Eu, Martín Sarmiento

Frei Martín Sarmiento - 2002


 

VIDA | OBRA | CRONOLOXÍA | SOBRE F.M. SARMIENTO | PARA ACHEGÁRMONOS A F.M.S.

“EU, MARTÍN SARMIENTO”

(Fragmento do libro de J.L. Pensado: “Para achegármonos a Frei Martín Sarmiento”, publicado por Citania en 1994, co gallo do 300 aniversario do seu nacemento)

 

¿Que me pasará hoxe que desperto un pouco desacougado e chían-me os oídos como se alguén estivese falando de min alá no mundo dos vivos?… ¡Agora me decato!: Son os meus paisanos que andan a falar de min porque hai trescentos anos que nacín.

Eu nacín só, vivín só, morrín só e sigo vivo, só, nas páxinas dos meus manuscritos… A miña vida e a miña obra foron un inmenso soliloquio, na cela do meu convento. Escribín moito e publiquei pouco, porque no meu tempo non tiña xeito dar a coñece-los meus pensamentos, e agora coido que xa poden quedar un pouco avellantados.

Aínda que sempre escribín para min mesmo, os meus escritos que subirán todos… a máis de tres mil pregos ou a seis resmas de papel, non os trouxen conmigo. Alá quedaron por se alguén quería lelos. A maioria deles, que falan de Galicia e das súas cousas, coñécenos poucos, pois aínda fican inéditos. Case parece que os meus paisanos gustan máis de agasallarme que de lerme; de falar de min que de publica-las miñas obras.

Vivín degorando por saber, e por iso pasei toda a miña vida preguntando, primeiro en galego e logo en castelán. Para as cousas que non me ían nin me viñan, e eran moitas, fun cego, mudo e xordo; pero para cousas de inocente e curiosa literatura ou para averiguar unha verdade xeográfica, histórica, botánica, etimolóxica ou de algunha antigüidade confeso que fun un preguntón insufrible.

Sendo meniño levábame miña nai a oír misa na igrexa de San Xoan de Deus en Pontevedra. O crego tardaba unha hora en dicila. Oíaa axeonllado; os meus tenros xeonllos non podían aguantar tanto tempo así, para engañalos, botaba olladas ás paredes para rexistralo todo… Á dereita do altar maior estaba a inscripción CHARITAS, e á esquerda HUMILITAS. Eu lía e dicía a miña nai: Mi Madre, ¿Que quere dicir CHARITAS?. A resposta era reñerme, porque non atendía á misa… Atendía un pouco e despois voltaba a preguntar: Mi Madre, ¿que quere dicir HUMILITAS?. E voltaba a reñerme.

Na miña casa falábanme en galego…Preguntábanme ¿Cal é a túa man dereita? ¡Eta!. Mesmo aldraxaba en galego: lembro que andando aínda en saias, e estando na escola, porque o mestre de ler me fixo unha pesada burla chameille a voces FILLO DUMHA PUTA, sen saber o significado de FILLO, de UNHA, nin de PUTA. Díxeno por telo escoitado ós que se enrabechaban, e por enrabecharme eu.

De pequeno ensináronme a escribir en castelán, e escribín moito para cousas de meus pais, que non estaban afeitos a facelo, e para a Gramática. E así continuei escribindo toda a miña vida. Custoume traballo aprendelo, e quixen sabelo a fondo. Para iso, cando eu era mozo non deixaba pasar voz algunha, latina ou castelá, que non procurase averigua-lo seu significado. Así naceu a miña teima etimolóxica, exercitaba primeiro sobre o castelán e pasada despois ó galego.

Desde 1710 en que fun para Madrid, nunca falei, nin lin, nin escribín tres períodos en lingua galega. E en canto a ler, a penas sabía que houbese monumentos escritos nese idioma ata o ano 45, que vin infinitos pergameos e papeis. E lin talmente por curiosidade.

