Vida

Uxío Novoneyra - 2010


 

VIDA | OBRA

 

Uxío Novoneyra (Parada do Courel, 1930 – Santiago de Compostela, 1999)

 

Uxío Novoneyra, considerado un dos poetas máis relevantes en lingua galega de tódolos tempos, proxecta a súa obra enraizada na tradición e no popular, aínda que con destacadas tonalidades vangardistas nas que destaca o lirismo da palabra.

 

Fillo de labregos, naceu na montaña lucense, en Parada do Courel, o 19 de xaneiro de 1930, e adicou a súa obra a inmortalizar a fermosa paisaxe da serra. Sendo estudante en Lugo coñeceu a Manuel María con quen frecuentou o trato de intelectuais da anterior xeración como Luis Pimentel, Anxel Fole, Celestino Fernández de la Vega ou Ramón Piñeiro. Con 19 anos, Novoneyra trasládase a Madrid onde se matricula na Facultade de Filosofía e Letras. En 1951 regresa para facer o servizo militar, e entre 1953 e 1962 vive de novo en O Courel obrigado por unha doenza pulmonar que o tivo ás beiras da morte. Entre 1962 e 1966 volve a Madrid onde traballa na radio e na televisión. En 1973 casa con Elba Rei con quen tivo tres fillos que residían entre O Courel e Lugo. Instálase definitivamente en Santiago de Compostela en 1983.

 

En 1955 publica o seu primeiro libro de poemas, Os Eidos, con prólogo de Ramón Piñeiro. Seguíronlle Elegías del Caurel y otros poemas (1966), en edición bilingüe, e Poemas caligráficos. En Muller para lonxe reúne poemas de amor xa publicados e outros inéditos ilustrados con debuxos de Carlos Pardo Teixeiro e un epílogo de Claudio Rodríguez Fer. Ademáis da súa incursión na narrativa para nenos, destaca a oralidade da súa poesía que adquire matices especiais cando o mesmo poeta recitaba os seus propios versos. Unha proba máis do seu enraizamento co pobo e coa poesía popular, según afirma a Real Academia Galega.

 

O poeta foi elixido presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega, un cargo de ocupa ata o seu falecemento en outono de 1999. Novoneyra foi un poeta de entrega total, pero non de minorías, xa que sempre tivo unha gran preocupación pola comunicación co pobo. Tanto en “Os eidos” como nas súas outras obras, Novoneyra é capaz de evocar sensacións visuais, auditivas ou anímicas mediante a combinación e repetición de fonemas.

 

A poesia de Novoneyra ten moi pouco que ver coa dos outros paisaxistas galegos. Novoneyra é-valla a aparente contradicción- un poeta silencioso, e os seus poemas van moito máis alá do texto. As palabras pouquísimas evocan dun modo máxico o mundo no que o home esta inmerso, designando as cousas para que estas aparezan perante nós. Non describe: evoca, invoca. E hai outro Novoneyra coral, heroíco: o da Letanía de Galicia, do Viet Nam Canto.