|
|
NOTAS BIBLIOGRÁFICAS
Sarmiento, Frei Martín.- Era fillo de Alonso García Gosende, mestre de obras, e de Clara de Balboa, casados en Vilafranca do Bierzo onde nacen os seus tres irmáns mayores, José Antonio (novembro, 1683), Alonso Antonio (setembro, 1686), María Bernarda Josefa (febreiro, 1693) e logo el a noite do 9 de marzode 1695; bautizado dez días despois na parroquia de Santiago, impoñéndolle o nome de Pedro José García Balboa. Tiña súa nai corenta e cinco anos, e ós catro meses de nacer trasládase toda a familia a Pontevedra, onde vai seu pai de correo mayor. Alí, cando súa nai tiña 48 e 50 anos, nacerán dous irmáns menores, Rosa e Francisco Javier, e aínda vivirá moitos anos, pois morreu no 1737 ós 84 anos, según di Frei Martín.
A súa infancia pontevedresa dura case 15 anos. Lembrará o de 1702 porque o 4 de octubro “botou a súa primeira sinatura”, e a mediados queimou o inglés a flota de Vigo. Ata 1700 escribe xa moitos pregos “para cousas dos meus pais e para a Gramática” detalle que invita a supor que non serían moi letrados, cando se serven do seu fillo.
O 3 de maio de 1710 sae para o convento de San Martín de Madrid, co fin de facer o noviciado na Orde benedictina. Profesa o 24 de maio de 1711, e a mediados de octubro pasa a estudiar Artes no Colexio de Hirache, e despois filosofía. A mediados de abril de 1714 regresa a Madrid, e a comezos de octubro vai a Salamanca estudiar Teoloxía no colexio de San Vicente; matricúlase na Universidade no curso 1716-17, retornando os veráns a Madrid, como cando estudiaba Artes. Alí emprégano en face-las contas e escribi-los estados para o Capítulo Xeral, Na época salmantina é cando cambia de nome, e aparece matriculado como “Fr. Martín Sarmiento”.
No curso anterior (1715-16) aparece entre os alumnos de San Vicente un “Fr. Manuel Sarmiento”, que podería ser o mesmo Frei Martín, pois ata ten por mestre ó padre Navarro, do cal foi entón amanuense. O cambio de nome debeuse a que había varios Garcías, e non puido quedarse co segundo apelido, porque había outro Balboa. Así elixiu, ou elixíronlle, o segundo de súa nai, Sarmiento, e o Martín (se antes non foi Manuel) púxose en honor do patrón do convento en que profesou. Desde entón é Frei Martín Sarmiento.
En novembro de 1717 vai de pasante ó mosteiro de Eslonza e o mesmo fai nos dous anos seguintes, voltando en verán a Madrid. En 1720, tras unha curta estancia en Salamanca, de regreso de Eslonza, remátase a etapa leonesa, para o 1 de novembro principiarse a asturiana, no convento de Celorio, onde encina Teoloxía e predica uns 20 sermóns. Por maio de 1723 deixa Celorio e marcha para o convento de San Vicente de Oviedo. Aquí atópase con Feijoo, a quen parece que vai seguindo, pois ambos pasaron por Salamanca e Eslonza, e fórxaxe unha amizade que nin o tempo nin a distancia logrará desfacer. Ó pouco de chegar a Oviedo cultiva a vea humorística nun ROMANZÓN A LA CAÍDA DE LA TORRE DE LA CATEDRAL DE OVIEDO (13-XII-1723). En xuño de 1725 péchase a etapa asturiana. Volta a Madrid, pero antes viaxa de Oviedo a Pontevedra para se despedir da súa nai, xa de 75 anos.