Polo ano 1730 descubrin en min un xenio adicado ás etimoloxías. E así fun xuntando máis de trinta pregos con voces castelás. Despois din en xuntar moitas voces galegas coas súas etimoloxías. Para ordear todas estas voces e frases galegas con algún método, imaxinei formar un contexto galego de todas, co fin de formar un Glosario ou Comento de cada unha en particular. Nese Glosario tomeime a liberdade de amontoar moitas etimoloxías galegas e castelás para desentrañar mellor as cousas ou significados. Nada proseguiría con máis gusto, escribín entón, que ese Glosario se me atopase con tempo dabondo, e se Deus me dese saúde agardo continualo.

Xurdín no mundo literario cunha defensa do Padre Feijoo, o meu amigo e paisano: DEMOSTRACIÓN CRÍTICO-APOLOGÉTICA DEL TEATRO CRÍTICO UNIVERSAL. Vendo a inutilidades da súa publicación e as xenreiras que acadaba, xa non volvín a editar ningunha obra, e aínda me enrabechaba que se fixesen copias dos textos solicitados polos meus amigos. Mesmo tiven que xustificarme burlescamente con el PORQUE SI Y PORQUE NO DEL P. MARTÍN SARMIENTO.SATISFACCIÓN CRÍTICO APOLOGÉTICA DE SU CONDUCTA. PORQUE SI, VIVE SIEMPRE TAN RETIRADO Y PORQUE NO, SE PONE AL OFICIO DE ESCRITOR, que tamén quedou sen rematar.

A petición do cardenal Valenti Gonzaga tiven que escribir unhas MEMORIAS PARA LA HISTORIA DE LA POESÍA Y POETAS ESPAÑOLES, que anos despois refixen engadindo novos datos na OBRA DE 660 PLIEGOS.

Logo, unhas REFLEXIONES LITERARIAS PARA UNA BIBLIOTECA REAL, padidas polo director da Biblioteca de palacio. Por desexo de Felipe V, o SISTEMA DE ADORNOS DE ESCULTURAS, INTERIORES Y EXTERIORES PARA EL NUEVO REAL PALACIO DE MADRID. E, en fin, unha morea de traballos de encarga dos que subliñarei o mandado polo Conde de Aranda SOBRE CAMIÑOS REALES DE TODA ESPAÑA.

Non tiña pensado averigua-la orixe das voces galegas ata o ano 45, cando por unha inclinación anterior ás etimoloxías de algunhas voces castelás, estendinas-sen particular estudio-a penetra-la orixe das voces galegas conforme as ía escoitando en Galicia.

De cando en vez traballaba no glosario, un pouco ás agachadas, pois as etimoloxías tíñanse por un pasatempo inútil e burlábanse de min os casteláns e aínda os galegos.

Por febreiro de 1746, ó voltar de Galicia, decidinme a escribir en galego e amañei un coloquio de 24 galegos rústicos formado por 1201 coplas de estilo pueril e rústico, aínda que non son poetas e estas coplas eran as primeiras que fixen nese metro, idioma e estilo. Importa pouco que non sexan boas pois o meu propósito foi xuntar moitas voces galegas particulares e escribilas na súa verdadeira ortografía, que observei en varios documentos en lingua galega que lin en Pontevedra e outras partes, con singular gusto.

Imaxinei unpoeta-MARCOS DA PORTELA- o rústico máis advertido, picarón e gracioso que alí tratei aínda sendo eu neno, para falar no estilo común don dous nenos e dúas nenas que falaban en estilo pueril, e cando parolan os outros homes usei o estilo rústico aínda que grave, e cando as mulleres o estilo mulleril humilde. A un dos nenos chameille Perucho, como me chamaba sempre a miña nai. Os rústicos, por certo, eran os que mellor galego falaban.

As coplas, unicamente as fixen para os galegos de preto de Pontevedra, e en especial para meu irmán Francisco Javier, quen podía enmendar algunhas locucións que non fosen puras galegas, e con esa ocasión recoller moitas voces galegas puras, por se en algún tempo estou de festa para continua-las coplas; aínda que xa co estilo rústico, na boca dos segadores. E se estou de flegma, para conseguir con COMENTO ou GLOSARIO, aínda que dubido moito que poida conseguir aquela festa e poida conseguir aquela festa e poida lograr esta flegma.

O tempo deume a razón, porque os meus escritos sobre a lingua galega foron os que menos interesaron na miña terra e os que máis tardaron en publicarse.

