Vicente Martínez Risco

Homenaxeado/a Ano 1981


Vicente Martínez Risco e Agüero, naceu en Ourense en 1884 e morreu nesta cidade no ano 1963. Vivíu na rúa da Paz, na mesma casa que o seu amigo Otero Pedrayo.

Estudiou Dereito na Universidade de Santiago, e logo acudíu ó Centro de estudios superiores de Maxisterio en Madrid, obtendo a cátedra de Historia da Escola Normal do Maxisterio de Ourense.

Foi en 1910 cando entrou na redacción de EL MIÑO. Logo fundou con Noguerol a revista LA CENTURIA, e con Losada, Noguerol e Castelao a revista NOS, órgano do grupo do mesmo nome.

Risco foi narrador marcadamente didáctico, autor teatral, e no ensaio acadou o máis alto cume da nosa literatura. En 1920 publica TEORÍA DO NACIONALISMO GALEGO. Despois da guerra adicouse especialmente ós estudios de etnografía.

 

LERIA (frag.)

“Nas camiñatas longas polas vereas enlamadas do val, antre as muradellas dos eidos e á sombra dos carballos, polos vieiros abertos da serra, batidas do vento, antre as uces e as carqueixas, polas estradas poeirentas baixo un sol de xusticia; nas pousas na porta de chouza e na portalada do pazo, ao pé do cruceiro ou debaixo dun cabaceiro, ao acollido da chuvia, xantando nos mesós, sentados nos longos bancos onde se sentan osarrieiros e os camiñantes; durmindo nas pousadas da aldea, baixo o faiado de rexas trabes de castiñeiro; falando cos rapaces, cos vellos, coas mulleriñas, cos homes que andan no traballo; ollando os longos horizontes cinguidos de serras azúes, sorbendo o ár fresco da mañá e o luar da noite, vai ún comungando coa terra, deixándoa entrar máis adentro na ialma, sintinto a suprema mística identidade coa gran Nai silenzosa, ao tempo que a súa vida imensa nos inunda e adonámonos dun pouco da forza plástica criadora de todas as cousas. A forza inmorredoira que ha dar forma fatura á ialma segreda e diviña de Galicia."