Obra

Manuel Lugrís Freire - 2006


 

VIDA | OBRA | CRONOLOXÍA | SOBRE MANUEL LUGRÍS FREIRE

 

manuel lugris freireComo activista na defensa e promoción da lingua, das institucións e da cultura galegas, Manuel Lugrís tamén diversificou a súa creación literaria considerándose, por elo, un escritor polifacético que chegou a publicar prosa, narrativa, ensaio, poesía e teatro.

 

Poesía.- As súas primeiras creacións literarias son da época do exilio. Alí publica o seu primeiro poemario en galego,

Soidades (1894), que foi prologado por Curros Enríquez, ó que seguiu Noitebras (1901) xa escrito na Coruña de volta da emigración en Cuba e adicado á súa defunta muller, Concepción Orta e Iglesias.sinatura manuel lugris

En 1919, e como complemento do xornal "El Noroeste", Manuel Lugrís publica Versos de Loita, e case dez anos despois, en 1927, coincidindo cofalecemento do seu irmán Plácido en Cuba, sae á luz o libro de poemas Ardencias, nesta ocasión adicado á xuventude galega. Completa as súas homenaxes cun libro adicado á sociedade de Sada e os seus contornos: As mariñas de Sada (1928).

 

Prosa, narrativa e xornalismo.-

De 1909 é unha das súas obras máis destacadas en narrativa:

Contos de Asieumedre, escritos baixo este pseudónimo e compilados no volume así titulado.gramatica idioma galego

Especial importancia ten a súa Gramática do idioma galego (1922, da que se publicou unha segunda edición en 1931), xa que se trataba da primeira gramática escrita en lingua galega.

E importante é, tamén, a súa aportación a diversas publicacións xornalísticas nas que apareceron varios dos seus escritos. Fundador e director do primeiro xornal íntegramente en galego publicado en América, "A gaita gallega" (Cuba, 1885-1889), Manuel Lugrís tamén publicou baixo os pseudónimos Asieumedre, L.U. Gris, K. Ñoto e Roque das Mariñas numerosos artigos en "Revista Gallega", "A Nosa Terra" ou "El Eco de Galicia", entre outros.

Unha producción literaria que o Centro Ramón Piñeiro compilou no ano 2000 nun volume chamado A obra narrativa en galego de Manuel Lugrís Freire, incorporado á colección "Narrativa Recuperada", con introducción e notas de Xabier Campos Villar. Nesta obra reúnese por vez primeira, e nun único volume, o conxunto de textos narrativos escritos en galego por Lugrís: ademáis da novela curta O penedo do crime, incorpóranse máis de 50 relatos escritos a finais do século XIX e comezos do XX.minia manuel lugris

mareiras manuel lugris

Teatro.-Pero no eido en que máis destacou Manuel Lugrís foi o dramático, inaugurando o teatro galego en prosa. Ó igual que no caso da obra poética, tamén a súa ópera prima teatral escribiuna en Cuba: A costureira da aldea. Logo de patrocinar a Escola Galega de Declamación que inciou a súa andadura cunha peza de Salinas, Manuel Lugrís procurou textos para os diferentes espectáculos. O Teatro Principal da Coruña e o Teatro Jofre de Ferrol acolleron as representación dalgunhas obras teatrais de Manuel Lugrís como A Ponte (1903), Minia (1904), Mareiras, Esclavitú, O Pazo (1917) e Estadeíña (1919).

 

FRAGMENTOS DAS SÚAS OBRAS:

Artigo: A festa de Tacón

Artigo: Non máis emigración

O vento zoa

Discurso de Manuel Lugrís no mitin de Solidaridad Gallega

 

 

 

A festa de Tacón

Crónica publicada en "A gaita gallega", Ano I, Tocata Segunda (A Habana, 2 de Agosto de 1885), pp. 1-2, co pseudónimo Roque das Mariñas

 

Sempre tuveron n-o peito d'os gallegos cariñoso agarimo as ideas de caridá misturadas c'o santo antusiasmo pol-a pátrea: n-a noite d'o veint' e cinco d'o derradeiro mes dimos unha proba d'ista verdá.