Vía Luarca, Ribadeo, Mondoñedo, Betanzos, A Coruña e Santiago, Pontevedra, Tui, Ourense, León e finalmente Madrid o 27 de octubro. Aquí princípiase o asento definitivo na Vila e Corte. Desta viaxe veraniega a Galicia non fixo diario, pero quedan abundantes noticias espalladas polos seus escritos. Seguen os 20 anos de residencia madrileña, interrompidos polos 15 meses de estancia en Toledo (febreiro 1726-maio 1727). Alí xa comezan os escritos crítico-burlescos contra a Compañía de Minas de Guadalcanal (decembro, 1725) o MARTINUS CONTRA MARTINUM (Toledo, 28-XII-1726) e o papel satírico contra Carlos de Montoya e Unzueta (mércores de cinsa de 1731); estes dous últimos en defensa do THEATRO CRÍTICO, e todos eles inéditos. Péchase esta etapa coa súa única obra publicada, a DEMOSTRACIÓN CRÍTICO-APOLOGÉTICA DEL THEATRO CRÍTICO UNIVERSAL (1732), que tivo dúas redaccións, pois o retraso na impresión permitiulle mellora-la primeira, que di era moi diferente, e convervába aínda entre os seus pregos en 1768. Non paga a pena lembrar entre a súa obra publicada os 14 índices dos correspondentes tomos das obras de Feijoo, edición que correu sempre ó seu cargo.
Nesta etapa redacta, a petición do Cardenal Valenti Gonzaga, as MEMORIAS PARA LA Hª DE LA POESÍA Y POETAS ESPAÑOLES (entre 1741 e 1745), por suxerencia de Juan de Iriarte escribe as REFLEXIÓNES LITERARIAS PARA UNA BIBLIOTECA REAL (30-XII-1743), por orde do rei Felipe V fai un dictame sobre o SISTEMA DE ADORNOS DE ESCULTURA, INTERIORES Y EXTERIORES PARA EL NUEVO REAL PALACIO DE MADRID (14-VI-1743), que ha de continuar a petición do seu fillo nun novo escrito redactado entre o 29-VI-1947 e o 30-VIII-1748. Tamén surxe, de encarga, o informe “SOBRE EL OCHO POR CIENTO” que había pagar a relixión benedictina (1743). As obras de encarga priman sobre os seus traballos vocacionais durante este período que se pecha co Capítulo General de Valladolid de 1745. Sarmiento nos 20 anos de encerro madrileño quedou farto de homes e de libros.
O Capítulo General de Valladolid (12 a 23-V-1745) dalle ocasión para a súa VIAJE A GALICIA que ten proxectada desde hai meses. A súa vocación etimolóxica entra en crise, decátase de que non ten na cabeza máis ca “voces”, fáltalle o seu complemento, as “cousas”. Por iso prepara o seu DIARIO, leva un “libriño” de botánica, o Joao Vigier, Hª DAS PLANTAS DE EUROPA, para identifica-las plantas, recolle as voces vulgares e xeográficas (topónimos); e a cultura e lingua galegas dominan tódalas súas preocupacións científicas a partir de aquí, aínda que terá que ocultar a todo o mundo tan extravagante interese, nacido ós 50 anos. Os 7 meses (xuño de 1745 a xaneiro de 1746) de estada en Galicia fecundárono de voces galegas, e ó regreso a Madrid, co gallo da morte de Felipe V e a exaltación de Fernando VI, escribe o seu COLOQUIO DE PERICO E MARICA. COPLAS ou COLOQUIO DE 24 GALLEGOS RÚSTICOS, onde se narran os feitos con fidelidade histórica e propiedade filolóxica, servendo de base para o comentario lingüístico das voces alí recollidas e asociadas a este único fin. O COMENTO ou GLOSARIO fíxose descontinuamente: primeiro o das 13 primeiras coplas (1747), despois (1751-53) chega a 30, e desde esta á 41 do 7 ó 14 de agosto de 1761, en 1767 andaba pola 70, dous anos antes de morrer, pola 146.
