Xesús Lorenzo Varela Vázquez

Homenaxeado/a Ano 2005


Xesús Lorenzo Varela, fillo de emigrantes galegos orixinarios de Monterroso

(Lugo), naceu o 10 de agosto de 1916 a bordo do barco “La Navarre” á entrada do porto da Habana (Cuba). Foi o primeiro destino da súa familia na emigración, xa que algúns anos despois trasládase a Bos Aires (Arxentina) desde onde regresa a Galicia –concretamente a Lugo- onde se relaciona cos galeguistas destacados da época.

Estudia o Bacharelato en Lugo e participa na fundación da FMG lucense con Ramón Piñeiro. Proclamada a República en 1931, Lorenzo Varela participa en 1932 nun acto do Partido Galeguista no Teatro Principal de Lugo, no que interveñen Castelao e Valentín Paz Andrade, entre outros. Declaradas arredistas, as Mocidades Galeguistas contan con militantes como Celso Emilio Ferreiro, Ricardo Carvalho Calero, Xosé Velo ou Francisco Fernández del Riego.

Afastado de Galicia, continúa en Madrid o seu vencello coa República a través das Misións Pedagóxicas da República, a revista PAN (Poetas, Andantes e Navegantes) e no xornal “El Sol” dirixido entón por Ortega y Gasset e onde desenvolve o labor de crítico literario. En Madrid entra en contacto Eugenio Granell, Rafael Dieste ou Carlos Maside, e en 1936 incorpórase á militancia do Partido Comunista, sendo un dos fundadores da Alianza de Intelectuais Antifascistas para a Defensa da Cultura, xunto con Antonio Machado, Rafael Alberti e José Bergamín.

Durante a Guerra Civil permanece na capital de España como comisario político do Exército Republicano e comandante dunha brigada a 11ª división. Actividades que compaxina con colaboracións en publicacións revolucionarias como “Hora de España” ou “El Mono Azul”. Ó final da guerra, e debido á derrota republicana, marcha a Francia onde recala no campo de concentración de Saint Cyprian, de onde fuxe a México para continuar co seu labor xornalístico e de creación literaria en revistas como “Romance” e “Taller”.

A finais de 1941 Lorenzo Varela decide regresar a Arxentina onde estivera de neno. Recala en Bos Aires onde traba amizade con Dieste, Luis Seoane ou Eduardo Blanco Amor. É neste país onde desenvolve a sua obra poética integrada polos libros: Torres de Amor (1942, íntegramente en castelán), Catro poemas galegos (1951) e Lonxe (1954). De publicación póstuma é Homaxes (1979), que inclúe poemas en galego e castelán, e tamén a publicación pola Biblioteca do Exilio da súa Obra Poética Completa, e da obra en castelán Ensayos, conferencias y otros escritos. Pero Lorenzo Varela non se afasta do contacto co xornalismo da época e do lugar, e publica en xornais como Clarín, El Mundo e La Nación, e en revistas como Primera Plana, Sur e Cabalgata, e tamén exerce tarefas de traductor do portugués ó castelán.

Militante do Partido Comunista Arxentino, Xesús Lorenzo Varela ten que abandonar o seu exilio arxentino a raíz do golpe de Estado de Videla en 1976, regresando a España para afincarse en Madrid, onde reside con dificultades ata a súa morte en 1978.

 

LUGO

Na fonte de ferro,

no coiro dos bois

no espello do vento,

da navalla e da frol.

No recén da herba,

no lobo e no can,

nos ollos da meiga,

na pedra do lar.

No refaixo dela,

na ponte do alén

no andar das ovellas.

no ar do mencer.

No cabalo quente,

no viño millor

no que non se perde

no meu corazón.

Na noite senlleira,

no liño tecido,

na madeira tenra

dos vellos castiros.

Na vida, na morte, no amor e no ren,

loubareite, Lugo de aceiro e de mel.