Pol-a tarde d'ese cobizado dia non pensaban os gallegos mais que n-a festa que se proparaba. Todol-os sembrantes revertian alegria, todol-os corazós latexaban á impulsos d'os recordos mais ledos e feiticeiros. As gaitas deixaban ouvir de vez en cando os seus tenros conceutos, xa co'a churrusqueira muiñeira, xa co'a vagarosa e sempre divina alborada.

Os foguetes estalaban tamén n-os aires semellándonos estar n-a nosa terriña, e relembrando aqueles tempos en qu'ainda non probáramos o acedo pan d'o emigrado. ¡Non sei que sentemento estrano teñen pra min os foguetes! «Eles —como dí O Tio Marcos,— son chamada d'outros tempos pr'os vellos, estrondo de pracer e barullo pr'os mozos e mozas, aviso d'o ceo que sai d'a terra pr'os rapaces.... Os de tres estalos son unha caste de castañolas aéreas tocadas por riseiras e fantásticas virxes que levan por manto o longo espacio, por ollos as estrelas, por alento as arroubadoras brisas.»

N-a tarde de que falo, eran os foguetes á voz d'a Caridá e d'a Pátrea, y-os gallegos entenderon isa misteirosa parola.

--------

¡E vaya si a entenderon! Inda non eran as oito d'a noite, e xa unha mareira de xente entraba pol-as portas d'o treato de Tacón, que non chegaba á un dente pra dar achego a tanta alma.

Entr 'o numeroso púbrico vimos feiticeiras meniñas vestidas de gallegas, lucindo unhas ó garrido traxe de mariñanas de Betanzos, outras o sempre galano d'as rianxeiras. Eu, ô velas —penso de min que non é pecado o decilo— furmigábame o sangue n-as pernas e sentía cóchegas n-a gorxa, en que mais d'unha vez tiven que reter aturuxos antusiastas. Un amigo meu, compañeiro de monteira, por mais sinales, díxome ô ver tan lindas raparigas: —«S'os anxeliños d'o ceo gastan vestidos, deben ser, de verdá, ô estilo gallego.»

As mulleres son o diaño, con perdón. ¿Pois non m'iban deslembrando d'a discricion d'a festa? ¡Xesus!

---------

A churrusqueira comedia «Entre veciños» foi manificamente desempeñada, y-ô sair á 'scena a xeitosa tipre Dorindiña Rodriguez recibeu unha tronada d'aprausos e vivas.

O Coro gallego, despois d'o «Hino á Santiago» cantou con maestría «N-o mar», merecendo aprausos á bao. Ó finar isto, pideu o púbrico que se cantase a Alborada, que fixo reverter ó entusiasmo d'os romeiros. ¡Qué melosiña é a nosa fala posta en música e cantada d'o xeito con que o saben facer os rapaces d'o Coro!

Chegaba o momento d'a representación d' O Ruisiñol. Dorindiña e Iñigo Varela foron mui apraudidos n-ista hermosa obriña. A primeira demostrou unha vez mais ser unha boa artista, anque, por acharse enferma d'a gorxiña —cousa que da mais méreto a xeitosa gallega, porque dado o seu estado de saude, fixo un sacrificio con traballar— non puidemos gozar ouvindo a sua voz «semellante ôs concentos baixados d'o ceo;» y-o segundo, Iñigo, estivo moi feliz e demostrou craramente os adiantos que adequire n-o divino arte de Pacheco e Patiño. Moitos laudes mereceron n-esto os dous enxebres gallegos.

Unha noite n-a eira d'o trigo! Esta cántiga, anque a escoitemos un milleiro de veces, en xamais se nos fai pesada ¡que lindo poema encerran os seus versos! Que sentemento teñen cada unha d'as notas de que se compon a música! Tres veces se repiteu a petición d'o púbrico: â segunda vez foron agasallados Dorindiña e Iñigo por dous cuadros en qu'a Beneficencia de naturás de Galicia demostra o agradecemento os dous artistas; por pombas ceibadas dend'os palcos e por ramiños de frores e versos, que mais adiante reproducimos.