No 1747 reiníciase o encerro madrileño. Volven os traballos de encarga: outra vez sobre OS ADORNOS DEL REAL PALACIO (1748), o CATÁLOGO DE LIBROS SELECTOS para o marqués de Aranda (1748), SOBRE EL ANIMAL ZEBRA para o conde de Maceda (1752), SOBRE EL ARCHIVO DE SAMOS Y ARCHIVEROS (1752), SOBRE EL ARCHIVO DE CELANOVA, a petición da Orde, e uns dez pregos SOBRE EL SISTEMA DE HACER UNA DESCRIPCIÓN GENERAL DE TODA ESPAÑA (1751), xunto co PLANO DE UN NUEVO Y FÁCIL MÉTODO PARA FORMA UNA GENERAL DESCRIPCIÓN XEOGRÁFICA DE ESPAÑA (mesmo ano), a petición, probablemente, do marqués da Ensenada. A data de 1751 é significativa na súa traxectoria científica: é entón cando comeza a desenvolverse a súa preocupación de naturalista e sobre todo de botanista, que se vai desenvolvendo nos seus PENSAMENTOS CRÍTICO-BOTÁNICOS (1753-1762). O máis persoal de todo este período é o ÍNDICE INDIVIDUAL da súa biblioteca particular (1750) escrito para si mesmo. Péchase esta etapa o 5-V-1754, en que marcha, fuxindo da fame, de Madrid. É tamén viaxe preparada anticipadamente. Antes procurou aprender as INSTITUCIONES REI HERBARIAE de J. Pitón de Tournefort, e cos seus tres tomos parte para Galicia co fin de recoller nomes vulgares de plantas e voces galegas en xeral. É a viaxe máis longa, xa que non volta a Madrid ata o 27-XI-1755. Aquí comeza o CATÁLOGO DE VOCES VULGARES E EN ESPECIAL DE VOCES GALLEGAS DE DIFERENTES VEGETABLES e continúa en cadernos distintos os apontamentos que constitúen o CATÁLOGO DE VOCES E FRASES DE LA LENGUA GALLEGA na súa parte segunda, pois a primeira contén os materiais achegados en 1745. Tamén escribe aquí a carta ó padre Terreros SOBRE EL ORIGEN DE LA LENGUA GALLEGA Y SOBRE LA PALEOGRAFÍA ESPAÑOLA (Pontevedra, 17-I-1755).
Ó regreso de Galicia (27-XI-1755) volta a encerrarse na súa cela. Ten 60 anos. Comeza a época de maior fecundidade. Traballa na “BOTÁNICA” para clasifica-los materiais recollidos en Galicia, ponse ó día na bibliografía, e comezan a saír escritos sobre o tema: ACEDARACH, ÁRBOL LLAMADO INICUAMENTE CINAMOMO(1-IV-1756), PREGUNTA: SI NACEN EN GALICIA, EN QUÉ SITIOS Y EN QUÉ CANTIDAD, DE QUÉ CALIDAD LOS VEGETABLES KALI, SOSA Y BARILLA (1-VII-1756) dilatado traballo que estivo precedido doutros máis breves como a ORIGEN DE LAS VOCES PONTEGA, PUGA Y PÚA, DE ORIGEN GREGO (8-VII-1756), e SOBRE EL HYPOCISTO DE BÓTICA Y DE LOS LIBROS, EN GALLEGO PONTEGAS (11-VII-1756) e seguido destoutros: TILIA, ÁRBOL TEXA, LATÍN TILIA. EQUÍVOCOS (10-VIII-1756) e NOTICIAS DE ALGUNOS VEGETABLES EXTRAÑOS QUE YA ESTÁN CONNATURALIZADOS, Y SE CULTIVAN EN ESPAÑA, O EN TIERRA O EN TIESTOS (4-XI-1756).
En 1757 asina: LA PLANTA CÓSCORA, CÓSCORA, JUNTA PULPA, etc. EL GEUM DE TOURNEFORT (14-VIII), a RESPUESTA SOBRE UNAS PLANTAS REMITIDAS DE ASTURIAS A MADRID EN 1757 (19-X) e o MOSTAJO EN CASTELLANO, EN LEÓN, ASTURIAS E EL BIERZO MOSTAYO, EN LIÉBANA MOSTAZO (16-XII). En 1759 asina a segunda redacción DE LA PLANTA CARQUEIXA (4-XII) e ademáis o ÁRBOL BETULA, EN GALLEGO BIDUEIRO, EN CASTELLANO ABEDUL (4-VIII); no ano 1760 escribe acerca DE LAS PLANTAS SCROROFULARIAS (25-IV) e SOBRE LA PLANTA BARDANA (28-VI); en 1761 escribe a terceira e máis ampla redacción sobre a DESCRIPCIÓN, EFECTOS Y VIRTUDES DEL VEGETABLE CARQUEIXA (30-III), logo SOBRE PLANTAS QUE HAN VENIDO DE TOLEDO Y DE SUS VECINDADES Y DEL CASTAÑAR (19-X). Do 15 de maio ó 30 de agosto de 1762 redacta o extenso traballo titulado: PAPEL CURIOSO SOBRE LA PLANTA QUE EN GALICIA ES MUY COMÚN Y SE LLAMA SEYXEBRA, e antes precedeulle o escrito SOBRE LA PLANTA MANZANILLA (6-VI) e seguido outro sobre o ÁRBOL DE ARANJUEZ QUE SE CREE SER DEL PALO SANTO (2-IX). A partir desta data a febre botánica diminúe, ata 1766 non volve ó tema. O 29 de agosto escribe DE LA GRAMA OLOROSA, EN GALLEGO LESTA (cunha adición do 10-X-1767) e en 1768 SOBRE EL VEGETABLE BANGUÉ EXÓTICO Y ORIENTAL, co cal péchase o ciclo botánico.