 

O contacto con Galicia despertou a miña adormecida conciencia galega e, a partir de entón, como lle escribín tempo despois a meu irmán, xa nada vía, nin oía, nin palpaba, nin lía, nin escribía, nin observaba... nada experimentaba e nada discorría que non tivese á vista Galicia e a Boa Vila, para que se vexa se se pode utilizar algo do que se fai noutras partes.

Cando voltei a Galicia decateime de que sabía da China máis que do meu país orixinario, sendo así que son de Galicia por tódolos costados. Aquí, privado da miña cela, dos meus libros, de das miñas tres ulnas de ceo, e absorto con tanto mar, ría, montes, vales, e diversidade de horizontes, quixen suplir a puras preguntas o que non podía ler nin atoparía na miña librería aínda que ben numerosa. Así preguntaba a todo trapo, ó primeiro que se me poñía por diante.

Foi daquela condo comezei a ler o GRAN LIBRO DE NATUREZA ou a HISTORIA UNIVERSAL Y A LO VIVO DE LAS PROPIEDADES DE TODAS LAS COSAS CRIADAS, e mesmo soñaba con deixa-la Corte e retirarme a un deserto monacal do meu País donde me fose doado vivir con retiro monástico e pasear, e facer exercicio por montes, vales, ríos, rías e outeiros, a fin de conserva-la miña saúde e de sacia-la curiosidade , non xa tanto en libros como nas cousas que Deus creou en Galicia.

Tamén daquela xurdiu o meu afeizoamento á HISTORIA NATURAL, especialmente de Galicia, á súa xeografía, á explicación dos seus topónimos, a estudia-los animais terrestres, volátiles, mariños e a orixe dos seus nomes, a recoller toda clase de vexetais e coñece-las súas propiedades ou virtudes. Porque para min os nomes das cousas da Historia Natural son os que máis característicos, os máis populares, os máis antigos, e máis naturais da cada lingua.

Preguntaba sobre todo a nenos e nenas, vellos e vellas, rústicos e páparos, iliteratos e idiotas, que sen pensar en ofendervos chamarei aquí a “escoria e esterco da racionalidade”. Deles saquei, saco e sacarei o máis puro ouro da verdade que busco. A calquera deles, cando hai ocasión pregunto e “repregunto” que me digan o que viron para sacia-la miña curiosidade. Non lles pregunto polo que escoitaron senón polo que viron nas sùas terras.

E todos eles, “esterco de racionalidade” para o mundo recionalista e ilustrado no que vivín, foron fonte viva do meu saber sobre Galicia. A eles debo os milleiros de noticias que andan espalladas polos meus escritos: voces vulgares, frases, alcumes, refráns, cantares, contos, lendas e tradicións populares, nomes de plantas, animais, xogos... cousas despreciables para os sabios do meu académico século.

Se eu fun un preguntón, o meu século castigoume preguntándome. Por iso, unha boa parte dos meus escritos foron respostas a preguntas dos máis ilustres e poderosos personaxes de entón, ós cales eu non podía negarme a responder. Logo decateime de que o que lles interesaba non eran as miñas ideas senón a miña información.

¡Que contraste!. Mentres eu preguntaba a rústicos e páparos, iliteratos e idiotas, eles preguntábanme a min. E eu como un páparo e idiota respondíalles, roubando tempo ó meu GLOSARIO, ó ONOMÁSTICO ETIMOLÓGICO, ós ELEMENTOS ETIMOLÓGICOS SEGÚN EL MÉTODO DE EUCLIDES e outras obras de tema galego que deixei sen acabar.

Agora vexo compracido como case tódalas miñas ideas, raras para o século en que vivín, eran acertadas. Eu quixen ser testemuño do meu século e conseguino: Gracias ó meu CATÁLOGO DE VOCES E FRASES GALEGAS, recollidas en 1745 e 1755, teñen os meus paisanos unha fonte de información como é debido, pois as voces sitúanse no espacio e no tempo, cousa que se tardou moito en aprender a practicar. Aínda hoxe non atopo mellor e máis farturenta colleita de nomes de plantas que a que lles deixei no meu CATÁLOGO DE VOCES VULGARES Y EN ESPECIAL DE VOCES GALLEGAS DE DIFERENTES VEGETABLES, froito das miñas viaxes pola miña e vosa terra .