Tamen foi ousequiada Dorindiña, con unha vistosa coroa, que lle entregaron duas bonitiñas nenas vestidas de gallegas, y-acompañadas d'o noso bon amigo don Secundino Cora; cuya coroa tiña duas cintas de seda, mourada e branca, co'a lenda: «Os rapaces gallegos d'a Habana, â sua paisana Dorindiña Rodriguez.» (1)

A Muiñeira y-a Riveirana foron punteadas enxebremente por doce parexas, en traxe provincial. Mereceron moitos aprausos e frores.

O «Hino á Galicia» y-«O home e deble» manificamente desempeñados.

A estudiantina «Nosa Señora d'as Mercedes» executou algunhas lindas pezas de música, que mereceron os honores d'a repetición, y-aprausos ó descallacrebe.

¡Ai que demoro! Xa non m'acordaba falar d'o galleguiño García Paredes que fixo rir ô púbrico co'a sua coleucion de tipos. Enxergou en lingua gallega —como é natural— a sua biografía feita maxistralmente. ¡Lástema que non houbera alí un taquígrafo que recollera a parola de Paredes, co'a que fariamos rir os mesmos valados!

----------

Ó sair d'o treatro, formouse unha grande procesion c'oas Direutivas d'as sociedades gallegas, que acompañadas d'a música d'Inxenieiros, que tocaba unha alegre muiñeira, e de moita xente, encamiñáronse ô Centro Gallego, n-o que houbo un lucido baile que durou hastra cerca d'as seis d'a mañan.

En fin, a festa non puido quedar mellor. Xente a barullo; antusiasmo como nunca.

En nome d'os probes, e pol-o mesmo, en nome d'as mais santa d'as virtudes, á Caridà, damolas gracias a todos cantos tomaron parte n-a festa d'o dia vint'e cinco.

De gran divirtimento foi pra min, y-o mesmo sería pra moitos mais, a noite de Santiago. A yalma solazábase o ver a íntima unión qu'entre todos había. A Pátrea y-a Caridá foron festexadas como os gallegos sabemos facelo.

¡Algunhas noites, com-a de que falo fan falla ainda pra axuntar o modo de pensar d'os bos gallegos, e pra rempuxarnos pol-o camiño d'a cobizada rexeneracion d'a nosa sempre adourada Galicia!

ROQUE D'AS MARIÑAS.

Índice

 

 

 

Non máis emigración

Artigo publicado en "A gaita gallega", co pseudónimo Roque das Mariñas

 

A literatura gallega conta con unha xoya mais, feita pol-a ben cortada pruma d'o noso enxebre compañeiro don Ramon Armada, Amador Maran, ou Chumín de Céltegos, que, anque tres nomes distintos, é un solo poeta verdadeiro.

O apropóseto líreco-dramáteco que tên por nome o qu'encabeza iste artículo, leva un fin dino d'os laudes d'os bos gallegos; digo, leva dous: gabar â Sociedade de Beneficencia de naturás de Galicia, e pintar os malos resultados qu'os nosos peisanos recollen d'a mal fadada emigracion.

¿Ataca e resolve con sorte o libriño de que trato esta últema e tan cacareada custión? Eu penso que non, e penso ainda mais; creio qu'esto solo pode resolverse en folletos y-artículos de peródicos, mais de ningunha maneira n-un libro que leva por ouxeto o engayolar ô púbrico e pintar sômente pasiós ou costumes, pro nunca resolver custiós sociás de semellante tracendenza.

A emigración, segun algús, é unha lei histórica á que obedeceron os pobos, dende os comenzos d'o mundo hastr'os nosos dias; segun outros, é rempuxada pol-as necesidades, pol-a moita pobración e pol-o mal goberno. A esto últemo, y-ô primeiro conceuto, penso eu q'obedece o q'os nosos peisanos deixen o fogar por outras terras. Denlle ô pobo gallego todo o que pide Curros Enriquez n-unha tenra poesía d'Aires d'a miña terra, e si despois non amaina a manía d'abandonar o nativo fogar, deixade a ese pobo, pois

"A civilización y-as anduriñas

D'unhas terras á outras van e ven:

Querer que non emigren e matalas,

O mesmo ven a ser." (1)

Siguirei á diante n-o exámen d'o libriño "Non mais emigración." A amistade que me liga ô autor, impídeme de que non sexa mui longo n-os laudes que n-esta ocasion merece. Pro, Roque d'as Mariñas non se pára en barras, e con tal que diga a verdade desnuda —hastra sin cirolas— impórtalle pouco o que digan os demais.