Tamén á volta de Galicia medra nel o interese pola Historia Natural, por iso escribirá: SOBRE EL PHENICOPTERO O FLAMENCO, AVE (1757), SOBRE LOS ATUNES O ALMADRABAS (1759), SOBRE EL LOBO CERVAL (1760), SOBRE EL PAPIÓN O CYNOCÉPHALO (1760), SOBRE LOS PECES CETÁCEOS ORCAS (1760), unha nova redacción SOBRE EL ANIMAL CEBRA QUE SE CRIABA EN ESPAÑA (1761), un longo traballo titulado NOTICIA DE UN CUERPO RHINO-CERONTE (1762), por citar só os traballos máis dilatados.
Ó longo destas obras hai que situa-las nacidas de encarga. Citaremos, entre outras, SOBRE LOS CAMINOS REALES DE TODA ESPAÑA (1757), a petición do conde de Aranda, aínda que non hai que esquecer que unha boa parte delas son respostas a preguntas formuladas por carta ou nas conversas da súa cela.
Pero por riba de tódolos seus escritos está o interese etimolóxico, centrado primeiramente sobre o castelán e os seus vellos textos, e que se reflicte nas súas CONJETURAS PARA ESTABLECER ALGUNAS ETIMOLOGÍAS DE DIFERENTES VOCES, QUE SE USAN EN ESPAÑA, principiadas en 1730, e continuadas, moi irregularmente, ó longo da súa vida. Logo esténdese (1745) ó galego, e coa segunda viaxe a Galicia (1755) fortalécese e calla en traballos coma o ONOMÁSTICO LATÍN-GALLEGO DE LOS VEGETABLES QUE VIÓ EL P. SARMIENTO, quizáis de 1756, o mesmo que BORRÓN DE VARIOS NOMBRES GALLEGOS DE VEGETABLES, ou o ONOMÁSTICO ETYMOLÓGICO DE LA LENGUA GALLEGA (principiado en 1757, continuado en parte en 1758, interrompido logo ata 1766 e continuado en 1769), e os ELEMENTOS ETIMOLÓGICOS SEGÚN EL MÉTODO DE EUCLIDES (iniciados o 1-VI-1758 e interrompidos ata 1776 no que os remata). Aínda no 1770 escribe o DISCURSO APOLOGÉTICO POR EL ARTE DE RASTREAR LAS MÁS OPORTUNAS ETIMOLOGÍAS DE LAS VOCES VULGARES(20-X-1770), que é a súa derradeira obra sobre o tema. Tamén pertencen a este derradeiro período da súa vida obras menores como ETIMOLOGÍA DE EL NOMBRE DEL LUGAR DE SAN MARTÍN DE SACAR DE BOIS (3-II-1758), ETIMOLOGÍAS DE LA VOZ VALDEORRAS Y DE SU PUENTE CIGARROSA (12-II-1758), CASTELLANOS DE ORENSE (27-X-1758), ORIGEN DE LA VOZ GALLEGA MIXIRYQUEIRO (1760), ORIGEN DEL NOMBRE Y CASA DE SAN JULIÁN DE SAMOS (1761), ORIGEN DE LA VOZ ESCURIAL (11-X-1762), etcétera.
