Xesús Ferro Couselo

Homenaxeado/a Ano 1996


Xesús Ferro Couselo nace en Louro, no concello de Valga (Pontevedra). Cursou os estudios no seminario de Santiago.

En 1926 comezou Filosofía e Letras na Universidade de Santiago ó tempo que proseguía os seus estudios eclesiásticos, que culminou co grao de doutor na Universidade Pontificia. Licenciouse en Filosofía e Letras en 1931. Aproba as oposicións de cátedra de Instituto, pero en Madrid anulan o resultado como represalia por proceder dun centro educativo de xesuitas. No curso 1934-35 incorpórase como profesor interino de filosofía no Instituto de Tui. Por estas datas afíliase aos grupos galeguistas de Ultreya. A guerra civil sorpréndeo en Madrid.

Rematada a guerra volve a Galicia e o resto da súa vida discorre como funcionario adscrito ao Corpo facultativo de Arquiveiros, Bibliotecarios e Arqueólogos, destinado a cidade de Ourense, que o fará Fillo de Adopción, vivindo para a historia e para o Museo da cidade. En 1963 entra a formar parte do Consello de redacción da revista Grial. Morreu nesta cidade o 23 de abril de 1975.

 

OBRA

Ferro Couselo foi fundamentalmente historiador e investigador. Pero ademáis o gran sistematizador dos estudios arqueolóxicos, ademáis de participar na formación do Patronato Rosalía de Castro, que presidiu Otero Pedrayo. En 1971 creou o Boletín Auriense, publicación histórica de grande importancia. En 1963, xunto con outros firmantes propuxo que a Real Academia Galega. Instituirá a festa do 17 de maio como Día das Letras Galegas. Participou nas iniciativas para que se celebren por primeira vez as misas en galego na capela catedralicia do Santo Cristo de Ourense. En 1972, polo seu labor científico, recibiu a Encomenda de Afonso X o Sabio. Ademáis do rigor no traballo histórico, Ferro Couselo imprimelle aos seus textos un lirismo que realza os seus textos e os converte en moitos casos en verdadeiros relatos literarios.

 

BIBLIOGRAFÍA

(1957) O Deus Bandua da Veiga.

(1958) Cómo e por qué os escribanos deixaron de empregar o galego.

(1964) A vida e fala dos devanceiros. Escolma de documentos galegos dos séculos XIII e XVI.

(1995) O Tumbo de Fiaes, anexo do Boletín Auriense.

(37 escritores para unha lingua, Ed. Xunta de Galicia,1999)

 

COMO E POR QUÉ OS ESCRIBANOS DEIXARON DE EMPREGAR O GALEGO

O galego enton é a fala dos vasalos e dos señores, dos cregos e dos labregos, e óucese o mesmo nos concellos que nas eirexas, misturado co latín nas prédicas e cerimonias. “E esto así dito e outorgado ergueuse o dito chantre e tomou por las maos aos ditos Afonso Ougea e Tereixa Alvares e en suas maos feceron logo palavras de casamento ambos e dous, segundo que manda a nosa Santa Madre Iglesia, dizendo o dito Afoso Ougea que recebía a dita Tereixa Alvares por sua muller boaa e leal e a dita Tereixa Alvares dizendo que reçebía ao dito Afonso Ougea por seu marido boo e leal…” Ansí se fixo un casamento, nos comenzos do catrocentos, según as Notas de Estebo Pérez, chanceller do Cabidoo da Catedral de Ourense.

Inda que o rei de Castela non se alcuña xa Emperador, como noutrora o imperante en León, ténse por tal de feito e de dereito e leva a honra mandar en reinos de costumes e falares diversos. No seu famoso discurso pola primacía de asento no Concilio de Basileia o daián de Santiago don Alonso de Cartagena, conselleiro do rei don Xohán II e logo bispo de Buros, antre as probas da preeminencia do Rei de Castela sobor do da Ingalaterra, apón a de que aquil era rei de reinos con diversas língoas. Vemos por iso como endexamais recusa que lle falen os vasalos cada un na sua fala.

Namentras gobernan os endiantados, a conciencia de Reino de seu mantense viva. Pro a anarquía feudal –que en Galicia houbo feudalismo como en ningures- trouxo o debilitamento das vellas institucións xurídicas.

De contado, cos Trastámaras, de fora veñen arreo bispos, alcaldes maores, correxidores, daiáns de Caidoos e hastra cregos, coengos e abades…

Xesús Ferro Couselo

(Do libro Homenaxe a Otero Pedrayo. VV.AA. Ed. Galaxia. Vigo, 1958 )