O argumento é interesante y-está desenvolto con maesía, têndo personaxes mui ben deliñados, prencipalmente Marica e Xan, protagonistas d'o apropóseto.

N-o cuadro primeiro d'o primeiro auto, "A tascar", penso de min qu'o autor debía estenderse un pouquiño mais, pois ven a ser o prólogo, ou a esposición d'a obra en que se d'a á conocer ô púbrico o novelo de fio que n-as siguentes escenas se desenvolve. Non penso, por iso, qu'esto sea un defeuto de talla, defeuto que queda dispensado ô lêr os siguentes cuadros, entr'os que merecen mil aprausos os nomeados "Cousas d'a emigracion" e "Volta ô fogar", n-os que se pinta d'unha maneira que non merece tacha, as escenas que suceden cando o emigrado, despois de mil infertunios, retorna ô colo d'a familia.

Faltábame por decir o mais importante. A obra de Chumín está escrita n-a mimosa lingua gallega; n-esa lingua con q'os anxeliños deben parolar n-o ceo.

O lenguaxe é enxebre, anque de vez en cando cheira un pouquiño a castelán. A versificación é tamén manífica e de bon xeito pra pôrlle música. Tên versiños que valen calquera cousa, e non podo resistir o deseio de dar a conocer algun. Escarrancho ó libro —con perdon— e ô vultuntun saco este anaco d'o duo qu'entre Marica e Xan cantan n-o cuadro segundo d'o primeiro auto:

"XAN.

Si xa tiñas

N-os ollos as bagoíñas

Dispostas pra m'engañar,

Y-ô vertelas

Procatabas que con elas

Meu amor ibas pillár,

Pra de cote

Deixarme sobr'o gañote

A ilusion d'aquel querer,

¿A qué ferías

O meu peito con falsías?

¡Trasn'ou demo de muller!"

¿Pode darse algo mellor? Eu penso que non. Nin o lenguaxe nin a rima poden mellorarse, pois ademais d'a facilidade que revelan n-o autor, teñen o gusto gallego, d' unha maneira moi marcada y-enxebre.

O falado, é decir, a prosa, tên un encanto, unha forma tan natural, y-un coorido tan gallego, que n'hai mais que pedir. Mil lembranzas esperta iste libriño ô leer os modismos tan própeos d'a nosa lingua como por exempro:— «Aí que xente! —O que é hoxe —Ser son o demo —¿Seique tés gana de leria? —Nó, pois il.» etc., etc.; todo moi natural e todo puramente com'ó qu'en Galicia se fala.

Mil cousas boas podía asinalar n-o apropóseto d'o compañeiro Chumín, pro teño medo de cansar os meus leutores. Copearei sômente ista manífica paróla qu'enxerga un rapaz que preside n-o cuadro "Emigracion" á un fato de rapaces que saen â'scena vestidos con puchas de papel y-escopetas de cana, pretendendo asemellarse á unha compañía de tropa; paróla que parece feita pr'as circunstancias porque a España atravesa hoxe. Eiqui a tedes:

"RAPAZ.

¡Media vòlta pol-a dereita.... derei....! Alto....! ¡No seu lugar.... descansen! (Pasalles revista un por un.)

¡Compañeiros! (Ap.) Botareillel-a paróla que, pr'o caso, m'enseñou ònte meu tio Xerome. (Con moita enerxía.) A patrea gallega chámanos a defendel-o fogár. Aventureiros de mala facha lixaron a nòsa bandeira e faise mestèr que cada migalla de pringo se labe co'a sangue de cèn corazós enemigos. Non temamos ô númaro nin às ventaxas d'o armamento. Con pòlas de figueira escorrentaron os betanceiros a miles de foraxidos mouros, cand'o famoso tributo d'as "cèn doncellas": con fungueiros e fouces, si n-hai outra cousa, escorrentarèmos nosoutros ôs zumezugas d'o dia. Pardo de Cèla vixila os nosos pasos; Viriato-o-Régulo-recórdanos o seu linaxe; os fusilados n'o Carrál, amostrannos seu valimento. Probèmos, póis, que somos dinos de leval-os nòmes que d'esos guerreiros hèrdamos; Ioitèmos, com'ôs valentes d'o Medulio y-o Ponte Sampayo, e si a forza d'os alleos pode máis qu'a rosa, morramos apreixados â bandeira d'a pátrea, como morreu o batallon literario de Santiago n'os montes d'o Vierzo. Galicia, enton, bendecirá os nòsos nòmes: pedirá vinganza ô ceo, e desd'o fondo d'a cratedal de Santiago ergueráse fero o héroe de Clavixo, pra machucár baíx'os cascos d'o seu famoso cabalo ôs asesinos d'a honra d'a pátrea. ¡Compañeiros! Que nosos fillos non s'avergoncen nunca de que lles dimol-o ser; peleèmos como bos gallegos, e namentras teñamos alento berrèmos por chaus e penedos en son d'aturuxo ¡Viva Galicia!"

