblanto e publica algúns dos primeiros poemas.
En decembro de 1911 edítase por vez primeira o semanario La Alborada, órgano de la colonia gallega de Cuba, que dirixe Blanco Torres. En 1915 promoveu a aparición de La Tierra Gallega, desde onde se fustiga aos membros de Centro galego de A Habana. No verán de 1916 torna a Galicia e instálase na vella casa natal de Cuntis. Comezou unha grande actividade xornalística en medios galeguistas e agraristas como Galicia Nueva, Heraldo de Galicia, El Estradense, Vida gallega, El Ideal Gallego, Faro de Vigo… En 1920 é nomeado director de El Correo Gallego e reside maiormente en Ferrol. En 1922 reside en Ourense e dirixe primeiro La Zarpa e despois simultaneamente o Progreso de Pontevedra. En 1924 faise cargo da dirección de Galicia-Diario de Vigo, fundado por V. Paz Andrade dous anos antes, deixándose de publicar en plena dictadura de Primo de Rivera. En 1926 casa con dona Julia Sánchez Nóvoa. O 10 de xullo de 1930 participa na creación da Asociación de Escritores Galegos, xunto con Otero Pedrayo, Risco, entre outros. En 1932 é nomeado gobernador de Palencia, cargo do que dimite por desavenencias cun sector do republicanismo. O 30 de maio de 1936 é nomeado Xefe do Gabinete de Prensa do Ministerio da Gobernación e trasládase a Madrid. Cando comeza a Guerra Civil está na Peroxa, onde é detido en setembro dese ano. O 2 de outubro é asasinado nun foxo por un grupo de falanxistas.
A obra poética de Blanco Torres ten un carácter altruísta, onde as ideas priman sobre a fonética, buscando un vangardismo complementario ao de Manuel Antonio. Pero foi o seu labor xornalístico o máis fructífero.
Bibliografía: (1930) Orballo da media noite.
(37 escritores para unha lingua, Xunta de Galicia, 1999)
DIANTE DA NATUREZA
Pra Bernardino Varela
Pra Manoel Cabanillas
O monte está sereo,
os penedos vixían;
a gándara está virxe
d’a profanazón ainda.
Soilo as cibdás imbéciles
Iñoran a cousina.
Na rasa Natureza
todo rechouta e brilla:
de cote ten o encanto
d’a meiga poesía.
Soilo os salóns imbéciles
fan normas da mentira.
Xunt’ô paisaxe ledo,
a fonte deita a linia
na qu’o sedento afoga
as mágoas d’a fatiga.
Soilo os viles imbéciles
n-alcohol vil s’esnaquizan.
N-as leiras que dan froito,
sóbor chan que xermina,
o traballo fecundo
impón a lei da vida.
Soilo as cibdás imbéciles
co pitismo dan grima.
O agro, o agro, é a musa
d’ardente melonía
en onde a frol d’a loita
chea d’arume e limpa,
ergue seus cores roxos
ô cume que aloumiña,
falando ôs peitos nobres
d’a redentora obriga.
Soilo as cibdás imbéciles
traicionan a consina…
R. BLANCO TORRES
Terras de Salnés. Mes de Santiago
(Roberto Blanco Torres, 1891-1936, Ed. Xerais. Vigo, 1999)