Alternando con estes traballos comezaba este ano a OBRA DE SEISCIENTOS SESENTA PLIEGOS, “que trata de Historia Natural y de todo género de erudición, con motivo de un papel, que parece se había publicado por los Abogados de La Coruña contra los foros y tierras que poseen en Galicia los benedictinos” e nela traballa ata 1766.
Tamén as experiencias viaxeiras por Galicia fanlle profundar no eido da xeografía, cativado pola toponimia e a historia antiga, e escribe o seu PROBLEMA COROGRÁFICO PARA DESCRIBIR TODO EL REINO DE GALICIA CON UN NUEVO MÉTODO (1762) seguindo unha afección principiada en 1741 co PLANO PARA FORMAR UNA DESCRIPCIÓN GENERAL DE AMÉRICA, entregado ó marqués de Valdelirios e que enlaza co “PLANO” da España de 1751, que só foi un simple esbozo.
As preocupacións pedagóxicas, típicas deste derradeiro periodo da súa vida, están presentes en case tódalas obras desta época e callan nunha parte da OBRA DE SEISCIENTOS SESENTA PLIEGOS e no autógrafo da EDUCACIÓN DE LA JUVENTUD (8-XI-1768).
Ó carón desta constante preocupación etimolóxica, presente en tódolos seus escritos, hai que coloca-la de introducirse na súa obra, co fin de que, se laguen se interesase pola súa vida, pudiera reconstruíla con facilidade ó acudir ós seus escritos. É particularidade aprendida na lectura de Caramuel, segundo dá a entender na NOTICIA DE LA VERDADERA PATRIA (ALCALÁ) DE EL MIGUEL DE CERVANTES (9-V-1761). Deste xeito é doado trazar unha biografía de Sarmiento asustando cronolóxicamente as súas propias noticias. Tamén pertence a esta época a xustificación de porque non publica EL PORQUE SÍ Y EL PORQUE NO DEL P. SARMIENTO (1-I-1758), o único escrito no que acomete un feito exclusivamente persoal.
As máis das obras publicadas por Sarmiento son pouco fieis ós manuscritos e editáronse no século XIX; outras do XX non se basearon en boas copias. Todas merecen mellores edicións.
Malia non ter publicado nada, Sarmiento significa moito no seu século. A súa opinión é moi cualificada diante do rei e dos seus conselleiros, que directa ou indirectamente lle consultan con frecuencia: para os adornos do Palacio Real, para a descrición de España, para a contribución única, para a formación da Biblioteca Real, do Xardín Botánico, do Gabinete de Historia Natural, para os camiños reais, etc.
Sorprende que non arelase máis celebridade da que tiña no reducido círculo dos seus compañeiros de tertulia nin tentase acreditala con publicacións impresas, máis, pola contra, tentase introducir detalles da súa vida nos seus escritos, pensando no futuro.
Non é doado dar razóns deste comportamento. Sarmiento é, dentro da súa época, unha curiosa mestura de arcaísmo e novidade, difícilmente conciliable. No século das Luces é un ilustrado profundamente católico á vella usanza. Non se lle ocorrería racionaliza-la fe. Herda tódalas intransixencias relixiosas cara os xudeus, mouros e protestantes, toda a xenofobia da España imperial. É a herdanza do pasado. Máis tamén mira ó futuro. O único que non lle parece interesar é o presente. É un racionalista absoluto, e a súa razón só admite unha barreira in obsequium fidei: todo o demáis é opinable. Non mesturou a fe coa razón, nin navegou entre ambigüedades relixiosas. A súa vida non foi conflictiva ó xeito da de moitos ilustrados, coma un Olavide, un Jovellanos, un conde de Aranda, etc.; é unha mestura da fe de carboeiro e de racionalismo difícilmente harmonizable. O seu ideario é profundamente materialista. Rebélase contra a afección hispánica ás abstraccións, vaguidades e charlatanería, e propón un ensino fundamentado exclusivamente nas ciencias físicas e naturais, feito no idioma vulgar. Deben rexeitarse do encino as ciencias “contenciosas”, pois non serven para nada, e os métodos matemáticos e xeométricos son os únicos que serven para demostrar algo. Tamén é un convencido historicista e proclama “que tódalas ciencias se deben ensinar históricamente”, sen dúbida porque o exame da perspectiva histórica de calquera ciencia, é excelente mestre, que vai ve-los éxitos e fracasos da traxectoria de dita ciencia.