Siga o autor de "Non mais emigración'' o camiño comenzado por don Farruco d'a Igresia, o de donar â literatura gallega obras dramátecas que influirán moito pra erguer a lingua gallega; e teña en conta que recollerá aprausos á bau, comenzando eu por darlle os primeiros, qu'anque d'un compañeiro, non son aprausos nados pol-a amistá, si non pol-os seus merecementos.

 

ROQUE D'AS MARIÑAS

Habana, 6 d'Outubre de 1885.

Índice

 

 

 

O vento zoa

 

O VENTO zoa

nas outas lumieiras,

e do pinal viciño

óucese a fonda queixa.

 

Toquenando co sono

na lareira

están os cativiños

e namentras a nai salouca e reza.

 

O vento zoa

nas removidas tellas;

a saraiba inverniza

dun curisco, apredrea.

 

As ferintes saudades

medoñentas

nas almas arrequecen...

e namentras a nai salouca e reza.

 

O vento zoa

e unha cantiga enxerga

que de saudosos tempos xa pasados

as lembranzas esperta;

 

mais pensando no fillo

que levaran á guerra,

espello de aquel home

a nai, triste e dorida,

xa morto en terra allea,

xa non reza

porque coida que o vento

xeme tamén nas outas lumieiras

con laios tan firentes

como os dela.

 

Índice

 

 

 

Discurso de Manuel Lugrís no mitin de Solidaridad Gallega

(Betanzos, 6 de outubro de 1907)

 

Mariñáns e montañeses, homes traballadores e honrados, saúde.

O que agora ten o atrevimento de falarvos, é tamén un mariñán que tivo a grande sorte de nacer nesta bendita e ridente terra nosa; e coma tal mariñán, quérovos falar na lingua gallega, primeiramente, porque deste xeito entenderédesme mellor, e despóis porque un boletín da Coruña, que pra escarnio e vergonza do bon sentido leva o nome santo da nosa terra, dixo que se hoxe se vos parolaba en gallego, na fala que adeprendimos das nosas nais, na fala querendosa en que vosoutros namorástedes ás compañeiras da vosa vida e dos vosos infortunios, nais cariñosas dos vosos fillos, enterraríase no ridículo a propaganda de redención, de verdadeira libertá, que alborexa para esta terra. (Aprausos.)

Con todo o meu corazón quero esta terra mariñana, terra que defendín aquí i en terras de lonxe, gabándome sempre de sere paisano voso. Como tamén sobre a fala gallega, que é sagrada para nós, por ser un herdo dos nosos antepasados, deixaron caer a súa bulra os estúpidos que renegan do que nin siquera renegan as feras, quero hoxe, repito, falarvos na nosa fala, porque é unha fala honrada, na que aínda non se furtóu, na que non se escribiron os recibos dos consumos, e as notificaciós de embargo das vasas facendas, nin a declaración de soldados que arrinca dos vosos lares ós fillos cando vos fan máis falta para o duro traballo da terra. (Grandes aprausos).