A COLECCIÓN DE VOCES Y FRASES GALLEGAS quería que lles servise de exemplo para os estudios filolóxicos sobre o galego. Moitas das miñas etimoloxías coinciden coas de hoxe, e sorpréndeme que na miña Boa Vila arrombaran o GLOSARIO ou COMENTO, onde tanto falo dela, e contentáranse con publicar ou remeda-las coplas que non tiñan outra fin que a de xunra-las voces.

O meu ONOMÁSTICO ETIMOLÓGICO DE LA LENGUA GALLEGA, pese a editarse tarde –ano 23 do século XX- con erros de imprenta e sen índices, aínda lles é de proveito e decátome de que a miña clasificación e estudio de topónimos, acertados nas dúas terceiras partes, non difire moito da actual.

Os ELEMENTOS ETIMOLÓGICOS SEGÚN EL MÉTODO DE EUCLIDES quedou esquecido e mesmo teño que agradecer á Real Academia Española que o publicase no seu Boletín, aínda que moito mutilado.

No meu testamento lingüístico, o DISCURSO APOLOGÉTICO POR EL ARTE DE RESTREAR LAS MÁS OPORTUNAS ETIMOLÓGIAS DE LAS VOCES VULGARES propoñía a dignificación do galego, a prohibición de que se perseguira ós que o falaban, e que se premiase ó que aportase maior número de voces, a instauración do seu ensino, e a creación de catedráticos que o ensinasen para aprender latín.

Cando reparo nas miñas ideas xeográficas vexo que non andaba descamiñado o meu pensamento e que me adiantei ó tempo. No meu PROBLEMA COROGRÁFICO PARA DESCRIBIR A GALICIA CON UN NUEVO MÉTODO imaxinei unha descrición de Galicia seguindo o curso dos ríos e os seus afluentes , a pé e a cabalo, que viña a selo mesmo que as descricións xeográicas seguindo a conca dos ríos. E anos antes ideei un PLANO DE UN NUEVO Y FÁCIL MÉTODO PARA FORMAR UNA DESCRIPCIÓN GEOGRÁFICA DE ESPAÑA, consistente nunha enquisa con 150 preguntas, das cales unha boa parte delas aínda hoxe teñen vixencia e constitúen a base dos diccionarios xeográficos ou de ciencias aparte como a antropoloxía, a etnografía e o folclore.

As miñas ideas pedagóxicas, espalladas por toda a miña obra, e sobre todo na EDUCACIÓN DE LA JUVENTUD, que hoxe semellan vulgares e de puro sentido común, entón parecían disparatadas.

Das propostas que fixen nas REFLEXIONES LITERARIAS PARA UNA BIBLIOTECA REAL, algunhas como as bibliotecas públicas xa están cumpridas, porque aquel meu desexo de levar a Pontevedra a miña biblioteca persoal –que moi axiña desapareceu- xa sabía eu que era imposible.

Máis vexo que aínda falta un GLOSARIO LATINO DE NUESTRO LATÍN DE MEDIA EDAD. Falta outro DICCIONARIO CASTELLANO DE LAS VOCES PECULIARES DE CADA PAÍS que viña ser un diccionario dialectal hispánico. Non adiantou tanto como eu esparaba a publicación das fontes documentais da Idade Media. Aínda sigo eu sabendo máis do Tumbo de Celanova que moitos eruditos galegos, pois continúa inédito... E o mesmo acontece cos documentos de Santa Clara de Pontevedra, de Lérez, do Poio, e de outros mosteiros galegos que eu lin cando viaxei por Galicia.

Pero xa é hora de rematar este soliloquio. E antes de voltar á eternidade non quero deixar de lembrarvos que as miñas virtudes fundamentais- agora poido dicilo- foron: Espírito de traballo e modestia. Imitádme, non me celebredes. Porque nese voso mundo, que hai tempo tamén foi meu, sempre gustou máis a festa que o traballo.