Si é xenófobo de modas, costumes e barata incredulidade, é, en troques, denodado xenófilo dos inventos, experiencias e progreso dos extranxeiros. Tódalas súas cousas útiles deben ser imitadas, e tódalas súas estupideces deben rexeitarse: xusto o contrario do que se facía: entraba a moda, os costumes, a irrelixiosidade, o anticlericalismo, e aló quedaba a botánica, a historia natural, a química, a mecánica, a agricultura, etc.
Sarmiento non é home do século, naceu con un de antelación, e esa foi a súa desgracia, foi moi adiantado para o século XVIII e moi retrasado para o noso. Por iso, se prescindimos do seu valor documental e lingüístico, hoxe só pode contemplarse e ser apreciado dentro dunha perspectiva histórica e polos datos que recolle. Cando as luces de Feijoo ameazaban desterra-las supersticións, as bruxerías e as pantasmas, Sarmiento parece garda-lo seu recordo, presentindo que algún día será apreciado o seu valor, ben coma testemuño da irracionalidade humana, ben coma restos de crenzas do pasado arredado, cousa que un século despois farán os folcloristas e etnógrafos elevando esas miudezas á categoría de saberes.
Cando a norma lingüística, académica e cortesá, fiel espello dun centralismo borbónico, acaba de nacer, xa Sarmiento considera insuficiente, cativa, pois deixa fóra a grande riqueza das falas populares que el coñece, e xa agrupa en unidades dialectais claras: leonés, asturiano, montañés, rioxano, etc.
En vez de admirar, estudiar e gaba-la lingua castelá, ocórreselle facer obxecto de estudio a lingua galega, a máis desprestixiada da nación, comparala coa castelá e portuguesa, e ata tratar de demostrar que gardaba unha latinidade máis pura ca das outras dúas.
En lugar de acepta-la crenza máis xeneralizada de que as etimoloxías constitúen un pasatempo caprichoso, empéñase en as imaxinar tema absolutamente científico, e froito dunha evolución regulamentada dos sons; que son necesarias para penetrar con profundidade no significado das cousas, e ambas (cousas e palabras) teñen que ser estudiadas solidariamente. Presinte e adiviña a lingüística románica e as gramáticas comparadas das súas linguas, reclama a creación dos diccionarios históricos e adianta a reconstrucción das voces latinas perdidas.
En vez de canta-las vellas glorias hispánicas e as desventuras do seu século reclama coma ninguén a modernización e europeización de España. Está subscrito ás revistas científicas europeas: Acta Eruditorum, Journal des Savants, Memorias de Trévoux, Hª y Memorias de la Real Academia de Ciencias y de inscripciones y Bellas Artes de París, as transaciones de Inglaterra, extratadas en italiano (…) Germanique, etc.
A súa formación principia aquí, pero posteriormente acrescéntase e especializa. Nel bebían tódolos eruditos do século XVIII, para os cales a ciencia é un brillante verniz e non unha serie de coñecementos prácticos que teñen que ser postos ó servicio da humanidade, coma cría Sarmiento.
A petición de Sarmiento créase o “Real Jardín Botánico”, e desde 1743 está a reclama-la creación de bibliotecas e xardíns botánicos en tódalas cidades, como hai en Europa. Reclama ademáis a Academia de Agricultura e a creación de cátedras universitarias de Historia Natural, Agricultura e Botánica.
Sarmiento é o primeiro que pon a andar en trenqueleante castelán a nova ciencia botánica, que circula nunha xerigonza grecolatina, da que aínda non acaba de arredarse no tempo de M. Colmeiro. Por iso os seus escritos son pezas testemuñais valiosas para documenta-las primeiras aparicións dos tecnicismos botánicos do castelán. E isto faino a contra gusto, pois sempre estivo en desacordo coa linguaxe fechada dos científicos, pero o feito mesmo da aprendizaxe xa condicionaba a súa forma de expresarse.
