Obra

Uxío Novoneyra - 2010


 

VIDA | OBRA

 

 POEMA DOS CANEIROS

 

MANDEO inorde ó son da noite.

 

As ondas do río devalaban lenes

levando as barcas soltas pro infindo do mar i a noite.

 

Sobor das barcas:

as mulleres! o viño! as viandas!

 

As ondas do río devalaban lenes

levando as barcas soltas pro infindo do mar i a noite.

 

Comemos e bebemos pra ledicia.

 

As ondas do río devalaban lenes

levando as barcas soltas pro infindo do mar i a noite.

 

O viño i as viandas érguenme á lua chea.

 

As ondas do río devalaban lenes

levando as barcas soltas pro infindo do mar i a noite.

 

Cando o viño roxo que nun perde a coor no cor

xa non abondaba á nosa sede

chegemolos beizos a vasos máis fondos

 

As ondas do ría devalaban lenes

levando as barcas soltas pro infindo do mar i a noite.

 

As mulleres eran verdadeiras como o viño.

 

As ondas do ría devalaban lenes

levando as barcas soltas pro infindo do mar i a noite.

 

A medida que o tempo pasaba alongábame da morte.

 

As ondas do río devalaban lenes

levando as barcas soltas pro infindo do mar i a noite.

 

No milagre longo coidei seguir sempre nas barcas devalando.

(O Courel, nadal 1955)

 

LETANÍA DE GALICIA

GALICIA digo eu/un di GALICIA

GALICIA decimos todos GALICIA

ate os que calan din GALICIA

e saben sabemos

 

GALICIA da door chora á forza

GALICIA da tristura triste á forza

GALICIA do silencio calada á forza

GALICIA da fame emigrante á forza

GALICIA vendada cega á forza

GALICIA tapeada xorda á forza

GALICIA atrelada queda á forza.

 

libre pra servir

libre pra non ser

libre pra morrer

libre pra fuxir

 

GALICIA labrega GALICIA nosa

GALICIA mariñeira GALICIA nosa

GALICIA obreira GALICIA nosa

 

GALICIA irmandiña

GALICIA viva aínda

 

recóllote da TERRA estás mui fonda

recóllote do PUEBLO estás n'il toda

recóllote da HISTORIA estás borrosa

 

recóllote e érgote no verbo enteiro

no verbo verdadeiro que fala o pueblo

recóllote pros novos que vein con forza

pros que inda non marcou a malla d'argola

pros que saben que ti podes ser outra cousa

pros que saben que o home pode ser outra cousa

 

sabemos que ti podes ser outra cousa

sabemos que o home pode ser outra cousa

 

De tanto calar xa falo eu solo.

 


 

Enlaces en Galiciadigital.com

http://www.galiciadigital.com/pcd/Biblioteca/poesia/seculo_xx/longa_noite_de_pedra/escritores/invernia/principal_invernia.html

http://www.galiciadigital.com/pcd/Biblioteca/poesia/paso_de_poesia/home_paso.html

Elaces externos a Galiciadigital.com

http://www.uxionovoneyra.com/