Din por aí que a emigración é causa boa. Poida que por decontado o sea. Pero eu, mariñáns, que tamén fun emigrante, podo decirvos que é boa, como é bon que un sentenciado á morte negra fuxa, se pode, do cárcere; como un home fuxa da terra inzada de lobos, como o paxaro fuxa do cova das víboras. Que lle pergunten ao gallego por qué larga da súa terra, que lle pergunten cántas bágoas verteron os seus ollos ao dar o derradeiro adiós á terra quirida, ao cimiterio que garda as cinzas dos seus pais, á aldea quirida onde xogóu de pequeno ... ¡Que lle pergunten! E se eles responden, veredes qué negra noite de angustias, que doridos laios levan na ialma ao deixaren esta terra, que debía ser nosa, e que non podemos vivir nela porque non hai xusticia nin libertá senón para esa maldita casta que chamades caciques.

Eu que vivo na Cruña, teño visto ós emigrantes, famentos, pálidos, tristes, esconsolados, coas mans callosas de tanto traballo ... , que xa sabedes que desta terra fuxen os que traballan, pero non os zamezugas da política que teñen as mans suaves e levan os callos na ialma. (Un paisano grita: "¡Benia a nai que o paríu!").

Meus paisanos, meus irmãs, escoitade ... , escoitade ben. Non vos esquenzades, eu volo rogo, de que a unión é a forza, e se vos xuntades, non hai cañós que poidan con nosoutros.

Ben sabedes que hai un paxaro ladrón, fero e forte, que se chama o bexato. Este paxaro anda sempre voando sobre das vosas chousas agardando o momento de atopar unha víctima. Cando un pito queda solo na eira ou no curro, o bexato baixa como unha centella e cómeo. Pero hai outro paxaro cativo, o gorrión, que cando se ve atacado chama piando polos demás gorriós para que lle vallan, e como os gorriós teñen irmandade e axúdanse, xúntanse todos e bótanse sobre do bexato, e mátano. ¡Pois ben, marináns, xuntádevos todos vós contra dos bexatos da política que voan sobre dos vosos hórreos! (Atronadores aprausos).

E non coidedes que estas asociaciós para a vosa defensa é cousa nova nesta terra das Mariñas. Noutros tempos, no sigro XIII, habia unhos homes poderosos, condes, marqueses e nobres, que vivian en castelos nos cumes das montañas, sempre escollidos polos paxaros de rapina, e que se facian donos das vosas vidas, das vosas honras e máis das vosas terras. Un dia, un poeta marinán, chamado Patiño, que tiña na ialma a nobreza e fidalguía dos betanceiros don Víctor Naveira e don Juan Golpe que vos dirixen nestes tempos, xuntóu a todos os labregos das Mariñas ... e aqueles nobres, condes e marqueses, foron duramente escarmentados, os seus castelos desfeitos, e a xusticia cumprida; e de escravos fixéstevos homes libres pola razón da forza que sempre se encontra na irmandade e na unión, e a forza é un dereito cando nos queren curtar aquela de que sólo Dios é dono: a libertá e a honra.

Hoxe rexurden aqueles malos homes, que é ben certo que a mala herba non morre senón arrincándoa de rais e aplicándolle fogo; hoxe volven a facervos escravos, a roubarvos o direito de homes libresi, o tedes que tornar a xuntarvos fortemente contra dos bexatos do caciquismo. (Aprausos).

Escoitadeeste pequeno conto, que é de moito proveito.

Unha vez un vello petrucio estaba enfermo de morte. Xuntou rente do seu leito aos nove fillos que tiña, e díxolle ao máis pequeno que collera unha vara de bimbio e que a rompera. A vara rompeu facilmente. Despóis díxolle ao fillo máis vello, que era forte e valente que rompera as nove varas xuntas. Por moita forza que fixo, non puido nin siquera doblalas. Entonces dixo o vello petrucio: "a vedes, meus fillos, que unha vara sola é fácil de romper, pero todas xuntas non hai quen as dobre. Eu vou a morrer axiña, e rógovos que teñades sempre irmandá, que vos defendades todos xuntos, para que os os vosos enemigos non poidan facervos mal".

Seguide, pois, asociándovos; xuntádevos contra dos vosos enemigos, e seredes fortes, e seredes libres, e faredes libre e honrada, rica e poderosa, a terra quirida onde todos nacimos

¡Viva Galicia! ¡Viva a solidaridá! (Grandes e prolongados aprausos).

 

MANUEL LUGRÍS FREIRE, "Discurso", en EUGENIO CARRÉ ALDAO, Literatura gallega, segunda edición, Barcelona, 1911, pp. 496-498.

Índice