Tamén os seus escritos están inzados de denuncias e estafas da administración real, e recrimina constantemente ó goberno a creación de cargos administrativos inútiles e excesivamente pagados, feito característico da nova dinastía, que trataba de achacar ás ordes relixiosas, e especialmente á súa, a pobreza do país, a cal non era óbice para se apuntar excelentes soldos.
Por todas estas razóns pódese comprender que Sarmiento non publique: os seus intereses e preocupacións científicas non son as correntes na súa época e non lle pagaba a pena perde-lo tempo en defendelas, xa abondo perdera defendendo a Feijoo.
Galicia fixo de Sarmiento un mito. Interesouse máis en adoralo que en dalo a coñecer, xa que non hai dúbida de que a meirande parte das súas obras foron publicadas forra dela, e ademáis, como él presuponía, as menos apreciadas foron as lingüísticas, pois foron as últimas en publicarse. Abonda con botar unha ollada á lista de textos publicados para convencerse disto. Comezou interesando máis a súa obra literaria (Memorias para la historia de la poesía y poetas españoles), cultural (Reflexiones literarias para una Biblioteca Real), histórica (Discurso crítico sobre el origen de los maragatos), médica (Disertación sobre… la carqueixa), e mesmo botánica, cá específicamente lingüística, que comeza a publicarse a finais do s. XIX e en Madrid (Revista Contemporánea, XIX, 1878, Carta a Terreros sobre el Origen de la lengua gallega y sobre la Pedagogía española), e posteriormente en Galicia por obra de M. Murguía na Ilustración Gallega y Asturiana do ano seguinte; moito máis tarde veu o Onomástico etimológico de la lengua gallega (1923) e ambos en publicacións por entregas, non en libro a parte.
Sen embargo, hoxe a súa obra lingüística é a máis apreciada, aínda que só sexa pola súa natureza documental, posto que, se prescindimos do bacharel Olea, que non era galego, é o primeiro en interesarse por recoller, documentar, estudiar e mesmo escribir en galego; e o que é máis, defendelo, dignificalo non só como materia de estudio comparable ó castelán e portugués (que rivalizaban en desprestixialo) senón como lingua usual cos mesmos dereitos a ser empregada, e non perseguida, que calquera das peninsulares. Non convén esquecer que esta ideoloxía, na Galicia do século XVIII era, coma el mesmo confesa, unha absoluta necesidade, e os seus propios paisanos, ata os máis ilustrados, rexeitaríana como unha extravagancia do famoso frade. O seu pronóstico resultou certoe moito tivo que agradar para velo desmentido.
Hoxe a súa Colección de Voces y frases gallegas e o seu Catálogo de Voces Vulgares y en especial de Voces Gallegas de diferentes vegetables, son excelentes repertorios de materiais lingüísticos galegos, dunha época na que nin en soños se pensara en formar un Diccionario gallego, aínda que esta fora unha das máis queridas e inconfesables arelas.
Nestas obras, ademáis dos comentarios etimolóxicos, moitos deles acertados, encóntranse recollidas toda clase de noticias etnográficas, históricas, folclóricas, toponímicas e fitonímicas, que son de grande utilidade. Tamén temos que agradecerlle o seu repertorio de nomes vulgares galegos de plantas, e é de lamenta-lo tratamento pouco coidadoso que tivo por parte de M. Colmeiro na súa Enumeración y revisión de las plantas de la Península Hispano-Lusitana, non moi diferente da que F.J. Rodríguez fixo o respeito da Colección de Voces y frases gallegas no seu Diccionario Gallego-Castellano.
O amor a Galicia e a súa lingua é constante en toda a obra de Sarmiento, de aí que, en calquera delas, aínda na que menos se sospeita, poden atoparse noticias sobre voces ou cousas de Galicia; por iso é necesario lelas todas con enorme coidado para aproveitar ó máximo os seus traballos, e confiamos que pronto ó termina-la edición das dúas Obras Lingüísticas, poidamos ofrecer un repertorio completo do seu léxico.
A Galicia do recordo e das súas viaxes, a do exilio e o vituperio, asoman sempre dolorosamente nas súas páxinas e poucos hai no seu tempo que se teñan preocupado tanto por remedia-la súa miseria, denuncia-los abusos e estafas que en nome do ben público se cometían nela. E tampouco se contén, era o susto, á hora de critica-las eivas máis comúns da súa terra.
|